“Para desconfiar do que o móbil poida facer con nós estamos chegando un pouco tarde”
O traballo de campo previo a vista de paxaro amosoulle ao xornalista e escritor Camilo Franco a terra de ninguén onde tentar sembrar o seu proxecto. Unha app vistosa, de uso sinxelo e que se move sen complexos no mundo limitados de caracteres onde a literatura tamén pode prosperar. Piso Franco, unha nova versión do libro de peto dispoñible nas tendas de Apple e Android.

Fixeches un barrido para ver todas as apps litarias que hai?
As app que se poden encontrar son versión dixitais de bibliotecas ou librarías. É dicir, levan o libro á pantalla, ben por venta, ben por subscrición. Les no móvil como les no libro dixital. Piso Franco é o espazo de publicación dun autor, en certo modo feito á medida e, neste sentido non encontrei outras aplicación similares.
Que ofreces de diferente?
Unha app que sexa de autor, que publique o que escribe ese autor, que combine xéneros, que manteña una interactividade entre quen escribe e quen le...non dei con ela.
Contas con máis colaboradores?
Hai colaboradores para as traducións, porque Piso Franco está en galego, castelán, inglés e portugués, e tamén para a revisión de textos. Obviamente, hai colaboradores na parte técnica. Na parte autoral é todo feito na casa. Por unha parte, recuperar textos literarios e xornalísticos semana con semana e logo tamén ir publicando textos novos. Nalgúns baixo demanda, é dicir: atendendo peticións como se fose unha orquestra popular.
Darache para actualizacións semanais?
Esa é a idea. O compromiso son dúas pezas semanas e, a priori, a intención é repartir entre unha claramente narrativa e outra que teña unha orixe xenérica menos evidente. Que pode ser máis periodística ou que podería ser clasificada así, pero que a intención é que estea máis nas marxes sen necesidade de ter que ser unha cousa ou outra. Eses textos que os medios non publican porque entenden que desorientan aos seus lectores.
Como contas que vaia ser a participación activa dos lectores?
É un asunto a construír. Porque quen len desconfiarán de ter que cambiar o seu rol e de que vai facer o autor con este ou con outro asunto. Sucede tamén que a relación entre autor-lectores ou unha unha relación entregada e acrítica ou está chea de suspicacias polas dúas partes. Aos autores non lles gusta que lles movan os marcos e para quen le hai como dúas actitudes xenéricas: influír máis no que le ou deixarse sorprender polos libros. O que espero é que cada quen faga o que queira e que sexa capaz de convecelos a case todos.
Os contidos serán maioritariamente literarios, pero tamén haberá crítica, reporterismo teórico e opinión. Existe o xornalismo dende a covid-19? Porque só semella haber unha voz…
O problema do xornalismo non é a covid-19. O problema é anterior, da crise económica anterior. Tampouco é un problema de que non haxa xornalista. É que ninguén quere pagar por facer este traballo. E non me refiro só ás empresas editoriais. Non teño os datos de detalle, pero o xornalismo foi unha das profesións máis maltratada pola crise económica anterior á covid. Maltratada por unha devaluación do seu valor económico e, ao mesmo tempo, castigada socialmente por non estar facendo o traballo que debía. Isto sumouse a unha crise de modelo da prensa escrita da que todo o mundo falaba pero ninguén lle puña solución. A Covid, no que ten que ver coa información, veu a xustificar métodos que xa estaban postos en práctica anteriormente: abandonar as fontes, xustificar todo na estatística do clic e dar noticias utilizando Twitter como fonte, as mesmas noticias que a xente xa pode ler directamente en Twitter.
A que te refires co de “ler doutra maneira”?
Ten dúas intencións distintas. A primeira é apartar a lectura desa idea cerimonial. A lectura literaria. Apartarse da idea de que precisas algunhas condicións determinadas para que a lectura alcance a súa dimensión correcta. Que si un espazo, que si un illamento, que a chaise longue. Todos eses condicionantes que estou parodiando un pouco e que veñen doutro tempo. Como se a lectura fora un acto superior. Pero o gran logro da humanidade é que a lectura sexa un acto cotián. Diría que a lectura, unha vez aprendida, é un acto reflexo, case instintivo. Ler doutro xeito quere dicir que a xente pode ler en calquera circunstancia e o acto da lectura segue sendo útil e alimenticio. O mesmo que leas seis horas no gabinete de lectura dun pazo que cinco minutos na parada do bus nun móbil. A lectura non depende dos soportes senón do que a lectora ou o lector queiran facer con ela. A segunda intención de ler distinto é que cambiando o soporte e o marco de lectura aparezan novas formas de escribir e tamén de ler.
A literatura disque foi transformándose en función dos soportes, non tes medo do móbil?
Creo que debemos desconfiar do móbil, claro. Pero non do que a narrativa poida ofrecer dentro del. Para desconfiar do que o móbil poida facer con nós estamos chegando un pouco tarde. Desde o punto de vista cultural o móbil é unha pantalla cunha competencia tremenda porque hai moreas e moreas de cousas que podes facer con el antes de apagalo. Creo que sería inxenuo desconfiar dunha app para ler cando o móbil xa nos fai tantas cousas. A outra parte: é obvio que a literatura cambia cando cambian os soportes. O que as pantallas dos móbiles dean para a literatura aínda temos que experimentalo.
O formato en papel queda para o despregue de imaxes e o deseño?
Isto que digo agora é un cálculo: o papel vai ter que gañar valor engadido. O libro ten que mellorar como obxecto porque se só ofrece texto non vai competir non só co teléfono, tampouco cos lectores dixitais. Pero mentres as pantallas non mellores (que tampouco é que isto vaia lento) mentres o mundo do libro entenda que é o que ten de singular sempre sempre poderá afondar nesas cousas e seguir tendo un papel. Cando falamos do libro e do seu rol, deberíamos ter presente que pasou coas enciclopedias. Eran útiles, había oferta e mesmo representaban unha forma de saber. Pero apareceu unha solución tecnicamente superior e alá foron. Aínda entendendo que o libro é un obxecto tecnicamente sofisticado e un soporte manexable e útil, non podemos non pensar que hai solucións técnicas que o superarán e que temos que estar nelas.
Ten cabida o texto no mundo da imaxe?
Claro. Tena. Pero non será como ata agora. Pensemos na historia de internet. Cando a capacidade de transmisión da rede era limitada (en comparación con hoxe) o texto era o principal argumento da rede. O principal contido. Na medida en que se incrementou a capacidade de datos, o texto foi perdendo texto e gañando imaxe primeiro, e imaxe en movemento despois. Só fai falta ver a evolución das redes sociais e ver como o vídeo foi gañando protagonismo. O texto non vai desaparecer porque a súa capacidade de adaptación é infinita e porque, digan o que digan os apocalípticos, non todo se explica cunha imaxe.
Quen esta detrás do deseño da túa app?
O deseño de Piso Franco é de Lois Rodríguez, que fundou Vieiros.com, o primeiro xornal dixital galego. O deseño é unha das chaves de Piso Franco: é bonito, ordenado e ofrece unha claridade de navegación e lectura que por pouca pantalla que teñas facilita moito entrar e ler. E o desenvolvemento da app foi realizado por unha empresa de Ourense que se chama Ideit.
(Entrevista publicada no número 368 – xaneiro 2022)
Comentarios (0)