Agasallos inesperados
A alegría vende pouco, salvo no deporte. Tras a pandemia, Putin e o cambio climático explicarán case todos os padecementos vidos e por vir.
O 29 de agosto a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, aseguraba que para que Galicia voltase á normalidade facía falta un mes de chuvias moderadas e continuas. Coma se dunha pregaria á Virxe da Cova se tratase, empezou a diluviar ao peche deste número.

Os ceos cubríronse de nubes a madrugada do domingo 4 de setembro, sobre todo na provincia da Coruña. Tras Zas, Santa Comba rexistrou 35,5 litros por metro cadrado; Carnota, 21,5 litros. E o martes 6 non se salvou ningunha provincia de recibir unha auga que é máis festa que nunca.
Os encoros galegos suman unha capacidade de 3.220 hectómetros cúbicos -un hectómetro cúbico son mil millóns de litros- dos que había embalsados 1.599 litros, o 49,6 %. O Instituto Nacional de Estatística di que, de media, cada habitante consome arredor de 130 litros de auga ao día, polo que a capacidade da maioría dos nosos encoros, mesmo sen chuvias, antóllase suficiente para abastecer durante un par de meses á poboación.
Pero as alarmas continuaban activadas pese á chegada das primeiras pingas, ao estar xa a menos do 50 % da súa capacidade. Tres deles aínda peor, por debaixo do 30 %: o encoro Barrié de la Maza, no río Tambre, entre Negreira e Brión (A Coruña); o de Edrada, entre Montederramo e Parada de Sil (Ourense) a un 21 % da súa capacidade; e o de Vilasouto, no Incio (Lugo) a un 29 %.
Situacións similares á nosa vivíronse en moitos puntos do hemisferio, e aínda peores no resto de España. Esta escaseza de chuvias e augas fai que saian á luz restos arqueolóxicos e urbanos asolagados baixo os pantanos. Normalmente coñecidos, mais non sempre expostos como ocorre agora. Antes de que se cubran de novo, facemos un repaso por estas pegadas do home… e dun dinosauro!
CAMPAMENTO ROMANO AQUI QUERQUENNIS. BANDE, OURENSE
Só de cando en cando se pode ver en todo o seu esplendor este importante asentamento, porque os restos permanecen afundidos durante boa parte do ano. O encoro das Cunchas, a peche deste número ao 45 % da súa máxima capacidade, alberga baixo as súas augas os restos de “A cidá”.
É un Ben de Interese Cultural (BIC) desde 2018, polo que se organizan visitas guiadas da man do Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, institución que alberga igualmente o Museo da Quarquenia. Sen dubida, un bo plan de fin de semana. Este campamento é un dos maiores da Península Ibérica, mais non moi coñecido polos galegos. Ou, polo menos, non como merece.
(Extracto da noticia publicada no número 376 – setembro 2022)
Comentarios (0)