Contra vento e marea, unha ollada á historia da mariña mercante en Galicia
Enrolados en barcos de madeira ou ferro, propulsados a vela ou motor, e baixo o ondear de calquera pavillón, miles de galegos navegaron ante océanos embravecidos e viron baixo un sol abrasador o tempo deterse nas encalmadas infinitas dos mares equinocciais, co único afán en cada singradura de volver á casa.
Baixo o título Contra vento e marea. A Mariña mercante en Galicia.1750-2000, o Museo do Mar de Galicia inaugurou un novo espazo expositivo que pretende amosar unha parte da tradición e cultura galega que ata o de agora non estaba representada no museo: o comercio e o intercambio de produtos do mar. A nova sala realiza un percorrido a través de máis de 100 pezas pola importancia que o tráfico e comercio marítimo supuxo para o desenvolvemento do sector pesqueiro, do naval e tamén do automobilístico en Galicia ao longo dos anos.
A mostra permanente recolle un relato de 250 anos sobre o impacto do tráfico marítimo que inclúe dende o comercio ata a navegación. Moitos particulares brindaron pezas de todo tipo que se engadiron aos fondos, unhas 150, dende partes de barcos antigos, ata maquetas de portacontedores actuais, co obxectivo de dar a coñecer parte da tradición e cultura galega marítima.
Foi importante a cesión dunha parte substancial da colección da Fundación Castro-Rial de Cee, conformada ao longo de anos polo celo na preservación deste importante legado empresarial, así como achegas doutras persoas, institucións e empresas. Deste xeito, o Museo do Mar destaca a todas aquelas “empresas armadoras, estaleiros, consignatarios e instalacións portuarias que en Galicia xurdiron e desenvolveron a súa actividade nos últimos 250 anos e que converteron os nosos peiraos en piares de desenvolvemento económico a través do comercio marítimo”, sinalan dende a entidade.
Unha das pezas que se poden apreciar na mostra é o libro de bitácora da goleta Faro de Vigo que, no 1879, realizaría a última viaxe entre Porto Rico e Vigo durante a época dourada da vela e das relacións con América. “Tivemos a sorte de recibir ducias e ducias de doazóns de pezas de xente que estivo enrolada nestes barcos”, explica Vicente Caramés, comisario da exposición.
Durante a inauguración, o conselleiro de Cultura, José López Campos, puxo en valor a apertura deste espazo temático no Museo e incidiu na pegada no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, que a actividade da mariña mercante entrañou non só para a contorna do noso litoral, senón para todo o territorio galego. Deste xeito, referiuse a esas viaxes transatlánticas ou por diferentes puntos do planeta, coas que a tripulación traía consigo de volta á casa novos artefactos, artesanía, tecnoloxía e tamén palabras ou costumes que foron espallándose e tendo arraigamento propio na nosa comunidade.
Pola súa banda, a directora do Museo do Mar, Marta Lucio, destacou a colaboración recibida por institucións e por particulares. Emprazado na vella fábrica de conservas Alcabre-Muíño de Vento en Vigo, o Museo pretende con esta mostra levar a cabo unha síntese do que implica o mar en Galicia, un elemento fundamental na nosa realidade común. “Esta exposición permanente é a comprensión dos galegos co mar ao longo da nosa historia como pobo”, explica Vicente Caramés.
Unha singradura de homenaxe
A escolla do período temporal de 1750 a 2000 non é aleatoria. A mediados do século XVIII, moitos galegos víronse recrutados na mariña de guerra española coa instauración da matrícula do mar. Este feito coincide con outros momentos significativos na historia marítimo mercante galega, como a creación do arsenal de Ferrol, un punto de referencia para o transporte marítimo da época e de capital importancia no transporte. Por outra banda, a chegada dos cataláns é decisiva no desenvolvemento do comercio marítimo, “sobre todo para o tráfico de sardiñas salgadas e doutros produtos mediterráneos”, sinala Vicente Caramés, comisario da exposición.
O desenvolvemento do tráfico mariño deu un pulo ás exportacións e tamén ao tráfico de cabotaxe ao longo da costa que se desenrolou nese período. Os países aos que máis se exportaba no s. XVIII era á Península ao Levante, onde se exporta a sardiña salgada. No foco exterior, a chegada dos correos marítimos do s. XVIII a América dende A Coruña, supón a creación da Escola Náutica da Coruña, converténdose na primeira ocasión na que a monarquía rompe o monopolio de Cádiz e Sevilla, en favor doutros portos como o da Coruña.
Estímase que máis de 250.000 persoas serviron nas mariñas mercantes do mundo. “Levamos fornecendo xente para os barcos da coroa e para os barcos mercantes e, para a pesca, dende o século XVIII. Os galegos formamos parte substancial das flotas mundiais; en calquera petroleiro das canles de Suez ou Panamá, había unha morea de galegos; por iso queriamos render unha homenaxe a esa inxente cantidade de persoas que serviron en barcos mercantes de todo o mundo”, apunta Vicente Caramés, comisario da mostra.
(Extracto da reportaxe publicada no número 397 - xuño 2024)
Comentarios (0)