Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Mª Teresa Cortizas: “Necesitamos un maior investimento en Xustiza”



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 10 DE OUTUBRO DE 2023 · (0)




Nada en Ferrol, María Teresa Cortizas (1965) é a maior de cinco irmáns; o seu pai era pediatra e, o seu avó, doutor dun pequeno hospital. A actual delegada de Igualdade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia cursou os seus estudos universitarios en Compostela, onde preparou a carreira xudicial. A maxistrada acaba de recibir a Medalla Emilia Pardo Bazán e confesa que dedica o seu tempo libre á familia, ler, camiñar e saír cos seus amigos de sempre.

Xunto a Executivas de Galicia e o Secretariado Xitano acaba de recibir a Medalla Emilia Pardo Bazán. Que implica para vostede este recoñecemento?

É un recoñecemento a todas as xuízas e maxistradas que cada día realizan o seu traballo na sociedade, en defensa de todos aqueles colectivos máis desfavorecidos ou nunha situación de desigualdade, entre os que se atopan as mulleres. O noso labor profesional é algo que non destaca a diario, pero sempre se traballa todos os días coa esperanza de lograr unha sociedade máis xusta, na que prime a igualdade, a liberdade e o respecto aos dereitos de toda a cidadanía.

No ano 2021 foi nomeada delegada de Igualdade do TSXG. Cales son os obxectivos principais que se marca na súa carreira?

Resolver os problemas e preocupacións respecto ás medidas de conciliación na vida persoal, familiar e profesional que teñen os integrantes da carreira xudicial en Galicia. Trátase de canalizar as súas consultas en coordinación coa Sección de Igualdade do CXPX. Outro dos obxectivos, que se está cumprindo, é incluír no plan de formación descentralizada actividades formativas en materia de igualdade, detección e superación de estereotipos de xénero, axuizamento con perspectiva de xénero, corresponsabilidade familiar e solución pacífica de conflitos interpersoais.

Como é o seu día no traballo?

Esixe moita responsabilidade. Como delegada de igualdade, a miña función con respecto á protección das vítimas é a recepción de queixas ou reclamacións por actuacións xudiciais non xurisdicionais que poidan ser sexistas, discriminatorias, ou contrarias de calquera modo ao principio de igualdade entre mulleres e homes. Nese caso, daría traslado á Unidade de Atención ao Cidadán do CXPX para a súa tramitación. Como maxistrada, respecto á violencia de xénero queda moito por traballar, mellorando non só aspectos xudiciais ou policiais para a atención e protección das vítimas, senón tamén as- pectos administrativos e de prevención. É indispensable mellorar a educación dos nosos menores nas escolas e nas familias.

Cales son os casos máis frecuentes que se atopa no seu exercicio?
Como maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña, na sección especializada en Violencia de Xénero, a maioría de casos caracterízanse pola complexidade e im-portancia que ten a dobre instancia penal ou a primeira instancia, no caso dos procedementos que se axuizan na Audiencia Provincial. Sobre todo, a violencia sobre a muller e os delitos contra a liberdade sexual, no caso de vítimas menores de ida- de, son materias moi sensibles e complexas e, por desgraza, frecuentes.

Unha parte da poboación desconfía da Xustiza polo achegamento do poder político ao exercicio xudicial. Por que cre que ocorre isto?

É unha confusión por parte da cidadanía provocada polo poder político. O CXPX é un órgano de goberno, non un órgano xurisdicional, e todos os xuíces e xuízas impartimos Xustiza con total independencia, sometidos unicamente ao imperio da lei. Cando un xulga un asunto deixa de lado as súas ideas políticas. Con todo, o triste é que, nun Estado social e democrático, no que debe primar unha perfecta división dos tres poderes, se pretenda interferir na composición do órgano de goberno dun deles, e se pretenda dar unha imaxe dun colectivo moi afastado da realidade. O libre acceso á carreira xudicial permitiu que formemos un grupo totalmente heteroxéneo, de moi distinta procedencia, xénero e ideas, o cal é algo moi positivo e que nos enriquece.

Existe un gran debate pola “Lei do só si é si”, algúns deputados aseguraron que “os xuíces non cumpren a lei por machismo”. Cal é a súa postura?

Os xuíces e xuízas cumprimos a lei e estamos sometidos ás normas legais. Cando unha norma adoece dos defectos que ten a LO 10/2022, é máis fácil non asumir as responsabilidades dos que elaboraron a disposición legal e desprazala publicamente á carreira xudicial. Dende a miña máis profunda dor persoal e profesional,  a norma obrigounos a revisar sentenzas e a aplicar a norma máis favorable, por canto as penas a impoñer, en moitos casos eran menores. E fíxese que digo LO 10/2022, non a “lei do só si é si”, porque toda a concepción do consentimento non é nada nova e xa fora desenvolvida e obxectivada na xurisprudencia da Sala Segunda do Tribunal Supremo desde hai anos.

Os xuíces están pactando co goberno central un aumento salarial co fin de mellorar as súas condicións. Como se atopa a situación actual?

As nosas condicións non son as axeitadas e non se cumpriu coa lei de retribucións para a carreira xudicial e fiscal, aprobada en 2003. Esta lei prevé a convocatoria da mesa de retribucións e revisión quinquenal, e nin a convocatoria nin a revisión chegaron a producirse, e non foi por falta de peticións por parte das nosas asociacións, mesmo presentamos unha demanda pedindo o cumprimento da lei e a convocatoria da mesa. As nosas condicións económicas non son boas. Ademais, son descoñecidas. Dun lado, a carga de traballo que asumimos, máis aló do horario semanal de traballo recomendable para calquera profesional; e, doutro, que non nos retribúen de forma adecuada determinados complementos do noso labor. Véxase, por exemplo, o que percibe un maxistrado na Coruña ou en Vigo polo servizo de garda semanal, que conleva dispoñibilidade as 24 horas do día durante toda a semana, ou a falta de compensación económica dos xulgados de Violencia sobre a Muller de toda Galicia, na que se realizan xornadas que exceden do horario de atención ao público os cinco días da semana. Tamén é rechamante a escasa porcentaxe que representan as nosas retribucións variables, que se abonan por superar o 120% do módulo de traballo, a falta de actualización dos trienios ou a ausencia de regulación do complemento de carreira profesional.

Está anticuada a Xustiza en España?

Con respecto a outros países da nosa contorna europea, o cociente resultante de dividir o número de xuíces e xuízas por habitante é moi inferior no noso país. É dicir, hai menos do debido. É fundamental un maior investimento en Xustiza, que require un compromiso por parte de todos os partidos políticos, pero non só en medios materiais, senón en medios persoais, creación de novos órganos e, sobre todo, en eficiencia organizativa e adecuación de normas aos nosos tempos, o que se chama eficiencia procesual. A outra cara da moeda, a realidade, é que aos partidos non parece importarlles moito a Administración de Xustiza, busque en calquera programa electoral canto lle dedican, máis aló do nomeamento dos vogais do CXPX.

Con máis de 30 anos de experiencia no exercicio xudicial, que lle queda por facer?

Pecaría de soberbia se dixese que nada, sempre queda algo por facer, seguir traballando, e aínda me quedan retos para os meus anos de traballo, ata cumprir os 70.

 

(Extracto da entrevista publicada no número 388 - setembro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)