Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pensionistas con traballo


Chegar á idade de retiro xa non é garante para deixar a adicación laboral a un lado.


AITANA IGLESIAS MáRQUEZ · PUBLICADO O 28 DE SETEMBRO DE 2022 · (0)






Dende o 1 de xaneiro de 2022, a idade legal de xubilación en España é de 66 anos e dous meses para quen teña cotizados menos de 37 anos e medio; de superalos, é posible solicitar a condición de pensionista a partir dos 65 anos.

Mais, aínda de recibir o 100 % da percepción, retirarse conleva unha merma do 20 % dos ingresos mensuais, afectando gravemente á economía individual e familiar. Por iso, son moitos os asalariados que se decantan por continuar ao tempo no mundo laboral para sumar cotización extra e poder mellorar a súa situación. En definitiva, se abrir a un futuro no que os malabarismos diñeirarios non constitúan a tónica habitual e poidan aterrar de cheo e con seguridade na súa nova etapa.

 

Ao tempo.

Tanto sexa a xornada completa ou reducida, no noso país é posible compatibilizar a empregabilidade co cobro íntegro ou parcial do subsidio por xubilación. Soamente é preciso valorar as fórmulas dispoñibles para seleccionar a que mellor se axeite ás necesidades de cada un.

 

Xubilación activa.

É unha modalidade na que a Seguridade Social permite acceder ao 50 % do subsidio a traballadores autónomos ou por conta allea, tanto acometan xornadas laborais completas como parciais. No caso concreto dos segundos, poderán cobrar dita cantidade ou chegar ao 100 % se cumpren unha condición: ter empregada a unha persoa que realice a súa mesma actividade.

As excepcións que dadas as súas especiais condicións non poden acollerse a esta fórmula son os funcionarios do Estado e os autónomos societarios ou que integren unha comunidade de bens.

 

Requisitos.

Para poder solicitar a xubilación activa é preciso ter dereito ao 100 % da base reguladora da prestación e traballar un mínimo de 12 meses adicionais unha vez cumprida a idade ordinaria de xubilación.

 

Que supón para as empresas?

De atoparse cun traballador que desexa continuar a desenvolver a súa vida profesional, as compañías non deben entrar en pánico, xa que a súa única obriga, a partir dese momento, é a de cotizar polo traballador. Fóra a imposición de manter o nivel de emprego do interesado mentres permaneza no seu posto.

 

Xubilación parcial con adianto de retiro.

Permite adiantar o cobro do retiro mediante a redución da xornada laboral, recibindo unha contía inversamente proporcional á adicación horaria. Xubilarse con esta fórmula é posible sen penalizacións de ningunha tipoloxía acordando coa empresa un contrato de relevo.

 

Criterios.

Deste xeito, o traballador podería acceder ao subsidio que lle corresponda unha vez cumpridos os 33 anos cotizados cunha idade mínima de 63 anos e tres meses. Casos á parte serían os empregados da industria manufactureira, que poden acceder a partir dos 61 anos, e quen conte cunha vida laboral de 35 anos e medio ou superior, que poderá solicitala con 62 anos e dous meses. 

 

(Extracto da noticia publicada no número 376 – setembro 2022)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)