Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"Hai grandes oportunidades no Brasil que Galicia podería aproveitar moito mellor"



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE PABLO COUTO · PUBLICADO O 28 DE MARZO DE 2023 · (0)




Felipe Pousada é presidente da Asociación de Empresarios Galegos do Estado de Sao Paulo (Aegasp) que se encarga de difundir e divulgar todo o relacionado con Galicia na maior metrópole da América Latina. Pero tamén traballa para abrir as portas do xigante suramericano ás empresas galegas que poden atopar no mercado luso non só unha cálida acollida senón unha lucrativa oportunidade de negocio. Sobre iso falamos con el en pleno centro financeiro de São Paulo. 

Historicamente en São Paulo e no Brasil en xeral a emigración galega dedicouse a hoteis e hostalaría. Segue a ser así na actualidade?

Hoxe a dinámica cambiou moito. O perfil do inmigrante do século XXI non é o do século pasado. Hoxe falamos máis de expatriados que de emigrantes, e os expatriados veñen para traballar nunha multinacional ou nunha grande empresa, non para fundar unha familia e facer aquí a súa vida. Algúns fican e rematan aquí as súas vidas coas súas familias, pero a maioría regresan a España e a Galicia despois dun tempo. 

Xa non veñen "facer as Américas". 

Non, iso é algo que aconteceu o pasado século. O galego viña a facer a vida e aquí deuse o caso de que chegaban a Santos porque alí estaba o porto e era o punto de entrada. Santos era unha vila moi diversificada. Iso fixo que se puideran dedicar a moitas cousas: establecementos de zapatarías, de panadaría, de carnicería… non só hostalaría. Foi fundamentalmente comercio. 

Santos, que está a apenas 60 km de aquí, chegou a ser coñecida como "a Galicia brasileira". Chegou a haber una comunidade importante?

Si, e a día de hoxe aínda é o segundo colectivo inmigrante máis importante na cidade de Santos. E aínda hai un dato máis curioso. Segundo datos do Consulado de España en São Paulo, o 90 % dos inmigrantes galegos de Santos viñeron das provincias de Ourense e de Pontevedra, sobre todo da zona de Monterrei e Xinzo e das Rías Baixas. Son os que constituíron o groso da emigración galega en Santos e tiveron unha implicación importante na vida da cidade que aínda se conserva. 

Como son arestora esas relacións entre Galicia e Brasil que historicamente tiveron uns lazos tan fortes? 

Son importantes pero podería selo máis. Estas relacións poderían e deberían desenvolverse nun campo de actuación económica máis profundo. Hai grandes oportunidades no Brasil que Galicia podería aproveitar moito mellor. Por exemplo, no ámbito dos produtos alimentarios. Galicia ten produtos de gran calidade, moito maior cós de aquí, e isto podería ser aproveitado. Hai demanda. Un caso próximo é o do viño […]

Que traballadores e que empresas están agora mesmo asentados aquí? En que sector está máis presente Galicia no Brasil?

A día de hoxe hai menos dunha ducia de empresas ligadas a Galicia con presenza importante aquí. Abanca é unha delas, está moi pegada á colectividade galega, e tamén Calvo, que ten unha forte presenza no Brasil, igual que Estrella Galicia, que está construíndo a súa maior fábrica no interior de São Paulo, en Araraquara cunha inversión de máis de 500 millóns de euros. Tamén temos relacións con Navantia e con outras conserveiras como Jealsa, pero o potencial galego para aí e podíase ampliar moito máis. Por exemplo no mar, onde Galicia ten o mellor do mellor; podíase investir aquí no sector estaleiro e xerar traballo e riqueza para Galicia. A lóxica é que se hai un sector en Galicia que está mal e aquí hai oportunidade… 

E temos unha vantaxe, a cuestión do idioma…

Efectivamente, a cuestión da lusofonía é primordial e a Xunta está promocionando moito isto dentro na súa estratexia de relacións internacionais. Debería, por tanto, ser unha porta de entrada para que Galicia se puidera vender mellor no Brasil e ter unha mellor dinámica para potenciar as empresas e negocios de alá. Temos un idioma común e temos un país, O Brasil, que é segundo do mundo con máis galegos. Hai que aproveitalo.

(Extracto da entrevista publicada no número 381 - febreiro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)