“A longo prazo poderíase obter a biodegradación dos plásticos”
Nos seus anos de secundaria tivo claro o que estudaría e así o fixo na USC, doutorándose en Microbioloxía. A Universidade de Sheffield foi a súa casa dous anos posdoutorais, cidade a hora e media de Manchester da que garda bos recordos. Á súa volta, un contrato da Xunta precedeu a incorporación ao CRETUS en 2019. Dende entón, Sabela Balboa compaxina docencia, divulgación e investigación aínda que o que máis lle gusta é botar horas no microscopio, “ao final son unha rata de laboratorio”. A súa especialidade en bacterias adaptadas ao medio acuático lévaa a visitar plantas de tratamentos de augas para coñecer a capacidade destes organismos de eliminar microplásticos. Unha liña de investigación que podería supoñer nova vida para un sector -o do plástico- non visto con moi bos ollos dende hai décadas.
O teu perfil faríache ser biotecnóloga?
Non, dou clase de biotecnoloxía pero son bióloga. Eu o que achego á biotecnoloxía é a visión biolóxica.
Que faría entón un biotecnológo?
Pois ten un perfil moi interesante: unha parte molecular moi de bioloxía, pero tamén outra parte de aplicación industrial moi ampla, como no caso das vacinas. Desde que descobre que proteína se vai a utilizar ata que se fai o escalado e se produce a nivel industrial.
E como ves o panorama empresarial biotecnolóxico galego?
Está a despegar moito, ampliándose, empeza a haber empresas grandes e hai sector.
E a nivel investigación? O máis habitual é escoitar queixas pola falta de recursos.
É que é así, hai poucos recursos, hai poucas prazas e pouco investimento. Que che vou a contar que non che contaron outros investigadores galegos. É complicado, é unha carreira de fondo difícil, esgota, a estabilización chega moi tarde e iso é algo que á xente fréalle moito.
Pero no ámbito privado empezan a xurdir oportunidades de traballo…
Iso si, empeza a haber agora un investimento importante, ou polo menos empeza a haber máis traballo.
Como foi a túa experiencia en Inglaterra recentemente saída de Compostela?
Xenial, moi boa. Non teño nada malo que dicir. Tamén estiven fóra uns meses durante a tese, en Suecia e Estados Unidos.
E que é o que viches diferente nos distintos ecosistemas de investigación?
Unha forma de investigar distinta porque, entre outras cousas, hai un orzamento distinto. Hai máis cartos.
Ese investimento sempre é público ou tamén se involucra o sector privado?
Do que máis podo falar é do Reino Unido e é sobre todo pública, hai tamén sector privado pero hai máis investimento público. Nos outros países estaba pendente da tese e non tan implicada neses detalles, pero pódoo dicir agora coa perspectiva dos anos, en Suecia hai máis investimento público e en Estados Unidos hai moito investimento privado.
Durante os teus dous anos en Sheffield traballaches no Departamento de Inmunoloxía, algunha relación coa medicina?
Estudaba unha bacteria de orixe clínica, pero só o seu proceso de regulación, é dicir, ver como expresan e cando expresan o flaxelo.
En todo caso especializácheste en bacterias acuáticas….
Si, as bacterias mariñas deixeinas de lado hai uns anos pero o meu fío condutor é o estudo da diversidade de bacterias en diversos ambientes e mecanismos de adaptación. Agora traballo con bacterias acuáticas e tratamento de augas residuais.
Que diferenza a unhas doutras?
Os mecanismos de adaptación. Cada ambiente xera uns mecanismo diferentes.
O das bacterias devora-plásticos é un titular lambón que levo vendo hai algúns anos. Houbo investigacións en Xapón, Alemaña, Estados Unidos, unhas comen PET, como a Ideonella sakaiensis, outras poliuretano. Hai varios tipos?
Si, hai moitos.
Diferentes bacterias aproveitan entón distintos tipos de plásticos?
É que se adaptan moi ben. Pensa que unha bacteria vive nun volcán, nunha fonte hidrotermal do fondo mariño ou no Everest. O plástico é un polímero, unha macromolécula, e as bacterias de maneira natural son quen de degradar dalgunha forma os polímeros. Por iso onde hai moitos plásticos hai bacterias que se adaptaron a eles, como a Ideonella, degradan eses materiais e utilízanos para obter enerxía. Hai certa especialización dependendo dos plásticos, o mecanismo para degradar é diferente segundo a estrutura do material.
E no voso caso con cales traballades?
Tentamos obter diferentes biopelículas ou consorcios de bacterias que degraden diferentes tipos de plásticos. Traballamos centrados no tratamento de augas residuais, e unha das súas fases é o tratamento con bacterias que eliminan, entre outras cousas, excesos de materia orgánica. Nese lugar é onde máis microplásticos se acumulan, veñen na auga. E a nosa hipótese inicial era “se esas bacterias están a vivir nun sitio onde hai unha cantidade relativamente elevada de microplásticos deben estar especializadas”. Así que primeiro determinamos cales eran os plásticos maioritarios alí e logo tentamos conseguir consorcios bacterianos que medrasen sobre eles.
E por agora que tedes?
Varios consorcios que xa estamos a analizar para saber que bacterias están, que xenes teñen que nos poidan interesar e se, efectivamente, os degradan.
Traballaredes, entendo, con varias plantas de tratamento de augas residuais…
Si, e con diferentes orixes de auga.
Tedes prazos fixados para obter resultados? Cal é a marxe de manobra dun equipo de investigación?
O financiamento que conseguimos é maioritariamente público. A un proxecto nacional, por exemplo, danlle un financiamento por unha serie de anos, así que tes un prazo porque acaban os cartos e porque tes que presentar uns resultados.
Cantos estades traballando no voso equipo?
Están o enxeñeiro químico e profesor emérito da USC Juan Lema Rodicio; tamén colabora connosco o experto en materiais e profesor asociado Massimo Lazzari, para que nos axude coa degradación do plástico, e despois unha estudante que está a facer a tese que é a que bota máis horas. Ademais de diferentes estudantes con másters e traballos de fin de grao que colaboran […]
(Extracto da entrevista publicada no número 391 – decembro 2023)
Comentarios (0)