Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Debemos fortalecer as vocacións investigadoras”



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 08 DE MAIO DE 2024 · (0)




Doutora no Servizo de Cardioloxía do CHUS, Ana Belén Cid Álvarez (Xunqueira de Ambía, 1977) vén de recoller o V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía polo seu traballo sobre a insuficiencia mitral severa. Ademais da investigación, as súas paixóns son viaxar, ler, a música en directo e, especialmente, compartir tempo cos amigos e a súa familia.

Que implica para vostede este recoñecemento?

Os recoñecementos nunca son individuais, sempre son colectivos e pertencen a todo un equipo implicado no tratamento destes doentes. Para min é unha honra representar ao meu equipo recibindo este premio que pon en valor o esforzo diario, mais alá da labor asistencial, de moitos profesionais da sanidade pública. Tamén é importante recoñecer e agradecer a labor de mecenado de premios como o impulsado por Ramiro Carregal, que supoñen un soporte económico fundamental para levar a cabo proxectos coma o que nós presentamos nesta edición.

De onde nace a súa vocación investigadora?

Eu entendo a investigación como unha parte fundamental da miña profesión como médico. Tanto os meus pais coma os meus mestres, no colexio público Carlos Cid de Rairiz de Veiga, no instituto Lagoa de Antela e na Facultade de Medicina, sempre potenciaron e fortaleceron a miña vocación investigadora. Coido que é responsabilidade de todos nós que os nenos se interesen pola investigación e sigan este camiño.

O seu traballo aborda a insuficiencia mitral severa, a patoloxía valvular cardíaca máis común nos maiores de 75 anos. Por que escolleron esta liña de investigación?

A insuficiencia mitral é unha patoloxía frecuente e estímase que a súa incidencia se incremente nos próximos anos debido ao envellecemento poboacional. Os doentes con esta valvulopatía, cando provoca síntomas, teñen mal prognóstico con hospitalizacións frecuentes e maior mortalidade. Dado que moitos deles presentan alto risco para unha cirurxía convencional, nos últimos anos desenroláronse técnicas de tratamento minimamente invasivas que se realizan transcatéter por parte dos cardiólogos intervencionistas. No servicio de Cardioloxía do CHUS fomos pioneiros aplicando esta terapia, contamos con un equipo con ampla experiencia no tratamento transcatéter con terapia borde a borde en doentes con insuficiencia mitral grave, así como unha unidade de imaxe avanzada con equipos de TAC e RMN propios e cardiólogos expertos no desenrolo de modelos computacionais en intervencionismo valvular.

Como se identifica esta enfermidade?

Os doentes que padecen insuficiencia mitral de grado severo debutan con síntomas de insuficiencia cardíaca: falta de alento, edemas en extremidades inferiores...Con estes síntomas establecese un diagnóstico de sospeita que se confirma realizando una ecografía cardíaca, onde se pode avaliar e cuantificar o grao de insuficiencia mitral.

Como levarán a cabo o tratamento?

A través de técnicas percutáneas de reparación mitral “borde a borde”. Accédese ás cámaras cardíacas e á válvula mitral a través dun sistema que se introduce dende a femoral e que permite implantar un dispositivo metálico en forma de “clip” na zona onde se sitúa a “fuga”. O noso obxectivo é desenvolver un modelo contemporáneo modelos preditivos computacionais, analizar o prognósticos logo da intervención e desenvolver un modelo que resulte útil na selección de doentes para saber cales se poderán beneficiar da terapia de reparación percutánea.

En que consiste o modelo preditivo que van empregar nas súas intervencións?

Un dos puntos máis innovadores da nosa proposta radica no desenvolvemento dun modelo computacional, un simulador de reparación borde a borde que nos permitirá planificar o procedemento de forma personalizada, analizando o estrés das válvulas mitrais en función da tamaño ou número de dispositivos ou a súa posición, así como o resultado esperado. É un punto central, dado que a medida que aumenta a complexidade dos casos sometidos a reparación percutánea da válvula mitral, faise importante planificar o procedemento de forma individualizada.

En que medida os resultados do estudo servirán para mellorar o tratamento e prognóstico desta patoloxía cardíaca?

A elaboración de modelos computacionais específicos da anatomía de cada doente que permitan realizar un “procedemento virtual” antes de levar a cabo a intervención, facilitará o procedemento e mellorará os resultados en termos de redución da insuficiencia mitral. Por outra banda, a identificación de marcadores non invasivos e o desenvolvemento dun modelo preditivo permitirá optimizar os recursos asociados a este tratamento perfeccionando a selección dos pacientes que realmente se benefician del.

Cre que é complicado investigar no noso país?

É importante potenciar a investigación no noso país, dado que a carreira investigadora e complexa e resulta en ocasións moi difícil conseguir recursos. Un dos principais valores dun país é a capacidade de xerar coñecemento e innovar, poñer en valor o traballo dos investigadores e evitar a precariedade laboral neste sector é fundamental para logralo.

Como se ve dentro duns anos?

No profesional, contribuíndo co meu traballo a mellorar a saúde dos doentes na sanidade pública galega. No persoal, desfrutando do camiño coa miña xente, a familia e os amigos, que son o centro da miña vida.

(Extracto da entrevista publicada no número 396 - maio 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)