Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O que herdamos coas herdanzas



CANDELA IBOR · PUBLICADO O 06 DE XUñO DE 2022 · (0)




Estamos en cifras récord de renuncias a elas. 3.100 galegos desentendéronse en 2021 dos seus legados, un 22% máis que un ano atrás. Malia que temos unha política impostiva laxa en comparación co resto do Estado os impostos para sobriños ou irmáns son altos. Mentres, este mes de abril a comisión Xunta-estado decidirá se Facenda bota a abaixo as prezadas herdanzas en vida do noso dereito civil ou se conseguimos salvalas da queima.

Os testamentos e as herdanzas alcanzaron cifras históricas nos días de máis mendos aos efectos do coronavirus. O  Colexio Notarial de Galicia, que é quen recolle esta realidade, anota esta conclusión tras analizar os seus propios datos, os dos actos formalizados en 2019, 2020 e 2021. “A  incerteza ante o futuro e a preocupación  pola  posibilidade  dun  falecemento repentino animaron a moitos  deixar so  seus asuntos  resoltos en materia sucesoria”.  Pero tamén anotan outra realidade: a aumento considerable das renuncias da estas herdanzas por non poder pagar os impostos a ela asociados, porque non son todas iguais.

“Os últimos datos compartidos polo Centro de Información Estatística do Notariado (CEN) constatan unha tendencia que previramos ao comezo da pandemia”, explica Abel Marín, avogado e socio de Marín & Mateo Avogados.  As herdanzas, os testamentos e as doazóns atópanse en cifras récord tamén no resto do Estado. “Os procesos de herdanzas alónganse máis no tempo como polo chamado efecto rebote”, contúa o letrado autor do libro “Protexe a túa herdanza”. “En definitiva, podemos relacionar estes números tan elevados coa incerteza polo futuro que trouxo a pandemia e coa solidariedade entre achegados para superar da mellor maneira posible a crise”.

A nosa peculiariedade. No caso galego contamos a maiores con outra interesante ferramenta do noso dereito civil. Un galego pode deixar parte da súa herdanza a un fillo -por apartación- ou un descendente -por pacto de mellora. Ten que facelo, iso sempre, en escritura pública ante notario. Son pactos sucesorios nos que adiantar antes do falecemento, moitas veces inesperado, a sucesión de bens que ten moitas vantaxes, como dinamizar o patrimonio pasando propiedades para que se poñan en valor. Tamén favorecen a sucesión nas empresas e aumentan a liberdade á hora de distribuír coas necesidades dos herdeiros.

Ata 2015, uns 11.000 galegos acollíanse anualmente a esta figura, e foi no 2016 cando se duplicou a cifra de pactos, que seguiu crecendo de forma imparable. Pois ben, o ano pasado esta figura medrou mais ca nunca: houbo 42.100, unha suba do 39 % respecto a 2020. Recuperáronse pactos sucesorios que quedaron embalsados durante os meses de confinamento reducindo todas as transaccións e operacións patrimoniais.

Pero a parte máis substancial do salto adiante só pódese entender polo cambio impulsado polo Goberno de España a mediados do ano pasado e que entraría en vigor no presente, -queda por ver- limitando os beneficios fiscais das familias que se acollen a esta figura. A Lei Antifraude 11/2021 publicada no BOE do 10 de xullo do pasado ano implanta cambios de todo tipo, entre eles nos pactos sucesorios ou herdanzas en vida suprimindo as vantaxes fiscais se os bens obtidos por esta vía transmítense antes de cinco anos, o que afecta a Baleares, Aragón, Cataluña e, por suposto. Galicia. Facenda puxo a lupa nelas porque hai que recadar de debaixo das pedras penalizando aos sucesores que venden a propiedade herdada en vida antes de cinco anos cando o proxenitor aínda vive, entendendo que son operacións fraudulentas para evitar o pago das plusvalías xeradas polas propiedades.

En defensa. A Xunta, pola contra, di que galegos que se acollen aos pactos sucesorios son na súa inmensa maioría familias normais que só buscan poñer en valor no momento que o necesitan propiedades que se converterán en herdanza máis adiante ou que dinamizan a sucesión nas empresas, o que non se debe castigar. E presentou unha queixa formal ao Executivo conseguindo matizar algún aspecto na aplicación da lei, pero persiste a idea de eliminar atractivo dos pactos sucesorios provocando un duro informe técnico da Xunta que esmiuza cuestións consideradas inconstitucionais e aquelas que supoñen un ninguneo ás competencias autonómicas. Ademais, considera incongruente que unha herdanza en vida deixe de ser fraudulenta polo feito de que se produza a venda do ben transmitido un mes máis tarde de recibilo ou cinco anos despois, como puxo Facenda como límite. Ou que a persoa á que finalmente se penalice con subidas no IRPF sexa a que recibe o ben (os fillos normalmente), e non o que xera a suposta fraude (os proxenitores).

O Goberno galego pediu unha comisión bilateral cos representantes legais do Estado, que foi aceptada e que leva traballando dende o mes de novembro. A vía do diálogo segue aberta ata este mes de abril. Entón, se non hai unha rectificación, exporase un recurso ante o Tribunal Constitucional.

(Extracto da reportaxe publicada no número 372 – maio 2022)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)