Víctor Velo, a última testemuña da "toma" do Santa María
O 22 de xaneiro de 1961 un grupo denominado Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación secuestraba en Venezuela o transatlántico portugués Santa María. A bordo do barco subiron o portugués Henrique Galvão e dous galegos, Xosé Fernández e Xosé Velo. Con este último ía o seu fillo Víctor, última testemuña viva daquel acontecemento histórico que, malia non lograr o obxectivo de derrocar as ditaduras da península ibérica, puxo o foco internacional sobre elas e sobre quen as combatía.

O Brasil foi un dos principais destinos da emigración galega a América. Había moitas razóns, históricas, culturais e territoriais, para adaptarse ben naquel país pero, sobre todo, estaba a lingua común e a proximidade física e sentimental a Portugal. Os galegos, sobre todo do sur de Ourense e Pontevedra emigraban ao país veciño e, desde alí, era natural a partida á colonia americana.
Ese foi o percorrido que fixo o recordado político Xosé Velo, aínda que ese traxecto inicial levouno a Venezuela, onde pasaría 12 anos antes de chegar ao seu derradeiro destino, São Paulo, onde morrería prematuramente en 1972. "Meu pai morreu moi novo", di Víctor Velo, con gran pesar, cando lle preguntamos pola figura de seu pai. Repetirao moitas veces ao longo da conversa
O fillo do político, escritor e mestre galego vive aínda na megalópole brasileira que os acolleu a el e a seu pai tras o mundialmente famoso secuestro do Santa María. "A toma do Santa María", corrixe el. "Non foi un secuestro. Tal como meu pai a ideou, era una toma pacífica para denunciar as ditaduras de España e Portugal e forzar a súa derrota", explica a ECO a última testemuña viva daquel suceso.
Aínda non cumprira os 17 anos, pero o fillo de Xosé Velo xa se situara politicamente en Venezuela, a onde chegara coa nai, Jovita Pérez, e cos seus irmáns Lino e Manuela en 1949, uns meses despois da fuxida paterna, tras saír do cárcere onde cumpría condena por colaborar con organizacións da oposición galeguista no exilio. Non fora a súa primeira detención.
De Celanova a Vigo
Xosé Velo era fillo de Lino Velo Castiñeiras, que fora alcalde de Celanova. Na vila natal coñeceu a Celso Emilio Ferreiro, con quen a finais de 1932 organizou as Mocidades Galeguistas locais e formou parte do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, das que foi secretario xeral en 1935. Tres días despois do golpe de Estado foi detido e obrigado a loitar no bando dos sublevados, condenado a un batallón de castigo en Guinea Ecuatorial por desertar. Rematada a guerra volve a Celanova, onde abre unha academia de ensino que replicará en 1943 en Vigo.
"Acórdome moito da casa de Vigo onde morabamos", cóntanos Víctor Velo cando rememora a súa breve infancia en Galicia (marchou con catro anos). El foi o único que naceu no piso de Vigo, seus irmáns naceran en Celanova "a terra que meu pai nunca esqueceu e á que soñaba volver cando se derrocara o ditador", apunta con tristura. Non puido ser. Franco morrería na súa cama tres anos despois de facelo Xosé Velo. "Pero el intentouno, desde Galicia e desde América, toda a súa vida porque antes de nada, meu pai era galeguista. El falaba galego mentres que outros paisanos sentían vergoña da súa lingua", asegura quen tamén formou parte activa desa loita antifascista.
A Operación Compostela que acabou sendo Dulcinea
Víctor Velo foi un dos 24 membros do comando que, o 22 de xaneiro de 1961, subiu a bordo do barco da Companhia Colonial de Navegação que partira desde Vigo cuns 650 pasaxeiros, co fin de chamar a atención internacional sobre os abusos dos réximes ditatoriais de Franco, en España, e de Salazar, en Portugal.
A toma do Santa María denominouse "oficialmente" Operación Dulcinea. Non era ese o nome que quería darlle Velo, que quixo bautizala como Operación Compostela pero finalmente impuxéronse os portugueses, comandados por Henrique Galvão, a quen Víctor Velo culpa do fracaso da operación "coidadosamente deseñada" por seu pai. Víctor, con evidentes fendas na memoria que a néboa do tempo e a idade van facendo máis profundas, insiste, porén, en que "nunca se tratou dun secuestro e que a propia tripulación foi quen máis apoiou a acción".
O certo é que unha parte da pasaxe apoiaba o DRIL, pero non toda. Foron membros da tripulación os que lles ocultaron as reservas de auga potable e malgastaron o combustible que moi pronto puxo en xaque a operación, impedindo navegar ata África para iniciar unha sublevación nas colonias portuguesas ou españolas e, desde alí, alimentar unha revolta contra os réximes ditatoriais da península ibérica. E a necesidade de atender a dous feridos, un deles grave, dálle o golpe de graza. O Santa María, convertido xa no Santa Liberdade, ten que achegarse a terra e desvelar a súa situación. A partir de aí a situación faise insostible.
Os membros do DRIL depoñen as armas e levan o barco cara a Recife a cambio de recibir o status de refuxiados políticos, un feito que narrou maxistralmente Margarita Ledo Andión no documental Santa Liberdade (2004). A pasaxe regresa a Europa a bordo do Veracruz e Pepe e Víctor inician unha nova vida no Brasil.
A morte prematura trunca a carreira literaria
Tras pasar uns días en Recife, os galegos trasládanse a Campinas e, finalmente, establécense na inmensa cidade de São Paulo coa axuda do xornalista portugués Miguel Urbano Rodrigues. Pepe comeza a dar clases nunha academia e Víctor retoma os estudos de Física na universidade.
En 1962 Jovita reúnese con eles (os outros dous fillos, Lino e Manuela, quedarán en Venezuela). "Ela anima a meu pai a abrir a libraría pero el estaba xa enfermo e desanimado", dinos Victor. A libraría, chamada Nós, funcionará aínda uns anos no barrio pauleiro de Paraíso, e tamén abre unha editorial, Galicia Ceibe, na que só chegará a publicar unha tradución de Rosalía de Castro ao portugués. A súa intención era editar a súa propia obra, case toda inédita, pero o rápido avance do cancro de pulmón impediullo. Morreu o 30 de xaneiro de 1972, con 55 anos de idade na cidade que o acolleu.
E alí permanecen Pepe e Víctor. O primeiro no cemiterio Gethsêmani onde foi soterrado, e o seu fillo nun humilde apartamento onde nos recibe, agradecido de que Galicia non esqueza a quen nunca a esqueceu.
(Extracto da reportaxe publicada no número 394 – marzo 2024)
Comentarios (0)