Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"Hai que crear unha corresponsabilidade social de apoio ás familias"



REBECA SANTOMé · PUBLICADO O 21 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)




Inmaculada Alonso Rodríguez naceu en Noia en 1969 e licenciouse en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Actualmente é a presidenta da Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) que busca apoiar un tipo de familia cada vez máis numeroso na nosa sociedade. E compaxina o labor social coas súas dúas grandes afeccións: viaxar e bailar salsa, sobre todo se é con música tradicional cubana.

Como xorde a asociación?

Cando naceron os meus xemelgos, en 2013, comecei a atoparme cunha chea de trabas administrativas polo feito de que na nosa familia non houbera un pai e decateime de que o sistema non contemplaba outras realidades familiares máis alá do modelo tradicional. Busquei información, referentes, persoas que tiveran as mesmas problemáticas ca min pero non os atopei, existían redes de apoio e asociacións a nivel estatal, pero non en Galicia. En canto tiven os nenos máis grandiños e dispuxen de algo máis de tempo, alá polo 2018, collín un tren a Madrid e fun coñecer que facían as asociacións doutras comunidades autónomas nun congreso de familias monoparentais que organizaba a federación nacional de asociacións de nais solteiras (FAMS). Alí atopei a orientación que necesitaba, a federación ofreceume o seu apoio e animáronme a crear unha asociación en Galicia. […]

Por que é tan necesario representar este modelo familiar?

Porque está moi invisibilizado e, pese a ser o único modelo de familia que está a medrar actualmente, non se coñece a nosa realidade nin as nosas problemáticas, nin sequera está claro que é unha familia monoparental exactamente. A sociedade descoñece que a orixe da monoparentalidade pode ser moi diversa, non sempre é escollida, e tamén que hai familias que en orixe non eran monoparentais pero que, por circunstancias, poden atoparse temporalmente nesta situación.

É un labor de visibilidade…

Si, e para recordar que, igual que calquera outro modelo de familia, aportamos a maior riqueza que pode ter unha sociedade, que son nenos e nenas que serán as persoas adultas do futuro. Hai que facer un importante traballo de sensibilización para deixar atrás moitos estereotipos e prexuízos e crear unha verdadeira corresponsabilidade social de apoio ás familias, baseada no interese superior dos e das menores e na igualdade, e que poña a mirada en todas as realidades familiares e non só no modelo tradicional. Ese enfoque dun único modelo de familia biparental, heterosexual e biolóxica de orixe hai moitos anos non se corresponde coa sociedade actual, que é moito máis diversa, e as políticas públicas deben transformarse para adaptarse ás novas necesidades. O noso traballo como asociación é contribuír a que se produza esa transformación.

Parece que a sociedade vai por diante da administración…

Moi por diante! Do regulamento xurídico, administrativo e incluso educativo. Todo está baseado no modelo de familia biparental tradicional. Por poñer algúns exemplos do día a día: cando vas facer a declaración da renda non existe unha "casilla" para as familias monoparentais, nos formularios do cole para autorizar actividades tampouco se contempla, e para escoller representante para o consello escolar as nosas familias  só contan un voto e as biparentais poden aportar dous…

Ademais disto, cales son as principais dificultades que afrontan estas familias agora mesmo?

A principal é a conciliación, a dificultade para atopar unha xornada laboral que se adapte á situación familiar. Isto repercute na economía porque temos que escoller entre traballar ou coidar. Se priorizamos coidar, os ingresos diminúen. E se priorizamos traballar, temos que buscar quen nos axude a coidar e iso, normalmente, supón un custo […]

O último informe de pobreza e exclusión social sitúa o 54 % ds familias monoparentais en situación de vulnerabilidade. É unha situación gravísima…

Ese dato corresponde ao ano 2021, cando se viviron de cheo os efectos da pandemia. Grazas ás medidas do escudo social, no 2022 o dato baixou ao 49 %, pero aínda así segue a ser o dobre que no resto de fogares. Nós vemos tódolos días como persoas que en orixe non eran pobres, empobrécense ante políticas e estruturas sociais que non teñen en conta a monoparentalidade. E non só economicamente, tamén socialmente. Atopámonos cada vez con máis casos de persoas, moitas delas incluso con estudos medios ou universitarios e cunha traxectoria profesional ás súas costas, que quedan excluídas do mercado laboral ou pasan a traballar en precario e entran no umbral da pobreza. […]

Cales son os retos económicos que afronta unha familia monomarental?

Falando en xeral, porque sempre hai excepcións, os ingresos son a metade dos que ten unha familia biparental porque só hai un adulto que traballe, e en moitos casos menos da metade porque non é posible facer unha xornada completa. Porén os gastos para soster o fogar son os mesmos, non pagamos a metade do aluguer, colexio ou luz. A iso súmanse máis gastos de conciliación porque a nosa rede familiar e de apoio é menor. Pero, curiosamente, estamos sometidas a maior presión fiscal e non tributamos de acordo á nosa capacidade económica real. A nosa tributación e ata un 12 % superior á dunha familia biparental con iguais ingresos. Tampouco se aplican factores correctores nos criterios económicos dos baremos que dan acceso, por exemplo, ás bolsas do ministerio de educación etc.

O 70 % destas familias son mulleres, existe tamén un prexuízo de xénero?

Claramente. Unha mostra máis de que o rol dos coidados asumímolo maioritariamente as mulleres. O feito de que non se dedique gasto social aos coidados bota a carga sobre nós, que sumamos o rol de traballadoras o de coidadoras. […]

Hai unha clara discriminación…

Non hai unha lei estatal que regule o noso modelo de familia e que nos protexa. Só hai regulamento en sete comunidades autónomas, e cada unha segue o seu criterio, non é mesmo ser monoparental en Galicia, que en Madrid ou en Cataluña. É necesaria unha definición ampla e unívoca que dea cobertura a toda a diversidade que hai dentro do noso modelo familiar. […]

Como podería mellorar a lei e as axudas institucionais?

En Galicia, empezando por cumprila. A Lei de Impulso Demográfico di, no seu artigo 40, que hai que crear un Rexistro de familias monoparentais e poñer en marcha un Plan de Apoio na nosa comunidade. Pero levamos xa dous anos de retraso sobre os prazos que marca. Non se está a aplicar o recoñecemento que nos dá a lei como un dos grupos de familias de especial consideración, nin se está seguindo o principio de equidade. Hai axudas institucionais que noutros modelos de familia de especial consideración están a recibir dende hai anos e que no noso caso non se contemplan. Empeza a térsenos en conta nalgunha cousa, pero moi pouco a pouco, cada avance hai que loitalo moito e o desfase e tan grande, que esas pequenas melloras non teñen un impacto real na nosa calidade de vida. Fan falta medidas urxentes, específicas e de calado, que permitan saír dun sistema de apoio baseado no "asistencialismo", asistir as familias cando xa están ao límite. 

Nesa ampla lista de retos, cales se marcan como máis urxentes?

O primeiro e fundamental, consolidarnos como entidade. Practicamente acabamos de empezar o camiño e, como di o noso slogan, hai moito que facer. Necesitamos crear unha estrutura sólida e traballar nas vías de financiamento que farán este proxecto viable a longo prazo […]

E mirando máis ao futuro?

Como dicía Manquiña, "a cabeza non para". Temos un montón de iniciativas para desenvolver. Ademais da campaña para darnos a coñecer en Galicia, estamos iniciando un proxecto de apoio ás familias monoparentais que son traballadoras autónomas, que comezará pola creación dun directorio e unha campaña para fomentar o uso dos seus servizos. Outro dos grandes obxectivos é conseguir poñer en marcha bolsas de coidado, algo moi complicado debido á dispersión xeográfica, pero que é un dos recursos máis demandado polas familias; xa temos en marcha un proxecto piloto en colaboración con FAMS e esperamos poder participar tamén este ano no Plan Corresponsables igual que fixemos o ano pasado grazas a un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.

(Extracto da entrevista publicada no número 393 – febreiro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)