Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os Premios Ramiro Carregal de oncoloxía poñen o foco na importancia da investigación científica



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)




Os doutores Xosé R. García Bustelo e César Serrano García recolleron onte en Santiago de Compostela os premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal correspondentes ao pasado ano e cuxa entrega tivo que ser atrasada a causa da pandemia. Uns galardóns que xa teñen aberta a convocatoria da décima edición.

Nunha gala marcada polas medidas sanitarias vixentes, o empresario e mecenas Ramiro Carregal abriu o acto cunha mensaxe de optimismo por poder finalmente celebrar a entrega dos galardóns “ao Dr. César Serrano, un mozo cuxos logros presentes auguran unha prometedora carreira, e ao galego Xosé Bustelo, un dos investigadores máis relevantes do momento no ámbito oncolóxico”.

Antes de proceder á entrega de galardóns, o Dr. Rafael López, presidente executivo do Xurado, deu lectura ao fallo e relatou os méritos que fixeron aos premiados acredores de tal honra. No caso do Dr. Bustelo, gañador do IX Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica, dotado con 20.000 euros, o Dr. López destacou a “enorme transcendencia do seu traballo no ámbito da investigación oncolóxica, pero tamén outros aspectos da súa carreira, o seu labor de xestión de iniciativas científicas cooperativas e a mentorización de persoal científico”.

Investigación, investigación e máis investigación”

Na súa intervención Xosé Bustelo agradeceu o premio ao Comité Científico e “en especial” a Ramiro Carregal, “un exemplo para seguir non só polo financiamento deste premio senón tamén porque o fortalecemento do sector de I+D+i do noso país debe vir da necesaria colaboración entre o sector público, a empresa e as asociacións dos pacientes”.

A pesar do que se avanzou, o Dr. Bustelo destacou que existen problemas aínda pendentes tanto desde o punto de vista científico como clínico. “O reto é aumentar as taxas de supervivencia dos pacientes con cancro desde o 55 % actual a, polo menos, un 75 % durante esta década”. E isto, sinalou, “só se poderá facer a través de tres cousas: investigación, investigación e máis investigación”.

Un raio de esperanza”

O labor do Dr. César Serrano, premio Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica, desenvólvese no ámbito dos sarcomas, “unha enfermidade infrecuente para a que un recoñecemento deste tipo é sempre un raio de esperanza” sinalou o premiado, quen quixo compartir o galardón “cos pacientes con sarcoma e cos seus familiares, e tamén cos médicos e investigadores dedicados a esta patoloxía”. Así mesmo, o galardoado agradeceu que se recoñeza “o esforzo e paixón que poñemos toda a mocidade que realizamos investigación en cancro en España. Seremos, de aquí a poucos anos, a próxima xeración de científicos deste país, e este premio facilita, sen ningunha dúbida, o camiño cara a ese futuro tan próximo”.

O Dr. Serrano, oncólogo médico no Hospital Universitario Vall d`Hebron, explicou o traballo desenvolvido polo seu equipo nos últimos anos na investigación en sarcomas, tanto clínica como traslacional e destacou algúns dos logros conseguidos, como “a aprobación internacional de dous novos fármacos; o ser capaces de implementar ideas do laboratorio na clínica, como dous ensaios clínicos en pacientes que naceron no noso grupo nos últimos 5 anos; e a xeración de modelos de laboratorio de múltiples tipos de sarcoma”.

Clausura e emprazamento á décima edición

O labor de ambos os investigadores foi posta como exemplo de traballo en prol da sociedade tanto polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como polo presidente da Xunta de Galicia, quen se referiu “á excepcionalidade destes premios tanto pola vocación filantrópica de Ramiro Carregal como polo talento e o compromiso dos premiados, reflectidos nas súas achegas ao coñecemento”.

Alberto Núñez Feijóo clausurou un acto que foi retransmitido en streaming para facilitar a asistencia de quen non puido estar presente no Hostal polas restricións de aforo. No desexo de todos, asegura a organización, está poder volver á “normalidade” o próximo ano, coincidindo co décimo aniversario do Premio, unha edición que ten aberto xa o prazo de presentación de candidaturas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)