Un virus que marca o compás
Cancelacións de festas, estritos protocolos anticovid e temor ao contaxio: a verbena galega agoniza fronte a un virus que ameaza con facela desaparecer. Un bloqueo diario para as 300 formacións rexistradas na comunidade e que, conforme resalta Víctor Antón, director de Gaiás Eventos, se atopan en “estado crítico”.

“Sen música, a vida sería un erro”. Non se enganaba Nietzsche ao augurar a importancia dunha disciplina que, na actualidade, é quen de mobilizar a miles de persoas deica os lugares máis recónditos da xeografía da nosa comunidade. E é que Galicia é, sen dúbida, a raíña da verbena, que logrou converterse nunha das xoias máis prezadas do noso patrimonio cultural e nun dos principais reclamos de lecer nocturno para todas as franxas de idade. Un sector que concentra o 70% da súa facturación estatal no noso territorio e que semellaba imparable ata que a pandemia o freou en seco.
A irrupción do coronavirus a escala mundial trouxo parello un asedio que non se circunscribiu exclusivamente ao ámbito sanitario, senon que foi responsable dunha crise económica e social sen precedentes que, logo de ano e medio, segue a marcar o porvir de numerosos colectivos. Un bloqueo diario para as 300 formacións rexistradas na nosa comunidade e que, conforme resalta Víctor Antón, director de Gaiás Eventos, se atopan en “estado crítico” dende o comezo do confinamento. Unha subsistencia encomendada a créditos bancarios cos que soster o barco e decenas de grupos “forzados a desaparecer”, tal e como apunta Diego Grande dende a cabeza da Asociación de Músicos Profesionais de Galicia (Amproega).
Un 14 de marzo do 2020 que todo o mudou. Un declive patrocinado pola prohibición de toda clase de celebracións e espectáculos perante o medo a contaxios en masa, ocasionando a suspensión repentina das festas xa contratadas e, por ende, anulando a viabilidade económica dos centos de orquestras que cada verán percorrían a comunidade. Unha sumisión na incertidume e na desesperanza acrecentada por un ERTE que non chegaba, obrigando a moitos músicos a reinventarse e redirixir a súa carreira profesional deica sectores como a construción, o comercio ou a hostalaría. Atopar “a un dos mellores cantantes de Galicia repartindo comida coa plataforma Glovo” foi o que levou a Pablo Franco, secretario da Asociación de Empresarios da Verbena Galega (Asevega), a plantexar o problema que supón que os asalariados sexan dados de alta só os días de actuación ou estacionariamente. Trátase, deste xeito, dun feito que impediu o seu acollemento aos expedientes de regulación por non figurar na Seguridade Social no momento no que se decretou o estado de alarma, véndose abocados ao desemparo por parte da Administración. Chegando a rozar o absurdo nalgúns casos, de ter sido promulgado só unha semana despois, coincidindo con San Xosé, moitos terían podido acceder a eles por ser a data na que as formacións máis potentes inician a tempada. Todo como resultado das relacións laborais que rexen o mundo do espectáculo e que, ata 2018, nin sequera contaban cun convenio regulador.
Aínda así, foron necesarias incontables protestas e mobilizacións para que a Xunta aprobase unha liña de axudas que remendase a vicisitude, cunha compensación económica de 500 euros por cada mes de inactividade entre o 14 de marzo e o 13 de outubro do pasado exercicio. Sen dúbida, insuficientes para un dano que semella irreparable no presente inmediato, con moreas de músicos e persoal técnico adicados a outras ocupacións e que, como refire Álvaro Agulla, director de verbenagallega.com, “non van a deixar o seu traballo para unha ou dúas actuacións”. Mais tamén no futuro xa que, conforme á visión de Manuel Fraga, presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO), haberá “un problema serio de persoal”, tendo en conta que a meirande parte non quere voltar á súa adicación ao descoñecer “que podemos ofrecerlles”. Ademais, engade, “moitas orquestras non pasarán esta proba” que supón o coronavirus.
Con escasas 20 formacións en funcionamento, Asevega alerta de que nos atopamos fronte ao peor verán da historia para a actividade, da que dependen a supervivencia de 450 empresas e preto de 5.000 familias en Galicia e 300.000 postos de emprego directos no conxunto do país. Porque a eventualidade non afecta só ás orquestras e grupos, senon a todas as sociedades e profesionais que, de xeito transversal, viron reducidos ou anulados os seus ingresos polo parón da verbena. Empresas de servizos, axencias de organización de eventos, representantes, pirotecnias, compañías de aluguer ou venda de material técnico e carpas, montadores de escenarios, condutores... Unha chea de traballadores e autónomos cun poder adquisitivo profundamente afectado pola pandemia, co seu máximo expoñente nos arredor de 100.000 feirantes e vendedores ambulantes que concentran 30.000 microempresas a nivel estatal. O motivo? A súa condena á ruína económica por carecer de dereito legal a solicitar axudas monetarias a razón da súa especial situación na Seguridade Social: nin de alta no réxime xeral nin no RETA cando se decretou o estado de alarma.
Pero, que supuxo realmente o afogamento da verbena para os seus traballadores?
(Extracto da reportaxe publicada no número 364 – setembro 2021)
Comentarios (0)