Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O acelerón da industria


Proxecto Estratéxico Industrial ou Iniciativa Empresarial Prioritaria, as dúas etiquetas que adiantan postos na cola burocrática galega.


ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 03 DE ABRIL DE 2024 · (0)






A industria xera, por regra xeral, mellor emprego, máis estable e moitas veces mellor remunerado que o sector terciario. Deixando sempre fóra da ecuación ao emprego público, que se rexe polas súas propias regrase á marxe de mercados e rendibillidades

Segundo a última EPA Galicia supera en dous puntos ao Estado en porcentaxe de xente que traballa no sector industrial, cun ritmo de crecemento interanual do 7,31 % pero moita marxe de mellora. En España, o plan dixital 2025 da CEOE indica como obxectivos “lograrun peso da industria do 20% no PIB”, en Galicia non chegamos ao 16%.

Nun recente encontro cos economistas do Foro Económico de Galicia a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, falaba do “bo clima”que o Goberno galego está a tratar de xerar para o investimento. Concretando a esencia dos discursos políticos a comunidade ten deseñados recentemente varios plans de aceleración de proxectos industriais, premiando iniciativas que invistan sobre todo nos sectores declarados como estratéxicos: metalmecánico, automoción, construción naval, forestal-madeira, TIC e loxística. Que ademais teñen cadanseu plan director e de coordinación dos cales tres están en fase de consultas: naval, automoción e TIC.Alfombra vermellaSe un proxecto reúne unha serie de requisitos téntaselle poñer unha. Como que cren un mínimo de 25 ou máis empregos, conten cun financiamento de dous millóns de euros e teñan unha incidencia territorial e socioeconómica que se note.

Os investimentos poden ser menores, depende do caso. Sexa como for terán un portelo único e, moi importante, “garantirase o apoio do Goberno galego no caso de que os permisos de competencia municipal demórense sen motivo”, dixo Alfonso Rueda o pasado outubro, nun momento que definiu de “extrema competitividade”. 

(...)

Moita enerxía verde

Para facérmonos unha idea dos proxectos que agora se xestan e foron aprobados cómpre botar con calma unha ollada ao listado dos encaixados nun grupo ou noutro. Destacan as novas enerxías nun momento no que a comunidade creou unha Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Renovable. Así, por exemplo, o 26 de outubro a primeira gran planta de hidróxeno verde de Galicia obtiña o visto bo da declaración de impacto ambiental. Falamos da sociedade H2 Pole, do grupo Reganosa, que producirá mediante electrólise e a auga do lago das Pontes do que tanto proveito se saca. A planta leva aparellada un investimento de 150 millóns e xerará, segundo os seus cálculos, 64 empregos. Debería estar en marcha no primeiro semestre de 2026, nun par de anos.

O proxecto -cuxo percorrido administrativo arrincou en xuño do 2022- inclúe 7,2 quilómetros de hidroxenoductos e 4,9 de liñas subterráneas de alta tensión, necesarios para levar á terminal a electricidade. Reganosa garante que na contratación de provedores e empregados priorizarase aos do lugar e, particularmente, aos afectados polo cesamento de actividade da térmica de carbón.

Semellante a esta falamos agora dun dos maiores investimentos da historia recente de Galicia: unha factoría de hidróxeno e amoníaco verde (a coñecida como “dinamita líquida”, unha especie de gasolina artificial) da man de Fisterra Energy, neste caso no Porto Exterior da Coruña. 1.100 millóns de euros e a previsión de contratar a 200 persoas. A empresa -adscrita ao fondo Blackstone- quere situar á dársena de punta Langosteira á cabeza da produción e almacenamento de renovables a nivel nacional. Fisterra Energy fixo investimentos millonarios en México, por exemplo, onde participou na construción e xestión de plantas de ciclo combinado. En decembro de 2021 solicitou a concesión de chan á Autoridade Portuaria coruñesa nos terreos de Langosteira e en principio xa o ten practicamente todo para poñerse en marcha. Esta non é a única proposta de enerxías renovables en España, hai meses soúbose que queren construír un parque eólico no País Vasco.

Outra planta de hidróxeno e amoníaco verde será a de AMHON (Harmonía Green Galicia) tamén no Porto Exterior da Coruña, cun investimento de 383 millóns e 45 empregos xerados. Detrás está o Grupo Ignis, fundado en 2015 con sede en Madrid pero que aquí opera a través da sociedade Armonia Green Galicia. Levantarán unha planta de xeración e expedición para a exportación aínda que, segundo a empresa tamén “será capaz de atender as necesidades locais de consumo de enerxía”. Recibiu a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) o pasado 4 de marzo e ten tamén o apoio da Autoridade Portuaria. Os cálculos da empresa indican que poderían producir máis de 150.000 toneladas anuais nunha factoría que será complementaria á que a compañía prevé construír nos terreos de Alu Ibérica, xunto a Resonac.

(...)

A polo 20

 Ninguén dubida  da importancia de mudar unha economía terciarizada de máis. Nos días preeleitorais a líder nacionalista Ana Pontón marcábase como obxectivo que o noso PIB industrial fose o 23% do total en catro anos. O socialista Besteiro, quizáis máis realista e cos datos na man, apostaba por un 20%. O Goberno popular que saiu das urnas é, ao final, quen ten por diante minguar a fenda feita tras da perda de 40.000 empregos neste sector, os que sufrimos entre 2008 e 2022. O resultado é que temos a día de hoxe un PIB industrial por debaixo do 16%.

Ata o 20% que marcou Bruxelas como media para todos, fica traballo.

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)