Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental
Marta Amor, psicóloga de FEAFES:
A campaña 2022-2023 empeza agora coa selección das máis de 50 mulleres que terán un ano por diante para aprender unhas doutras da man de psicólogas a facer fronte a muros máis altos que os que escalamos o resto. E co peso do prexuízo sobre os ombreiros. Por sorte, cada ano máis empresarios galegos empregan a xente con diagnose de enfermide de saúde mental. E repiten porque están satisfeitos. Falamos con Marta amor, psicóloga de FEAFES e técnica do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade.
Como chegan a vós as participantes? Derivadas do Sergas?
Pois por distintas vías: por un coñecido ou coñecida, efectivamente derivadas polas Unidades de Saúde Mental, dun traballador social, dun psiquiatra, dun psicólogo… Mesmo proceden doutras entidades ou da Oficina de Emprego. De moitos lugares.
O 31 de agosto concluístes o programa 2021-2022, onde atendestes a 51 mulleres. Canto tempo traballades con elas?
O programa ten unha duración anual e agora empezamos coas entrevistas de valoración para a próxima convocatoria. Despois, iremos formando os grupos para comezar xa e rematar en agosto de 2023, malia que as datas poden variar un pouco.
Hai un mínimo e un máximo de prazas?
Si, depende do que se conceda na subvención, porque facemos unha solicitude e chéganos unha resolución coas horas que temos que atender. Mais sempre tentamos que os grupos non excedan as dez persoas, algo digamos sinxelo para que elas se podan coñecer, formar alianza e que, ao mesmo tempo, sexa exitoso. Nun grupo moito máis grande non daría tempo a traballar determinadas facetas.
Cal é o teu papel?
Fago as entrevistas de valoración de necesidades, a coordinación con outras entidades para dar pé aos obradoiros e a atención directa ás mulleres que participan neles. Eu estou en Santiago, mais hai outras cinco compañeiras que traballando no resto de delegacións.
Cantas das mulleres que participan conseguen, por exemplo, atopar traballo? Porque este colectivo, de entrada e tanto entre homes como en mulleres, ten a taxa de emprego máis baixa de todas as discapacidades, arredor do 15%.
Aínda non podo concretarche a nivel Galicia, mais da Delegación da Coruña foron tres as mulleres que accederon a un posto de traballo das dez que participaron. O noso punto forte, precisamente, é o traballo en orientación laboral. Malia que as mulleres chegan en situacións moi diferentes, hainas que están a traballar, outras están de baixa, xa sexa por mor da enfermidade mental ou por outras cuestións, hainas con contratos parciais que logran un aumento da xornada… A nivel de selección non temos requisitos. Non é preciso estar desempregada para participar.
(Extracto da entrevista publicada no número 376 – setembro 2022)
Comentarios (0)