"Galicia é un sitio extraordinario"
O pequeno concello ourensán de Avión pasou de ser un dos moitos baleirados por décadas de emigración masiva a unha zona residencial de grandes chalés que cada verán abren as súas portas para recibir os millonarios que lograron fortuna. E non foron poucos. Porque se algo distingue a emigración desta veciñanza é o éxito empresarial que logrou, sobre todo os que foron a México. É o caso da familia de Javier Vázquez, un dos empresarios galegos máis importante do país azteca. Alí nos recibe, na sede central do holding Euromex.

Como chega a familia Vázquez Ruiz a México?
Chegan meus pais, pero realmente a historia migratoria de ambas familias xa empezara antes, como bos galegos. Había unha emigración anterior aínda que se tratou de emigracións non completadas. Meu avó paterno, que era de Outeiro de Rei, en Lugo, estivo en Cuba a principios do pasado século. Era xastre e tivo unha xastrería na rúa Lamparilla, que era a mellor xastrería da Habana. E o meu avó materno, que era de Avión, emigrou a México. Cando digo que foron emigracións non completadas é porque ambos os dous morreron novos.
Morreron na emigración?
O avó materno si. O paterno retornou. Pero tanto miña nai como meu pai quedaron orfos moi novos, miña nai debía ter uns 6 anos e meu pai 7. Ela nacera en 1941 e el no ano 1931. Imaxina… queda orfo en plena posguerra, e eran nove irmáns! A situación das dúas familias foi moi complexa. Visto desde hoxe poderiamos falar de pobreza extrema. Ao quedar tan novos sen pais tiveron que vivir do que daba a horta e con moitísimas carencias, porque faltaba o pai que levaba o sustento. Polo que oín, e o que vin en fotos, foi unha época durísima.
E como se coñecen teus pais, un de Lugo e a outra de Ourense?
Meu pai, xa de mozo, foi a Ferrol e logrou un traballo no catastro. E mandárono a medir unhas fincas a Ourense, a Avión. Alí coñeceu a miña nai, que é da aldea de Penedo, e alí casaron no ano 58.
E que os leva a emigrar, se teu pai tiña un bo traballo e xa estaban asentados en Avión?
Meu pai emigrou bastante tarde, para o que é habitual. E toma a decisión porque un tío seu, que estaba aquí, díxolle á miña nai que había traballo, que enviara un fillo que el había mirar por el… e marchou.
Veu el só?
Si, primeiro veu el só. Chegou a Cidade Obregón, que era onde estaba ese tío que se dedicaba á venda de mobles, como tantos galegos. El foi quen o axudou ao principio cos provedores e así puido montar meu pai o primeiro negocio propio nunha pequena cidade de Sinaloa. Aínda con moitas débedas, porque todo era a crédito… pero empeza e pronto abre outros comercios en cidades próximas. Sempre con moito traballo e sacrificio máximo.
E cando trae á familia?
A familia reúnese ao cabo duns seis anos. Miña nai viaxa a México cos tres fillos que naceran en Galicia e aquí nacemos eu e mais outra irmá, somos cinco en total. Hai unha anécdota incrible desa viaxe que che quero contar, porque é moi significativa. Miña nai vén soa, cos tres nenos, e cando baixa do avión hai un fotógrafo facendo fotos. Era algo habitual naquela época, en que viaxar en avión non era frecuente, moitas veces era unha experiencia única. Entón, cando vai baixar do avión pola escaleiriña cos tres nenos, pídelle axuda a unha muller que ía atrás para que a axude a baixar a unha das nenas. E nese momento sácanlle a foto, que estivo na nosa casa toda a vida ata que un día a ve a miña muller e di: "Esa que está na foto é miña nai".
A túa nai e a túa sogra viñeran no mesmo avión?!
Efectivamente, e nunca o souberon ata moitos anos despois de estarmos casados. Para miña sogra tamén era a primeira viaxe a México, onde xa estaba o seu home traballando. As dúas viñeron soas a reunírense cos homes e baixaron xuntas do avión.
Pero nunca máis se viron nin mantiveron relación?
Non, de feito eu coñecín a miña muller (que tamén naceu aquí) en Galicia. E casamos alá!
E seguides mantendo esa relación con Galicia intacta malia nacer e vivir aquí. Por que?
Porque esas son as nosas raíces e é importante conservar as raíces. Nós temos tres fillos e os tres estiveron sempre nos grupos de baile do Centro Galego e ligados á colectividade. Un xa ten 22 anos e agora está estudando en Madrid, pero as nenas seguen no Centro Galego e pasamos os veráns en Galicia. Non queremos que perdan as raíces nin as amizades. É impresionante chegar alá no verán e que se atopen alí cos amigos de aquí cos que comparten experiencias e vida. Moitas veces me preguntan por que imos a Galicia podendo ir a calquera outra parte do mundo: porque os meus fillos queren ir alí. Galicia é un sitio extraordinario. Ás veces a xente non valora o que ten. Galicia é absolutamente extraordinaria. Por todo: polo clima, pola gastronomía, pola xente… sobre todo pola xente! É marabilloso estar alí, falar coa xente, compartir. É o lugar onde mellor tratan aos de fóra, porque Galicia é unha comunidade feita con xente de fóra e os que non somos nados alí sentímonos igual que se o foramos. Ademais, a miña nai vive en Galicia, volveu hai moitos anos para quedar alí. E meus sogros tamén… así que seguimos estando nas dúas beiras do Atlántico.
De feito, tes negocios en Galicia. A que te dedicas actualmente? Porque desde aquela moblería de teu pai, as cousas cambiaron moito…
Meu pai falece en 2013 e tócame coller as rendas dos negocios e a responsabilidade, non só de mantelos senón de incrementalos. Pero o difícil fíxoo el, o meu non ten nada que ver… Este lugar no que estamos é a sede de Euromex, que é un holding con intereses no sector inmobiliario, no de hoteis e moteis, no ámbito do entretemento… Actualmente temos uns 3.000 empregados en total e aquí é onde tomamos as decisións. Pero os negocios están moi repartidos. En España temos no ramo da construción, da tecnoloxía… É complexo pero estamos acostumados a traballar e a lidar con isto e procuro aumentar o negocio que tanto lle custou a meu pai.
(Extracto da entrevista publicada no número 396 - maio 2024)
Comentarios (0)