“Contratamos bos profesionais para que nos digan o que temos que facer”
A película Os bolseiros conta as hilarantes vicisitudes de dous “corentañeiros” na loita por un posto na sede da empresa en California. Realmente Google é tan aberta como parece?
A película rodouse nas instalacións de California e, efectivamente, cando os actores chancean sobre se a comida é gratis en realidade é que é así, é gratis para os traballadores. E tamén é certo que se favorece moito a diversidade e a interacción, dános igual como veñas vestido, o importante é que sexas un profesional que poida achegar, que pense de forma distinta. Os procesos de contratación son sofisticados porque contratamos a bos profesionais non para dicirlles o que teñen que facer senón para que nos digan o que temos que facer nós.
E se este sistema semella funcionar ben, por que lles custa tanto a outras empresas tentar trasladalo?
Tiven a sorte de traballar en compañías nas cales as organizacións eran moi transparentes, pouco xerárquicas, onde a información e a comunicación era natural e iso probablemente nótase cando traballamos. O certo é que cando preguntas nun foro cantos pensan que as persoas son o activo principal dunha compañía case todo o mundo levanta a man, pero despois non se actúa consecuentemente. Temos que crer firmemente que o talento humano é o que vai facer que a nosa empresa teña éxito. Hai que crear unha contorna na cal as persoas sexan felices, dar ferramentas, recoñecer o traballo e deixar espazo. Sinxelamente porque un empregado feliz é máis produtivo. Así que se son máis felices, as nosas empresas serán tamén mellores empresas.
Se alguén sabe sobre tendencias tecnolóxicas que cambian o mundo es ti. Que é o que estamos a vivir?
Un fenómeno precioso, único, moi distinto aos antigos cambios e revolucións que tivemos na historia da humanidade: estamos a ter unha irrupción tecnolóxica moi rápida que afecta a moitísimas persoas, de feito, á maior parte de todos nós.
E en que se traduce esa ruptura?
Pois na mobilidade, na nube, no Big Data e nas redes sociais. Xuntos configuran unha especie de tormenta perfecta que fan que todo estea a suceder con moitísima velocidade e impacto.
Todos vemos que xa está en marcha un novo xeito de traballar e de vivir. O cambio sempre será para mellor?
Supoño que dirás que si… Si, si, é que son optimista por natureza e claramente véxoo así.
Texto: Esther Garrido / Fotos: Miguel Muñiz
(Extracto da entrevista completa que se pode ler no número de marzo de eco)
Comentarios (0)