Ucraína, o tren que descarrila
Problemas para o sector do metal, o gandeiro e conserveiro, engadidos aos encarecementos dos custos enerxéticos e medos crecentes a falta de materias primas e subministros. Estabamos pechando a crise Covid-19 e ábrense as portas a unha incerteza económica de consecuencias inesperadas. Démonos de bruzos máis que ante un conflito -sempre hai algún aberto e este levaba anos latente-, ante un xogo de poder xeopolítico onde as cabezas de turco son, coma sempre, os que fican debaixo do taboleiro.
Foi nunha xornada pensada para falar sobre as novidades de financiamento na industria que celebrou Asime xa o 24 de febreiro onde Enrique Mallón, Secretario Xeral, xa amosaba súa preocupación pola situación xa abertamente alarmante do conflito Rusia-Ucraína: “A automoción galega ten relación comercial directa cos dous territorios pero tamén a industria naval, as instalacións de frío, a tubaxe industrial… A preocupación é máxima”. O medo lóxico as sancións económicas a Rusia, que xa están en marcha, asomaba, “haberá unha afectación directa á industria galega e a economía mundial, que se enfrontaba xa a un panorama de incerteza polo encarecemento desorbitado das materias primas, os custos loxísticos e de enerxía e falta de persoal cualificado”. O presidente da CEG augura problemas ao sector do metal en Galicia porque Ucraína é unha potencia mineira, uranio, titanio ou o manganeso necesarios para a construción naval.
En cuestións de dúas semanas todo mudaba a velocidade de vertixe, e o que queda. “O impacto da guerra en Ucraína vai ser maior do que cremos”, di a ECO Jorge Cebreiros dende a CEP. “Complícase aínda máis o escenario económico, ata o de agora adverso pola incerteza sobre a subministración de gas ruso. Lembremos que as cadeas de subministración acumulan a tensión da pandemia, do colapso da Canle de Suez polo atasco do Ever Given, a crise dos microchips ou a subida das materias primas”. Aínda por riba, ao priorizar a resposta diplomática ao conflito “a UE non se vai a ocupar de definir o seu modelo industrial no curto prazo, algo que debería ser urxente, pola súa transcendencia”, denuncia o empresario vigués. “As consecuencias de carecer dunha estratexia de industrialización europea sufrímolas con dureza as empresas coa dependencia exterior, que deixou ao descuberto as nosas limitacións para producir a gran maioría dos bens e servizos”.
Os empresarios lucenses están igual. “Loxicamente preocúpanos moitísimo”, comentan dende a CEL a ECO. “Un conflito destas características non só afecta ás empresas que teñen relacións comerciais directas cos países implicados, senón que implica subidas de custos das materias primas e a enerxía, mesmo nalgúns casos problemas de subministración”. Isto implica perdas de produtividade e competitividade. “Se o conflito alóngase o incremento de prezos en todo tipo de produtos e, en especial, en básicos como a alimentación, a situación lastrará as economía familiares e afectará o consumo, o que compromete a recuperación económica”. A caída dos fluxos comerciais e os posibles desabastecementos de materias primas, como aceite de xirasol ou cereais, está aí tamén.
Dende a Autoridade Portuaria de Vigo o seu presidente,Jesús Vázquez Almuiña, engade que a guerra “terá afectación de forma directa e indirecta sobre o tráfico de mercadorías”, ademais de nas relacións comerciais intensas en ámbitos como gran e combustibles. Aínda que as cifras de movemento de exportación e importación con ambos os países a través do porto vigués son relativamente reducidas, 26.000 toneladas durante 2021, hai intereses de empresas galegas, a metade sociedades de Vigo e a súa área metropolitana. Neste caso ademáis a balanza comercial resulta moi favorable para as compañías desta zona: 94 millóns exportados e só cinco millóns en importacións. Non son grandes valores; en 2021 importáronse desde Rusa 12.000 toneladas, sobre todo de produtos pesqueiros e madeira e grandes pezas industriais. E exportáronse a Ucraína unhas 14.000 toneladas de peixe e coches dende Vigo. Con todo, Almuiña indica que un aumento do prezo da enerxía ou das materias primas podería tamén afectar de forma indirecta ao porto.
Os vetos e as súas consecuencias. Todo son sancións á Rusia de Putin. Ou non todo. Guo Shuqing, presidente da Comisión Reguladora de Banca e Seguros, foi preguntado na conferencia de prensa da nova oficina do Consello de Estado o pasado 2 de marzo se China introduciría medidas financeiras para sancionar a Rusia. E o dixo bastante claro, “ a posición do Goberno chinés e o Ministerio de Relacións Exteriores é consistente. No que respecta a as sancións financeiras, non estamos a favor delas, especialmente as que se lanzaron unilateralmente, porque non desempeñaron un bo papel e teñen pouca base xurídica. Non participaremos en tales sancións, e nós e as partes interesadas seguiremos mantendo os intercambios económicos, comerciais e financeiros normais”. Pero Europa e Estados unidos están noutro lado deste xogo xeopolítico.
Malia que a relación comercial que temos con Rusia é menor ca con Ucraína sobre todo en agricultura e pesca, porque xa non se podía exportar estes produtos desde 2013, de falarmos dun veto total faría perigar os 393 millóns de euros que xerou no 2021 a Galicia este comercio. Poida preocupar máis o flanco importador: petróleo e hulla rusas. Pero dende Repsol na Coruña, apuntan que non haberá problemas de subministración na planta nin parada de actividade porque teñen unha lista de provedores moi diversificada: “Buscarase outro mercado, a produción é moi flexible. Na terminal galega tamén está garantida a continuidade xa que boa parte dos gaseros que descargan en Mugardos proceden de Estados Unidos e Rusia, pero isto non sempre foi así. De feito, antes de 2018 non chegaban a España metaneiros rusos.
Que lle vendemos a Ucraína. Este é un país cunha poboaicón semellante á española que nos últimos dous anos disparara un 33% as compras de produtos galegos. Así o certifican as estatísticas do Ministerio de Industria, que elevan 102,9 millóns as exportacións que Galicia realizou ao país centroeuropeo só entre os meses de xaneiro e novembro deste ano. A cifra representa un salto respecto a os 85,9 millóns alcanzados nun 2020 marcado pola crise do Covid-19, pero tamén fronte aos 77,5 millóns cultivados en 2019, o ano previo á crise pola pandemia.
Estes 102,9 millóns de euros de exportacións galegas a Ucraína quedan lixeiramente por baixo dos 113,3 millóns de euros que as empresas da comunidade facturaron coas súas vendas a Rusia tamén nos once primeiros meses do ano. E as vendas tocan sectores crave como o téxtil, a automoción e as transformadoras de peixe. E é que practicamente a metade dos 103,9 millóns de euros que Galicia exportou a Ucraína nos once primeiros meses do ano correspóndense a vendas do sector da automoción. Esta cantidade case duplica aos 24,6 millóns de euros aos que ascenderon as vendas de peixe conxelado procedente de Galicia e triplica aos 15,5 millóns de euros en exportacións de produtos químicos como os insecticidas, que copan o podio de produtos galegos máis vendidos en Ucraína
O peor, o que mercamos. Pero o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, indica que o problema máis perentorio para a economía galega vén ao lado das importacións, sobre todo o aceite de xirasol que chega ao porto de Vilagarcía de Arousa e é fundamental en conservas de peixes e mariscos. Empresas como Coren están especialmente preocupadas polo posible desabastecemento (compra mensualmente 50.000 toneladas de millo e trigo que dende o inicio encareceuse en 100 euros, págase a 350 a tonelada, prezo récord no histórico, e segue subindo) pero Estrella Galicia, tamén, porque depende da cebada de ucraína.
Isto vai repercutir en todos os produtos do supermercado, o incremento dos custos das materias primas para o sector agroalimentario galego súmanselle os elevados prezos dos combustibles e a electricidade. Cunha escalada histórica os niveis aos que pode chegar a inflación nos próximos meses son inesperados.
(Extracto da reportaxe publicada no número 370 – marzo 2022)
Comentarios (0)