A lei do máis rico
As cifras marean pero son esclarecedoras. O 1 % máis rico acumula case o dobre de riqueza que o resto da poboación mundial nos últimos dous anos. Durante a última década, os súper ricos acapararon o 50 % da nova riqueza xerada, cifra que acaban de superar, revela un informe de Oxfam. E entre eses súper ricos españois, tres dos cinco primeiros da lista Forbes 2022 están en Galicia.
Ademais dos nomes habituais que encabezan a lista, Amancio e Sandra Ortega de Inditex, entre os españois máis ricos na última lista Forbes figura, no quinto posto, Juan Carlos Escotet. O banqueiro hispano-venezolano residente en Galicia é presidente e principal accionista de Banesco Grupo Financeiro Internacional e de Abanca, a través da cal é accionista destacado de Nova Pescanova e maioritario do Real Club Deportivo da Coruña.
"Abanca e Banesco Internacional suman, no seu conxunto (a decembro de 2021), máis de 11.000 empregados e 6,9 millóns de clientes. O volume de negocio conxunto supera os 124.000 millóns de euros e o patrimonio neto sumado é de 5.817 millóns de euros", indica o informe de Forbes. Malia iso, a inversión da autodenominada 'entidade galega' na comunidade dista moito de ser a esperada, como ben desvelamos en ECO hai uns meses.
O que perdeu Galicia
O que perdeu Galicia coa reconversión financeira era o título daquela reportaxe na que se analizaba a transformación do panorama financeiro na última década e se obtiña unha imaxe desoladora. Non só pola colosal perda de sucursais, tamén polo brutal incremento do desemprego no sector, pola desigualdade , o aumento de comisións e –moito máis relevante– pola perda de servizos que recibía a cidadanía galega. En 10 anos perdéronse máis de 130 millóns de euros en obra social na nosa comunidade. Curiosamente, os beneficios “declarados” das entidades non só non baixaran senón que aumentaran.
E ségueno facendo á vista da última lista Forbes, publicada case ao mesmo tempo que Oxfam daba a coñecer o seu informe A lei do máis rico que amosa un incremento simultáneo, por primeira vez en 25 anos, da riqueza e a pobreza extremas no mundo. Segundo o informe da ONG, o 1 % máis rico da poboación posúe o 45,6 % da riqueza mundial, mentres que a metade máis pobre tan só ten o 0,75 %.
"Mentres a xente corrente fai sacrificios diarios no esencial como os alimentos, os súper ricos superaron mesmo os seus soños máis ousados", indicou Gabriela Bucher, directora executiva de Oxfam Internacional. "Só levamos dous anos e a presente década xa se perfila como a mellor ata a data para os milmillonarios: unha década dourada de bonanza económica para os máis ricos do mundo".
A riqueza dos milmillonarios aumentou a un ritmo desconcertante. Desde 2020, coa pandemia e a crise do custo da vida, o 1 % máis rico acaparou 26 billóns de dólares (o 63 % da nova riqueza xerada), mentres que ao 99 % da poboación só chegaron 16 billóns de dólares.
Pero son moitos os datos que estremecen neste informe: por cada dólar de nova riqueza global que percibe unha persoa pertencente ao 90 % máis pobre da humanidade, un milmillonario leva 1,7 millóns de dólares. A fortuna dos milmillonarios creceu a un ritmo de 2.700 millóns de dólares diarios, ao que se suma unha década de ganancias históricas na que o número de milmillonarios, e a súa riqueza, duplicáronse.
No mundo
Mentres tanto, uns 1.700 millóns de traballadores viven en países onde a inflación crece por riba dos salarios, e máis de 820 millóns de persoas en todo o mundo pasan fame (aproximadamente unha de cada dez). Segundo o Banco Mundial, poderiamos estar ante o maior incremento na desigualdade entre países e a pobreza desde a Segunda Guerra Mundial. Países enteiros están ao bordo da bancarrota. Os máis pobres destinan catro veces máis recursos ao servizo da débeda (en mans de ricos acredores) que aos servizos de saúde pública. Tres de cada catro Gobernos do mundo teñen previsto recortar o gasto público por un importe total de 7,8 billóns de dólares aplicando medidas de austeridade durante o próximos cinco anos, o que se estende aos sectores da saúde e a educación.
Por todo isto, Oxfam insta a elevar de maneira sistemática e xeneralizada a tributación sobre os ultra ricos para compensar parte das enormes ganancias que acumularon durante a crise, en moitos casos procedentes de fondos públicos usados para os plans de estímulo e que se sumaron a décadas de privilexios fiscais para as grandes fortunas e grandes empresas. Iso provoca, desvela a organización que traballa para aliviar a pobreza no mundo, que en moitos países as persoas con rendas máis baixas acaban pagando tipos impositivos efectivos superiores aos que tributan os milmillonarios. Elon Musk, un dos homes máis ricos do mundo, pagou un tipo impositivo real do 3 % entre 2014 e 2018, mentres Aber Christine, vendedora de fariña de Uganda, paga en impostos o 40 % do que logra facturar, gañando apenas 80 dólares ao mes.
A metade dos milmillonarios do mundo vive en países que non aplican ningún tipo de imposto de sucesións á riqueza que estes transfiren aos seus descendentes directos. Por tanto, cinco billóns de dólares irán parar, libres de impostos, aos seus correspondentes herdeiros; un importe que supera o PIB de África e que perpetuará unha nova xeración de elites aristocráticas.
En España
Respecto ao noso país, a organización asegura que en 2008 o 1 % máis rico concentraba o 15,3 % da riqueza neta total. En 2021 xa acaparaba o 23,1 %, aproximadamente un de cada catro euros. "A evolución da desigualdade en España é un fenómeno preocupante: mentres os salarios perden peso e capacidade de poder adquisitivo, as grandes empresas aumentan beneficios e a riqueza en España segue concentrándose en mans duns poucos", analiza Franc Cortada, director de Oxfam Intermón. Segundo a ONG, entre xaneiro e novembro de 2022 a inflación reduciu o poder de compra dos fogares en peor situación, que son un 26 % máis que o daqueles con maiores ingresos.
Segundo datos do goberno español, en 2019, a taxa de pobreza era aproximadamente do 21,5 %, con máis de 5,5 millóns de persoas vivindo na pobreza. Isto representa un aumento de case o 10 % desde 2007, antes do inicio da crise económica. A pobreza en España non é só un problema económico, senón tamén social, xa que a poboación que máis sofre é a inmigrante, a infancia, anciáns e persoas con discapacidade.
Estes son, precisamente, os colectivos que máis se beneficiaban da obra social á que puxo fin a feroz reconversión financeira que pagou toda a sociedade e beneficiou a uns poucos. Aos de sempre, tal como recordan insistentemente tódolos informes sobre a cuestión.
(Reportaxe publicada no número 381 – febreiro 2023)
Comentarios (0)