Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Milímetros de plástico



AITANA IGLESIAS MARQUEZ · PUBLICADO O 04 DE AGOSTO DE 2022 · (0)




A contaminación das augas é unha ameaza planetaria, sendo os microplásticos unha das maiores aportacións a esta eventualidade. Estas partículas, xeradas as partir da actividade industrial e da súa presenza en produtos de consumo doméstico  destinados ao aseo, á limpeza de superficies e ao uso cosmético, chegan ao mar e fragméntanse en anacos inferiores aos cinco milímetros pola acción das ondas e dos raios solares. 

 

Na súa viaxe a través dos ecosistemas, os microplásticos ingresan na cadea alimentaria por medio do plancto e doutras especies vinculadas ao hábitat mariño, como son os peixes, as tartarugas e determinadas aves, comezando un proceso cíclico que afecta a todos os seres vivos no seu conxunto.

Afectación global.

Malia ser os países desenvolvidos quenes máis contribúen a esta problemática, os pertencentes ao terceiro mundo son tamén afectados directos dela, dado que o impacto desta vicisitude dáse non só na esfera ecolóxica, senón tamén na sanitaria e na socioeconómica a nivel xeral.

 

A eficiencia pasa por clasificar.

Un fenómeno emerxente cuxa deficiente xestión ambiental preocupa a investigadores da Universidade de Santiago de Compsotela (USC), que traballan en 'Presage', un proxecto que procura un tratamento descentralizado das augas residuais, separándoas conforme á súa natureza (industrial, hospitalaria, doméstica ou procedente da chuvia). Todo coa finalidade, como informan os condutores da iniciativa, de abordalas “de maneira independente segundo as súas propias características”.

 

 

Ao descuberto.

A idea, que plantexa a creación de pequenas depuradoras, foi dada a coñecer na 12ª Conferencia Micropol & Ecohazard, celebrada na capital galega o pasado mes de xuño. Impulsada polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Mabientais (CRETUS) da USC, a xuntanza reuniu a 300 especialistas de 41 nacionalidades, aos cales os integrantes do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS desvelaron as claves de 'Presage'.

 

A saúde humana, implicada.

Nesta liña, Francisco Amil, investigador principal do equipo, presidente do congreso e catedrático en Enxeñaría Química pola USC, explicou que, entre outros, estanse a detectar restos de fármacos e hormonas nas augas, que provocan “diversos efectos sobre os organismos como malformacións, cambios na conduta sexual ou esterilidade”. Tal e como recoñeceu, os disruptores endócrinos desencadean a feminización ou masculinización de especies, afectando non só á fauna senón tamén a nós mesmos, facendo “necesarias especiais medidas de tratamento […]". 

(Extracto da noticia publicada no número 374 – xullo 2022)




Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)