Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia posúe máis de 2 millóns de topónimos vivos, moitos en risco de desaparición



REBECA SANTOMé · PUBLICADO O 04 DE XANEIRO DE 2024 · (0)




Coñecer os nomes propios dun territorio é esencial para postergar a vitalidade das súas xentes e tradicións. Ese é o obxectivo do proxecto colaborativo Galicia Nomeada que se desenvolve a través da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de recuperar os topónimos daqueles lugares galegos que o foron perdendo ou modificando por restricións lingüísticas ou polo uso doutras linguas que acantoaron o propio.

Galicia é un territorio cheo dunha gran riqueza toponímica que singulariza a comunidade. Concellos, parroquias, cidades, vilas, aldeas; pero tamén nomes de outeiros, regueiros, penedos, fontes, praias e cantís que permiten dar testemuño da variedade toponímica da rexión. Arredor de 38.500 nomes de entidades de poboación están rexistradas actualmente no novo Nomenclátor de Galicia, obra que está en fase de actualización e aprobación, e iso só no que respecta á toponimia maior.

Co fin de garantir a conservación dos topónimos menores, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega traballan de forma conxunta na creación de ferramentas dixitais que permitan conservar e difundir esta parte tan importante do noso patrimonio cultural inmaterial. Estes proxectos precisan do coñecemento de centos de persoas dispostas a contribuír na salvagarda dun patrimonio colectivo único no mundo. Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio que as persoas que o habitan e que transmitiron durante varias xeracións, co seu uso, un ben cultural tan valioso.

Neste senso, o coordinador da plataforma Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, sinala a importancia de salvagardar este patrimonio inmaterial: “Cando falamos da menor ou microtoponimia, a cifra medra de xeito exponencial, pois calcúlase que podemos salvagardar máis de 2 millóns de topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas; iso si, a meirande parte ameazados co risco de desaparecer debido ás transformacións dos modos de vida tradicionais na nosa comunidade”.

Ademais, a base de datos da plataforma Galicia Nomeada segue a normativa europea INSPIRE para que os topónimos sexan interoperables nas infraestruturas de datos espaciais a nivel mundial. “Os nomes de lugar, como instrumentos de localización que son, fan a comunicación máis doada entre as persoas, pero esta comunicación debe ser clara, non pode xerar ambigüidade ou confusión”, sinala Feijoo. De aí a necesidade de seren normalizados respectando os estándares establecidos polas autoridades competentes, isto é, o Grupo de Expertos das Nacións Unidas en Nomes Xeográficos (UNGEGN).

Galicia Nomeada

Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia, tanto particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas; poidan dende un PC, tableta ou smartphone conectado a internet, achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida.

Nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) recolléronse arredor duns 425.000 microtopónimos nun 30 % do territorio galego, pero quedan moitos nomes por rexistrar, tanto en terra como nos máis de 2500 km do litoral galego. O mar tamén presenta unha enorme riqueza toponímica, froito da necesidade dos vellos mariñeiros e mariscadoras de nomear e marcar aqueles espazos onde desenvolvían a súa actividade pesqueira, un coñecemento do mar moi personalizado do que dependía o seu sustento económico e a súa integridade física.

“Todos somos conscientes de que os nomes corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores”, sinala Vicente Feijoo. “As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura e da gandaría; a actividade pastoril nas serras está case desaparecida; o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posúen vellos mariñeiros...”. Por estes e por outros motivos, cada día desaparecen ducias de topónimos, “porque o que non se usa, acaba perdéndose”.

Actualmente, a poboación ten ao seu alcance o gran potencial das tecnoloxías, dispoñemos da aplicación Galicia Nomeada para que todos os galegos e galegas sexan quen de achegar o seu gran de area rexistrando e difundindo na rede este inmenso patrimonio inmaterial que se agocha detrás dos nomes de lugar.

“Por iso, a mellor maneira de preservarmos este patrimonio toponímico é facer que os nomes de lugar continúen vivos difundíndoos a través de internet para todo o mundo. Deste xeito, os topónimos seguirán cumprindo a súa función denominativa para a que foron creados, pero acadarán novos usos grazas ás novas tecnoloxías e chegarán a máis persoas do que o facían a través da secular transmisión oral”, sinala Feijoo, que chama á colaboración da veciñanza para evitar a perda do patrimonio colectivo como pobo galego.

Como podo colaborar?

A elaboración desta grande obra sobre o patrimonio colectivo galego necesita da colaboración da cidadanía. Aqueles que o desexan poden facer as súas achegas cos topónimos que mellor coñezan rexistrándose na plataforma Galicia Nomeada. Unha vez que accedan ao sistema, poderán seguir o estado dos topónimos novos que envíen e suxerir correccións aos xa recollidos na súa aldea ou parroquia.

Os colaboradores e colaboradoras deberán rexistrarse na web de Galicia Nomeada cubrindo todos os campos da ficha de perfil de usuario. Cando o usuario xa está habilitado, a través da pestana Explora e colabora poderá facer unha busca territorial da zona de traballo; introducir un novo topónimo ao que poderá achegar unha imaxe (por exemplo, dun muíño, dun cruceiro ou dunha fonte), un documento en PDF, un arquivo de audio ou de vídeo coa pronuncia do nome ou no que se escoite aos informantes contando un lenda, refrán, cantiga ou copla asociada a ese topónimo. Tamén poderá facer suxestións sobre a forma escrita ou sobre a localización de topónimos recollidos por outros usuarios ou procedentes doutras fontes.

Estes nomes serán supervisados polos especialistas en toponimia da RAG. Tamén se fará un contraste oral con outros colaboradores da zona e un contraste documental para comprobar a súa veracidade. Feitas as comprobacións pertinentes, serán validados e pasarán a formar parte do banco de topónimos normalizados de toda Galicia. Nese momento, estarán visibles a través do visor de topónimos, tanto da páxina de Galicia Nomeada como do portal da Toponimia de Galicia.

Esta base de datos servirá de referencia para os traballos das administración públicas que implican actuacións sobre o territorio, para o mundo da investigación, para o sector empresarial e para a sociedade en xeral.

(Reportaxe publicada no número 391 – decembro 2023)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)