Habitados
É un agasallo contemplar o traballo dos nosos arquitectos. Rehabilitacións, obra nova, espazos interiores, urbanismo… Todos formarán parte da vida de milleiros de persoas durante xeracións. Estes son os que levaronos Premios COAG de 2021. Propostas elegantes, tirando o máis posible de materiais da contorna e, moitas das veces, agudizando o enxeño ao límite con orzamentos mínimos.

Unha fermosa imaxe de grupo onde desapareceron as máscaras que tapan sorrisos é o mellor recordo da noite do sábado 25 de setembro, cando se celebrou a Gala da XIX edición dos Premios COAG no Pazo Baión, en Vilanova de Arousa. Os gañadores posan coas figuras guerreiras en granito do escultor Francisco Pazos deseñadas para a ocasión e que lles lembrarán este día. Todas as súas obras “dan resposta ás necesidades de acubillo, traballo, educación, saúde e entretemento con calidade e integradas de forma harmoniosa”, dixo a decana do Colexio Galego de Arquitectos, Elena Ampudia. E rematadas entre o 1 de agosto do 2018 e o 30 de setembro do 2020.
En Vilanova estiveron máis de douscentos convidados do mundo da arquitectura galega, pero non só, como pasa con estas citas. Xente da política, a empresa e a cultura gozaron dunha entretida tarde na que o xornalista galego de TVE Xabier Fortes entrevistou a César Portela, o arquitecto que este ano foi galardoado por toda a súa carreira profesional.
Este ano houbo moitas obras nas categorías de rehabilitación e reforma interior traballos en reformas de vivendas que, respectando unha estrutura espacial herdada, engaden os mellores estándares de agora pero sen necesidade de grandes alardes enxeñierís. Estas reformas que lle dan unha volta á crise inmobiliaria conseguen dar uso a espazos ademais de integralos na contorna de cada vila e cidade.
Tamén as intervencións na paisaxe, con apenas catro elementos, conseguen transformacións que chegan á xente e. “Son obras que xiran ao redor do noso e que colaboran no mantemento e mellora do construido para que non sexa necesario seguir crecendo por crecer, dilapidando o territorio natural”, engadiu Ampudia. “É precisa unha política de rehabilitación integral que vaia dende a cidade, vila e aldea ata a vivenda, adecuando os espazos ás novas necesidades: envellecemento da poboación, desenvolvemento tecnolóxico, turismo de calidade, redución do uso dos combustibles fósiles cun novo modelo de traballo no que se recuperen as técnicas tradicionais, a racionalidade e o sentido común”. Porque construír de forma sostible non é máis que construír de forma lóxica, “adaptada ao lugar e cos medios materiais estritamente necesarios”. Polo demais o oficio precisa da axuda das Administracións Públicas para axilizar licencias, simplificación de papeles, claridade normativa, e a eliminación de restricións nos concursos públicos.
(Extracto da reportaxe publicada no número 365 – outubro 2021)
Comentarios (0)