Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O transporte público arrinca



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 28 DE FEBREIRO DE 2024 · (0)




Para milleiros segue sendo imprescindible coller o coche a diario, pero a cifra vai minguando mentres a chegada progresiva das intermodais semella o triunfo do sentido común. As redes de autobús, sobre todo en áreas metropolitanas, moven moita xente e as zonas rurais sofren as habituais eivas. O tren cohabita dous espazos: o funcional eixo atlántico versus  interior e costas do norte, porque as conexións coa meseta xa son boas. Agora ficamos tras dunha Alta Velocidade que achegue a Portugal, algo que a veciñanza tamén parece querer.

Non sempre somos conscientes do dinamismo real da nosa franxa costeira atlántica, a queixa continua de estar marxinados nunha esquina ademais de incerta impide valorar o moito e bo que temos. Noutro número da revista mencionamos que o despoboamento das franxas interiores pouco ou nada ten que ver coa vida nas costas, nin hai 300 anos nin agora.  Pero as cifras, tampouco exentas de manipulación, falan xeralmente con máis claridade que calquera discurso: o eixo atlántico ferroviario é o segundo corredor de media distancia que máis viaxeiros move en España. En 2022 foron 2,5 millóns, segundo a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), só por detrás dos case 2,9 entre Barcelona Sants-Xirona-Cerbère. 

O subidón do 84 % do ano pasado non foi  da man das prazas ofertadas (menos de 2,2 millóns) porque creceron a un ritmo moito menor, ou sexa que a demanda superou a que había antes da pandemia. Máis ben a gratuidade (subvencionada) das viaxes recorrentes explícao. Tamén o uso (e abuso) duns bonos que se compraban con asentos que logo non se utilizaban. O berro de “todo gratis” é das cousas menos intelixentes que se pode facer para xestionar recursos. Así, o traxecto Coruña-Vigo con paradas en Compostela e Pontevedra e a conexión con Ourense (que xeralmente funcionan ben) sumaban unha ducia de atrasos de ata tres horas en 2023, a liña máis usada e máis castigada, cunha demora media diaria de 10 minutos aos que se suman as das conexións de hora punta.

Desde que en febreiro de 2023 Renfe anunciara que se poñería “a traballar nun plan de puntualidade” o servizo protagonizou varias avarías e incidencias. Un exemplo: os viaxeiros dun tren madrugador que saia da estación da Coruña con destino a Vigo en xaneiro fixeron o traxecto nun dos TRD (Tren Rexional Diésel) antigos, xa que o convoi que debía facelo sufriu unha avaría. Ao dispoñer de 40 prazas menos a moitos tocoulles percorrido a pé ou sentados no chan, o tren avariado ía circular practicamente cheo.

Axustes

Problemas houbo non só nesta frecuentada liña, atrasos de case media hora en varios trens procedentes de Ourense que tiña que chegar á estación coruñesa anotáronse en novembro.  En consecuencia tamén o que fai o servizo con ese mesmo convoi entre A Coruña e Vigo. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, afirmou que na súa maioría eran cuestións técnicas pero tomáronse medidas, entre elas a decisión de que dende o 9 de xaneiro haxa un aumento dos tempos de viaxe en paradas intermedias para tentar paliar as demoras. Desta maneira, o servizo máis rápido entre Vigo e A Coruña suma sete minutos “extra”, ata os 87.

A medida colleu por sorpresa a todos os usuarios, aínda que é certo que estaba a reclamarse facer algo tanto por parte dos sindicatos como de pasaxeiros e partidos. En todo caso os tempos de estacionamento increméntanse nun minuto en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa (pasando a 3 e 2 minutos) e de máximo 4 en Santiago, a estación con maior volume de subidas e baixadas. Cifras e tempos que non mudan a vida de ninguén nin por iso desmelloran un servizo da que é, ao fin, das mellores conexións de transporte público que temos.

A Xunta, aínda así, fai o seu papel e urxe a Renfe a ampliar frecuencias (moito se fala entre os usuarios de que cumpriría un tren máis á noite, o último que sae de Vigo faino ás 21:50 h e o de A Coruña ás 22:10) e tamén pide melloras  das conexións con autobuses urbanos e interurbanos, a outra gran pata da engrenaxe da rede de transporte público galego. As estacións intermodais.

Altas velocidades

Preto de 3,6 millóns de pasaxeiros usaron os 7.300 trens de servizos comerciais e ligazóns que circularon pola liña de Alta Velocidade galega estreada en decembro de 2021, incluíndo espectaculares, custosas e premiadas obras de enxeñería como as dos viadutos do Ulla. Aquí incluímos os trens entre Galicia e Alacante, con moita demanda. Agora toca campaña cos trens Talgo Avril a Vigo “serie 106” parte do novo trazado entre Madrid e Ourense. A súa chegada anticipouse o pasado 5 de xaneiro, cando o Ministro de Transportes, o valisoletano Óscar Puente, viaxou nun percorrido experimental en véspera de Reis recibido coa habitual bo humor do alcalde vigués, Abel Caballero, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. Convocouse á prensa para o evento e o PP denunciou o sucedido ante a Xunta Electoral como acto de campaña. Ministro e alcalde alegaron que a viaxe non foi organizada nin polo Ministerio nin polo Concello, senón que era parte da programación de probas do convoi e da chegada dos Reis Magos á cidade. Con todo a autoridade electoral estimou parcialmente a denuncia popular; cousas das campañas electorais.

Low cost

Anécdotas aparte, o protagonista é o Talgo cuxa chegada está prevista en breve. A estes 15 trens Avril de ancho variable, ademais, sumaranse outros 13 da “serie 107”, que aproveitan os coches dos servizos nocturnos. Os billetes empezan a venderse tanto en Galicia como en Asturias, salvo contraorde, este  1 de marzo. O ministro de Transportes e exalcalde valisoletano, Óscar Puente, dixo tamén que se recuperará a cuarta frecuencia do Alvia a Madrid en canto se teñan os Avril para Galicia e Asturias e libérese material rodante. Así aumentarían por sentido de dez a doce, con mellores tempos de viaxe (33 minutos menos de media Galicia-Madrid) e obviamente máis prazas ofertadas (cada tren ten 521).  Tamén confirman que haberá frecuencias de baixo custo, porque o certo é que non é barato coller o tren, moitas veces é máis caro xa que o avión.

Total, que pasamos da carestía á frota máis ampla de trens AVE de ancho variable do mundo: trens con moitas pantallas -malia que agora cada un levamos a nosa incorporada-, comodidades e velocidades que superan os 300 quilómetros por hora. […]

Miles de rutas

Outra cousa é a denuncia do líder socialista da “inexistencia de liñas, frecuencias e buses que conectan a Galicia interior e tamén a costeira, competencia exclusiva da Xunta”, concluíndo nun titular: “O transporte público en Galicia é un auténtico fracaso”.

Oficialmente temos unhas 3.500 liñas de transporte interurbano xestionadas pola Xunta vía concesións ás empresas de transporte de viaxeiros como Arriva, Asicasa ou Monbus. Un pequeno exemplo das conexións que hai e que moven a milleiros de persoas día a día:  Arriva Galicia, que entre outras moitas opera as liñas interparroquiais de Arteixo, di que subiu tanto a demanda que aumenta opcións e, dende o 8 de xaneiro, pon catro novas liñas no Concello de Paderne para comunicar lugares como o centro de saúde, a Casa do Concello e a escola infantil de Areas, zonas con movemento veciñal.

Polo demais, esperar que o transporte público vaia a cubrir as nosas necesidades ao mesmo nivel que ter coche propio no garaxe é lanzar, no mellor dos casos, unha boutade. Coas redes de transporte público un pódese mover con certa liberdade e, no caso do bus, a un prezo máis que razoable. As bonificacións aplicadas polas distintas Administracións nas viaxes fai que haxa quen enlace tres transportes públicos para ir traballar: bus urbano, tren e urbano de novo ou transbordos. Con abonos gratis de tren e descontos nos autobuses, compensa. E ata se recupera se se quere o gusto por charlar e coñecer xente. Pódese “perder” algo máis de tempo pero durante o traxecto un desconecta e descansa, ou traballa algo se o precisa, repasa apuntes, pechar un rato os ollos e despreocúpase de aparcar.  […]

(Extracto da reportaxe publicada no número 393 – febreiro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)