Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"O biopolo da Sionlla é un proxecto de país"



TERESA ROCAMONDE · PUBLICADO O 28 DE MARZO DE 2023 · (0)




Tras moitos anos de traballo, e non poucos problemas, o Biopolo Sionlla é unha realidade. As dúas primeiras empresas están xa instaladas no Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas de Santiago de Compostela. Pero o edificio ten capacidade para unha vintena de compañías. Desde Sionlla Biotech, a sociedade creada para impulsar este proxecto, aseguran que hai interese e ven máis preto o soño de converter Santiago nun polo de atracción de novas industrias, tal como nos conta José Fernández Alborés, presidente dos empresarios do Tambre e unha das persoas que máis ten traballado para sacar adiante este proxecto

Cal é a orixe deste Polo Biotecnolóxico de Galicia?

A idea xurdiu alá polo ano 2015 no seo da Asociación Área Empresarial do Tambre. Naquel momento a área de Costa Vella estaba crecendo moito pero viamos que se convertía nun polígono comercial. Algúns xa falaban dun centro comercial aberto. E vendo aquilo pensamos que ía pasar o mesmo na Sionlla onde nós queriamos un polígono industrial. Santiago é unha cidade comercial e de servizos e nese aspecto está plenamente asentada así que queriamos promover o ámbito industrial, que é o que estaba quedando atrás. 

De feito falades moitas veces de 'industrializar' Santiago… 

Si, sempre dicimos que Santiago necesita industrializarse, pero non reindustrializarse. É un matiz importante, porque indica que Santiago nunca perdeu industria. As grandes industrias da cidade nunca marcharon. Pensemos na Finsa, Televés ou Castrosúa… están aí e funcionan moi ben. Pero non chegaron máis, e mentres o sector servizos creceu nos últimos anos sen problema e está plenamente desenvolvido o industrial ía perdendo moitísima influencia. Así que pensamos que había que dar un paso adiante e promover novas industrias. 

E pensaron nunha industria moi diferente á tradicional: as biotecnolóxicas. Por que?

Estamos pensando no futuro e é evidente que hai que pensar noutro modelo de industria que xa é unha realidade. Hai xa algunhas empresas do sector biotecnolóxico en Galicia, sobre todo en zonas onde se asentaron as primeiras ou onde hai empresas importantes, como no Porriño. Pero non hai un polo biotecnolóxico como tal, que ofreza sinerxias e permita unha colaboración máis efectiva en todos os ámbitos. Así que iso estaba por facer. 

Supoño que a Universidade de Santiago tivo un papel relevante no proxecto. 

A Universidade entrou máis tarde, cando xa estaba montada a mesa da Sionlla, pero, efectivamente, é un piar fundamental. O prestixio da Universidade de Santiago e o desenvolvemento que ten no eido biotecnolóxico é esencial para sacar adiante este proxecto. De feito hai persoal moi relevante da USC, mesmo científico, que está no comité que asesorou para a súa posta en marcha. Hai moita xente que se implicou totalmente, o que nos indica que estabamos no correcto cando optamos por facer algo novo con posibilidades de futuro reais e con perspectiva de abrir unha nova vía de industrialización na cidade. 

No Concello como acolleron o proxecto?  

Magnificamente desde o primeiro momento. Pensa que pasaron xa varios gobernos municipais e a verdade é que todos apoiaron totalmente este proxecto. E tamén tódolos grupos municipais. E foi algo complexo porque o Concello tiña que ceder o solo a unha sociedade limitada, sen ánimo de lucro pero unha sociedade limitada, e iso non é habitual. […]

En breve empezarán a traballar as dúas primeiras empresas. Cantas podedes acoller no novo centro? 

O Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas da Sionlla ten capacidade para 20 empresas. Hai 18 espazos para laboratorios modulares onde realizar actividades de I+D+i e outros dous para empresas que non precisen laboratorio. Son 2.500 metros cadrados cun deseño modular que permite total flexibilidade para poder adaptarse ás necesidades de cada compañía, con espazos propios e espazos compartidos (salas de reunións, administración, salas de equipamento etc.) que lles permiten desenvolver actividades moi complexas e de alta especialización a un custe asumible, que é do que se trata. 

Porque se supón que isto é algo provisional…

Si, isto sería un primeiro paso e, de ir todo ben, que poidan abrir o seu propio espazo. Por iso o proxecto inclúe unha segunda fase, xa de iniciativa privada, pensada para a localización de empresas biotecnolóxicas que estean en fase de crecemento ou consolidación, con instalacións adaptadas as súas necesidades. É unha zona contigua a este edificio, de 63.000 metros cadrados, que contará con espazos de aproximadamente 500 madaptados aos requirimentos medioambientais, de seguridade etc., esixidos para empresas biotecnolóxicas: preinstalación de laboratorios con auga, electricidade, gases técnicos, ventilación e extracción, residuos ou mobiliario de laboratorio; sistemas avanzados de comunicacións de voz e datos; áreas de carga e recollida de mercadoría… Para alcanzar este obxectivo, crearase unha cooperativa para poder facer a promoción da obra e construír segundo as necesidades de cada empresa. […]

O tema das conexións por estrada está solucionado?

Si, o enlace orbital está moi avanzado e contamos coa vantaxe de que está aquí, ao carón desta parcela, polo que teremos saída directa á autoestrada, ao aeroporto. Eu creo se van desconxestionar moito os accesos actuais porque o tráfico pesado vai usar maioritariamente este enlace que conecta directamente coa AP-9 e coa A-54. 

E esa segunda fase, cando empezaría a executarse?

Estamos xa traballando, de feito unha das empresas que está instalándose no Centro xa mostrou interese por poder ficar aquí e estamos xa traballando para desenvolver unha primeira parcela duns 10.000 metros nesa grande área da que falaba. 

Nestes primeiros contactos, notades interese por parte de empresas?

Si, tanto de Galicia como de fóra da nosa comunidade. De feito varias asinaron unha carta de intencións, de aí a reserva de solo e os pasos que estamos dando. Hai interese e é un interese real de empresas que están xa funcionando, laboratorios de produción avanzada, non son emprendedores que queren poñer en marcha un proxecto. Son empresas que están en etapas de post-incubación, que xa están funcionando e que queren asentar ou mesmo crecer. E nós ofrecémoslles unha contorna favorable para seguir avanzando. 

Falabas antes de que hai empresas biotecnolóxicas traballando en Galicia pero, hai algún polo ou centro deste tipo?

Non, por iso falamos do Polo Biotecnolóxico de Galicia. Non só é unha iniciativa de vital importancia para Santiago e a súa área de influencia senón para toda Galicia porque se trata dun proxecto que vai moito máis alá da cidade. O biopolo da Sionlla quere converter Galicia nun referente internacional da industria da biotecnoloxía e promover a transferencia da investigación á sociedade ampliando, á vez, a base económica desta cidade. 

(Extracto da entrevista publicada no número 382 – marzo 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)