Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Imos por libre, nós somos a marca”



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 18 DE OUTUBRO DE 2022 · (0)




Juan Lusquiños xunto á psicóloga Mónica Novas, puxo os 30 anos de experiencia que el atesoura no sector hostaleiro, para pór en marcha en 2019 a casiña rural de Mónica en Meis, “Made in Fofam”. E foron en serio na pandemia: “Vimos que a xente escapaba buscando espazos privados e pensamos que si, que a idea ía funcionar”. E fíxoo: en apenas catro anos suman sete casas que escollen e restauran, con encanto mais a custos axustados.

Agora mesmo, co selo Agrochic xestionades sete vivendas, entre elas dous apartamentos no Grove. Necesitastes financiamento importante ao comezo ou tirastes de aforros e empréstitos?

Coordinando aforros e préstamos fomos empezando aos poucos e dunha a unha.

Recibistes apoio ou asesoramento de aceleradoras, cámaras de comercio, programas da Xunta…?

Non. Simplemente decidímonos a facer realidade o proxecto, non gozamos de axudas de ningún tipo.

Cales das vosas vivendas teñen máis demanda?

Pois todas, porque a verdade é que o noso perfil de negocio adecuouse a todos os ámbitos. Ademais aceptamos mascotas, posto que un grande número de xente que viaxa con elas non ten a oportunidade de ir a ningún sitio ao non deixarlles aloxarse con animais. Así que a demanda tamén é bastante alta por este motivo.

Entendo que as Rías Baixas é o destino máis rendible, pero estades a pensar en abrirvos a outras zonas?

Tamén é máis barato o custo da compra na Ribeira Sacra, en diversos puntos dos distintos Camiños de Santiago… Si, actualmente temos todo aquí nas Rías Baixas, pero estamos a pensar en abrirnos un pouco máis lonxe, pola zona de Santiago. Se cadra ampliemos o proxecto a outra provincia.

Formades parte dalgunha rede de turismo rural?

Sentídesvos integrados dentro deste negocio ou para vós é outro concepto e preferides ir por libre? O noso concepto de negocio é ir por libre. Nós somos a marca e imos seguir así.

Buscades casas non moi grandes e tradicionais. Algún requisito cos materiais ou xa lle dades forma vós?

Procuramos aloxamentos tradicionais pero que nos digan algo, sexa unha zona da casa, a estrutura, onde está localizada… O único requisito é que sexa bonita e despois xa lle imos dando forma nós ao noso gusto, como facemos en todos os inmobles.

Encargádesvos de todo?

Do deseño e do proxecto de reforma, de buscar o equipo que traballa nela, da selección de materiais e pinturas... Si, nós encargámonos de todo. Facémolo todo nós, ainda que temos un equipo de albanel, fontaneiro e electricista para obras maiores.

Notastes o encarecemento de custos en determinados materiais ou foise normalizando?

Pois a verdade é que ando sempre procurando a mellor oferta así que, se un se encarece moito, busco outro. Agora está todo globalizado e todo se pode atopar ainda que tarden un pouco máis en traercho, pero ao final abaratas custos.

Restaurades tamén os mobles?

Atopastes algunha “xoia” nas vosas adquisicóns de casas que fose unha sorpresa? Pois si, renovamos os mobles e atopámonos sorpresas marabillosas que están nas casas xa restauradas e valóranse. Pasa por exemplo cos armarios, porque cando a xente vende as vivendas non os move. Tamén cómodas, algunha cadeira mecedora, mesiñas, lámpadas… E xa non che digo chaves de luz antigas ou cociñas de leña. Moitas cousas das que se ven dentro das casas.

Encargádesvos, asemade, das incidencias que lles podan xurdir aos hóspedes?

Se son cousas pequenas encárgome eu, de aranxos moi sinxelos, claro. Se é unha avaría importante, como xa comentei temos este equipo de profesionais que acoden ao momento para acometer a reparación.

Estades contentos co proxecto? 

Si, estamos moi contentos e a seguir así. Imos tratando de que a cousa funcione. Este ano e o pasado estiveron moi ben e están a entrar de novo reservas de clientes que xa estiveron nas casas. Estamos moi felices.

Galicia está por descubrir ou mellor que quede así?

Galicia sempre foi un destino marabilloso para a xente da metade cara abaixo da Península debido á suavidade das temperaturas, porque buscan fresco, gastronomía e é máis barato que o Mediterráneo. Así que está por descubrir, sobre todo o rural interior. Hai viaxeiros que comezan a se cansar da costa e buscan espazos únicos.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)