Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A grande odisea galega en Panamá



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE PABLO COUTO, CANLE DE PANAMá E FUNDACIóN NOSA TERRA · PUBLICADO O 29 DE SETEMBRO DE 2023 · (0)




O 15 de agosto de 1914 inaugurábase oficialmente a Canle de Panamá, unha das meirandes obras da enxeñaría mundial. Era o principio dunha nova era pero tamén o final dun soño iniciado varios séculos atrás, case desde o mesmo descubrimento de América. E o desexo fíxose realidade grazas, en boa parte, aos milleiros de galegos que deixaron a pel –e non poucos a vida– no empeño.

Aínda que a inauguración oficial foi en 1914, as obras da Canle remataran un ano antes, polo que este ano celebra o 110 aniversario da súa construción. Uns traballos tremendamente complicados que iniciaron os franceses e remataron os estadounidenses tras o abandono dos galos polas enormes dificultades da empresa. Foron os norteamericanos os que levaron a sona por un traballo que segou a vida de milleiros de traballadores, maiormente antillanos pero tamén doutras nacionalidades. E aí é onde entra Galicia na historia.

Ata hai unha década nin se coñecía o aporte galego á construción da Canle de Panamá, mesmo no propio país onde existe un museo dedicado á magna obra de enxeñaría. Así no lo conta Ricardo Gago, un dos mecenas do museo e presidente da Fundación Nosa Terra. Descendente de galegos que marcharon a Panamá na segunda vaga migratoria ao país que tivo lugar a mediados do pasado século, Gago é unha das persoas que máis está a apoiar a investigación e divulgación desta historia "descuberta" por outro galego no exterior.

"Nós non fomos os descubridores, foi un galego que traballaba na Biblioteca do Congreso dos EUA, en Washington, ao que lle encargan que clasifique os milleiros de documentos sobre a construción da Canle de Panamá. E aí atopa una foto que di 'galegos'. Esa é a semente de todo o que vén despois", explica Ricardo Gago. Ese bibliotecario é Juan Manuel Pérez, o autor do libro Pro Mundi Beneficio: os traballadores galegos na construción da Canle de Panamá 1904-1914 onde se relata por primeira vez a epopea galega na construción da grande obra de enxeñaría mundial.

Mais a historia queda aí e non será ata o ano 2019 cando salte a chispa definitiva que dé a relevancia merecida á xesta galega. O artífice desa segunda e definitiva descuberta é Juan Carlos Barreiro, panameño descendente de galegos que se atopa coa historia facendo o Camiño de Santiago. "Nunha parada do Camiño vou comer cun tío meu que é catedrático da Universidade de Santiago e aí coméntame que está facendo un libro sobre o noso bisavó que veu a Panamá a traballar nas obras da Canle. Eu empezo a investigar nesa historia e vexo que existe algún libro pero creo que hai que saber moito máis sobre o tema así que chamo a Ricardo Gago, que é unha figura recoñecidísima en Panamá, cunha enorme credibilidade, e dime que el coñece a historia. E poñémonos en marcha", conta Barreiro, que actualmente dirixe a Fundación Nosa Terra, a entidade xurdida en plena pandemia en Panamá para pór en valor o traballo dos galegos na Canle e, por extensión, o labor da emigración galega nese país onde os dous últimos presidentes son descendentes de galegos.

Precisamente a irmá do presidente Nito Cortizo, vai ser outra das grandes impulsoras da Fundación. "Estabamos ao principio da pandemia e chamoume Juan Carlos Barreiro para contarme que descubrira que houbera galegos traballando nas obras da Canle, que viñeran algúns desde Cuba e despois moitos máis desde Galicia… Eu nunca escoitara esa historia, pero se o dicía Barreiro tiña que ser verdade", dinos Dorinda Cortizo, quen se sumou ao proxecto nese mesmo intre. "Como estabamos en pandemia empezamos con reunións virtuais e pouco a pouco pero deseguida vimos a grande responsabilidade que tiñamos con este tema", explica a irmá do presidente panameño. 

En apenas tres anos a Fundación Nosa Terra logrou cumprir con creces o obxectivo inicial: "Facer xustiza aos miles de traballadores galegos que nunhas condicións extremas abriron unha canle interoceánica a pico e pa".

A epopea galega en Panamá

Grazas ao traballo da Fundación Nosa Terra hoxe coñecemos moito máis sobre esta historia da emigración galega en Panamá, esquecida por varios motivos, como nos conta Carolina García Borrazás, autora de Galicia en Panamá e documentalista do Arquivo da Emigración Galega, que hai uns meses publicou un magnífico especial sobre o tema nas súas Historias de ida e volta.

"Panamá non foi un destino prioritario para os galegos que ían a América, nin nesa primeira vaga a principios de século nin na segunda". explica García Borrazás. Ademais, as características desa primeira chegada de traballadores galegos ao país é moi diferente ao resto, porque se tratou dunha emigración destinada case exclusivamente á construción da Canle e cando rematou os galegos marcharon a outros destinos diluíndo o recordo da estadía panameña.

Non obstante, esta característica é a que fai especialmente interesante a xesta na que tampouco os números son desprezables. Porque malia non ser comparable a Cuba, A Arxentina ou O Uruguai, na construción da Canle de Panamá traballaron na primeira década do século XX arredor de 8.500 galegos. Poida que moitos máis debido á inmigración clandestina e á venda que moitos galegos facían da "chapa" que lles permitía traballar nunhas condicións algo mellores cás doutras nacionalidades. Isto complica saber realmente cantos galegos foron empregados da Isthmian Canal Commission (ICC), a empresa estadounidense encargada das obras que fomentaba a contratación de galegos.

"Un galego vale por 3"

Os Estados Unidos fanse coa concesión francesa en 1904 e reinician as obras da Canle. O presidente Roosevelt interésase persoalmente no proxecto e pon á súa fronte ao famoso enxeñeiro John F. Stevens quen, nada máis chegar a Panamá, conclúe: "Na zona da canle reina a confusión, a febre amarela e o medo”. Decidido a sacar adiante a obra, pide traballadores galegos, aos que coñecera nas obras do ferrocarril en Cuba. "A súa eficacia non só é máis do dobre que a dos negros, senón que resisten mellor o clima”, asegura Stevens, que pon como condición para aceptar o cargo de enxeñeiro xefe da Canle, poder levar traballadores galegos a Panamá.

E así empezan, a finais de 1905, os preparativos para a contratación de europeos. O obxectivo de Stevens era facerse cuns 4.000 ou 5.000 galegos pero, para evitar dar pasos en falso e abaratar custos iniciais, leva un primeiro continxente desde Cuba. Uns 500 galegos que estarían a proba mes e medio para valorar o seu rendemento e carácter. Se as expectativas se cumprían, nomearían un axente para proceder a un recrutamento directo desde Galicia. E así é como entra en escena Le Roy Park.

Excepcional campaña de marketin para recrutar galegos

O plan de Stevens funciona e o Goberno norteamericano e a Comisión da Canle de Panamá encárganlle a Le Roy Park a contratación de novos traballadores en Europa. Park instala a oficina en París e envía 120 axentes "recrutadores" a Galicia onde "instala" un centro de operacións en Vigo ao amparo do consignatario galego Estanislao Durán, axente navieira británica Royal Mail Steam (coñecida en Galicia como La Mala Real, nunha "mala" tradución do nome inglés) que firmara un acordo coa construtora da Canle para trasladar traballadores desde Europa. A implicación do galego chega ata o punto de pagar 10.000 folletos publicitarios para repartir polas aldeas de Galicia.

A campaña de marketing chegou ao extremo de seleccionar traballadores "favorables" para difundir unha visión positiva dos traballos que pouco tiña que ver coa realidade. O Consello da Cultura Galega publicou no seu Historias de ida e volta a carta enviada polo axente Park a Jackson Smith, un dos xefes da ICC, pedíndolle que tivera “contentos” uns emigrantes galegos concretos, cuxos nomes ían na misiva para seren ben identificados ao desembarcar en Colón. O obxectivo era que eses “emigrantes escollidos” servisen de portavoces das boas condicións en que vivían as cuadrillas de españois na zona da canle. Así, escribiríanlles aos seus familiares e veciños dándolles boas noticias e, incluso, invitándoos a emigrar a Panamá.

A dramática realidade imponse

Malia o esforzo da Comisión da Canle por mostrar unha imaxe ideal, a prensa, as cartas dos emigrantes e ata os testemuños dalgúns retornados demostran a alarmante situación na que se atopan. Por iso o 12 de novembro de 1908 o Goberno español prohibe emigrar a terras ístmicas (Italia xa o prohibira un ano antes). Pero iso non impide que siga o fluxo.

A ICC busca fórmulas para eludir a norma, como o embarque desde países europeos onde non había prohibición. Malia todo, xa non será unha marcha masiva, como a de anos anteriores. Só entre 1906 e 1908 foron contratados polos axentes da Canle 12.000 traballadores europeos, dos que máis de 8.500 procedían de España, maioritariamente Galicia. Tendo en conta que as obras remataron en 1913, a cifra ten que ser moi superior.

E co fin das obras remata practicamente a presenza galega en Panamá. A maioría de traballadores son repatriados ou contratados en diferentes países. Algúns son empreados polo Goberno de Panamá para a construción do ferrocarril en Chiriquí pero os que permanecen son moi poucos. É verdade que moitos dos que emigran na segunda ondada masiva ao país a mediados do s. XX son fillos e netos daqueles primeiros emigrantes. Pero esa será outra historia.

Unha obra que forxou unha nación

Os obreiros españois constituíron un 19,5 % do total de obreiros estranxeiros importados pola ICC (uns 45.000). Ocuparon o primeiro posto dentro do grupo de europeos, seguidos polos italianos e os gregos. Aínda que o grupo máis numeroso foi o de obreiros antillanos (máis de 31.000), a maioría procedentes de Barbados. Por suposto, houbo tamén importante presenza de latinoamericanos. Tendo en conta só o país de orixe e non a nacionalidade, chegaron á Canal Zone traballadores de 97 países diferentes.

E iso, nun país que viña de acadar a súa independencia, forxou o carácter "panameño" que a propia Canle se encargaría de modelar. Unha sociedade moderna e cosmopolita que conserva a esencia da súa identidade caribeña e española reflectida actualmente nunha perfecta sintonía de razas, idiomas, moedas e ata océanos. Unha mestura de culturas que fixeron deste país un dos lugares máis asombrosos do mundo e no que a emigración galega xogou un papel protagonista.

(Entrevista publicada no número 387 – agosto 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)