Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"Para min o presidente de Galicia é máis có rei"



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE PABLO COUTO · PUBLICADO O 14 DE MARZO DE 2024 · (0)




Anselmo Millán marchou para os EUA cos 25 anos cumpridos e cunha vida resolta. Xestionaba en Ribeira un café bar, o parque Miramar, o cine Millán, o serradoiro familiar… pero quería prosperar. E a súa nai quería que casara. E fixo ámbalas dúas cousas nos Estados Unidos, onde leva catro décadas traballando pola veciñanza de Harrison e polos dereitos da colectividade inmigrante da súa vila de adopción.

O perfil de Anselmo Millán non é o do emigrante sen oportunidades que marcha na procura dun traballo que lle permita sobrevivir. El vivía ben en Ribeira, ao cargo dos múltiples negocios familiares que levantara seu pai, un grovense que fora alcalde na súa vila natal antes de chegar a Palmeira a comezos dos anos corenta para encargarse dunha empresa madeireira. Alí, coa axuda da muller, María Castelo, e dos fillos fíxose cun almacén de salgadura na Corna que converteu nunha pista de baile, o Parque Miramar, e no Cine Millán.

Ao cargo de tódolos negocios estaba Anselmo fillo cando a nai o incita a casar. Tiña 25 anos e faltáballe asentar familiarmente. E a persoa elixida é a filla duns emigrantes nos Estados Unidos de América que pasa o verán en Ribeira. Anselmo marcha a Nova York o 21 de novembro de 1971 e casa o 19 de decembro. Menos dun mes de compromiso para un matrimonio que xa cumpriu os 40 anos.

E aí empeza unha historia moito máis común entre a emigración galega, a loita por construír unha vida lonxe do fogar familiar, nun país tan diferente ao propio onde nin o idioma era o mesmo. E co engadido de reconstruír unha vida laboral que en Ribeira tiña resolta. Pero lonxe de renderse, o orgullo e o tesón de Anselmo Millán fan que tire para adiante. Primeiro no norte de Nova York, onde vivía a familia da súa muller. E cando ve que alí non vai lograr o futuro que ansiaba, en Harrison.

A colmea da industria

"En Nova York traballaba na construción pero vin que non había moito futuro aí, e non viñera aos EUA para fracasar", cóntanos Anselmo. "Oín falar de Newark, onde había moitas oportunidades e moitos galegos e díxenlle á muller que marchabamos para alí. Pero de camiño pasamos por Harrison e gustoume".

Harrison era unha pequena cidade chamada a colmea da industria polo crecemento que experimentou ese sector o pasado século. "Aquí vivían 10.000 persoas e entraban a traballar diariamente 100.000", explica Anselmo. "Era unha cidade de traballadores, fundamentalmente inmigrantes irlandeses, polacos e italianos que non querían que entrase ningún outro colectivo", conta Anselmo rememorando os difíciles inicios.

"Para eles eu era un latino, nin sequera me consideraban europeo, e eu aceptábao. Era hispano e tiña todo o dereito a traballar e vivir aquí en igualdade de condicións. E para iso me puxen a traballar desde as propias institucións". Así comezou a labrar unha nova vida que foi mellorando paralelamente á de toda a comunidade hispana de Harrison. Seguindo os pasos de seu pai, Anselmo elixe a política local, na que pronto se fai un oco, aínda que non se atribúe o mérito a si mesmo senón á propia colectividade. 

"A nosa era unha emigración disciplinada, cuns valores familiares formidables e unha ética profesional incomparable. Hai un dato significativo: a comunidade española era a que máis fillos profesionais tiña, preocupábase porque estivesen moi preparados e puidesen optar a traballos especializados. Con iso dígoo todo", explica Anselmo.

A súa actividade pública comezou, precisamente, como xuíz de menores, un posto no que puido traballar a prol da xuventude de Harrison cun éxito que pronto lle permitiu escalar na política local. Os concelleiros no Estados Unidos son independentes, non van nun grupo de goberno, e el logrou gañar co 80 % dos votos fronte a unha candidata irlandesa. "Un día estaba facendo campaña e unha señora irlandesa preguntoume por que ía votarme se eu non era irlandés. Eu díxenlle que, efectivamente, non era irlandés e que non ía renunciar nunca á miña orixe, como nunca renegaría de miña nai, pero que era alguén agradecido a este país que ía traballar por facelo mellor para todos. E votoume".

Primeiro concelleiro hispano de Nova Jersey

No ano 1995 comezou o seu labor como concelleiro de Harrison, que desenvolveu con diversas responsabilidades, e múltiples atrancos, durante case tres décadas. Tamén se presentou á alcaldía polo Partido Demócrata, aínda que non logrou gañar… "por agora", porque non descarta volver intentalo.

Anselmo foi o primeiro concelleiro hispano de Nova Jersey e en 1996 foi un dos delegados do estado na Convención Nacional Demócrata en Chicago para elixir a Bill Clinton e Al Gore como presidente e vicepresidente dos EUA. "Foi a primeira e única vez que houbo un delegado de Harrison", conta orgulloso.

Entre os cargos que ocupou destaca o de subdirector estatal da área de Saúde e Servizos Humanos, desde onde se encargou de mellorar as condicións de vida da terceira idade, prevención do crime, sida, axudas públicas á vivenda, axuda psicolóxica ou protección da infancia. Neste eido foron moitas as actuacións do concelleiro Millán, como o Rebound Program, un proxecto de axuda a estudantes de Harrison, East Newark e Kearny que contou cunha importantísima subvención federal.

Entre os seus múltiples logros, Anselmo recorda con especial cariño o Harrison Fest, un festival que reunía nas rúas a tódolos colectivos da vila e que "contribuíu decisivamente a conformar un espírito de cidade". A colmea da industria á que chegou este emigrante galego está considerada na actualidade como un dos mellores lugares para vivir da área metropolitana de Nova York, algo ao que, sen dúbida, colaborou o barbanzán.

Anfitrión galego en Nova York

Millán sempre mantivo contacto con toda a comunidade galega da contorna, mesmo cando non había redes sociais e non era tan doado. "Reuniámonos nos enterros, viña todo o mundo de Nova York, de Nova Jersey, Pensilvania… e vías o veciño e sabías da súa vida. Sempre diciamos: temos que vernos que non sexa nestas circunstancias, pero estabamos desexando que volvese esa circunstancia para volver a vernos". 

Tamén foi o anfitrión de moitos políticos galegos que acudían de visita a Nova York. "Recibín moitos alcaldes, o de Ribeira, o da Pobra… e cando veu Fraga fíxeno vir aquí antes de pisar Nova York. Cerrei o Lincoln Tunnel e a autopista para el só e izamos a bandeira galega ben grande. Dicíame o embaixador que nin para o rei se facía iso, e eu díxenlle: O presidente de Galicia é o máis grande do mundo para min, máis có rei". Manuel Fraga foi a primeira persoa na historia que obtivo a chave da cidade.

En 2015 Anselmo recibiu a Medalla de Honor da Emigración que outorga o Goberno de España, unha das condecoracións máis queridas para o barbanzán, que atesoura unha longuísima listaxe de varias páxinas no apartado de premios e recoñecementos. "Nunca deixei de loitar pola comunidade, aínda que tiña que traballar moito. Cheguei a ter varios traballos á vez, debíallo aos meus fillos".

A casa de Palmeira

Anselmo ten dous fillos e varios netos dos que está especialmente orgulloso, e aos que sempre transmitiu o amor por Galicia. "Ían a clases de baile galego e cada semana reunímonos no Club Español coa colectividade. Foron moitas veces a Ribeira, onde temos casa". De feito, mentres falamos con el en Harrison, a súa muller está na casa de Palmeira coa súa nai, á que a morriña lle pediu volver á terra natal. 

Millán estivo á fronte da Coalición de Sociedades Españolas nos EUA e do Xacobeo USA e traballou arreo pola importante colectividade galega do seu estado, que non é pouca. No veciño concello de Newark, fronteira con Harrison, atópase a Little Galicia, unha comunidade de galegos e portugueses que ateigan as rúas con locais de nomes ben recoñecibles na nosa lingua e con institucións tan emblemáticas como o Club España e o Centro Ourensán que, desde 1964 marcan, a ritmo de gaita, o día a día da cidade dos ladrillos.

(Extracto da reportaxe publicada no número 394 – marzo 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)