Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O norte do noso turismo



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 19 DE XUñO DE 2024 · (0)




Quen é veciño de zonas céntricas ou arredores dos cascos históricos en cidades como Compostela e Coruña vive por momentos coa sensación de pasear nun rueiro ben bonito e reurbanizado, pero diferente. Segue a haber vida autóctona, pero a xentrificación arroxou a moitos cara outros barrios e, no seu lugar, chegan veciños de rendas máis altas convivindo con xente de paso entrando en perfectos portais rehabilitados. Iso si os locais, que mesturan o cosmopolitismo de tódalas bandeiras cun toque da terra, adoitan ter clientela para alegría dos sempre sacrificados hostaleiros.

Non somos Palma de Mallorca nin Florencia, excepto puntos quentes Galicia segue sendo unha marabilla para percorrela. Pero poñer vendas nos ollos impide ver as bandeiras vermellas evitando a reacción que estamos a tempo de ter para non caer en erros que outros tentar reverter forzando o paso. Moitas zonas costeiras acumulan visitas no verán pero a repercusión esténdese todo o ano para veciños que se senten expulsados ante a rendibilidade dos pisos de turismo. Con sorte poden alugar dez meses e deixar o piso libre os dous do verán, algo só apto para docentes con cero cargas familiares e algún universitario. Non só falamos da costa de Pontevedra e do sur coruñés: en Viveiro e Ribadeo hai inmobiliarias onde non teñen un só piso para alugar un ano completo.

As decisións políticas. Son as que xeran os marcos lexislativos e normativos, en teoría en concordancia cos sectores afectados que deberían ser consultados. E coas competencias de turismo en mans de cada comunidade cada unha tenta facer fronte á súa realidade. Na nosa este ano está a ser o dun traballo colectivo para dar forma á Estratexia de Turismo de Galicia 2030, en principio a ultimarse e, segundo a administración galega -visto o visto- poñendo o foco “nos residentes”.

Para traballar no eixo que vertebrará o sector o proceso de diagnose comezou con 20 mesas de traballo e varias enquisas online que contaron coa participación de máis de 1.000 persoas, recolleuse información e perspectivas e fóronse concretando preocupacións dos profesionais e empresarios a pé de obra. O chanzo final chegou este maio con oito mesas que abordaron temas moi concretos, como as fórmulas para aumentar a rendibilidade das empresas, a mobilidade turística, a diferenciación de destinos e o reequilibrio territorial.

E os veciños? Ben, grazas. Malia que a percepción do turismo é en xeral moi boa entre os galegos hai determinadas zonas nas que xa non tanto. Un dos obxectivos a lograr será o máximo acomodo para todos, o cal non é fácil porque sabemos o que pasa coa chuvia, a gusto de todos non cae. Tampouco o vive igual un veciño de Chantada que de Viveiro. No interior o turismo non afecta polo de agora ao encarecemento da vivenda malia que tamén vívese un medre das VUT. 

Hai dous obxectivos claros para a Axencia de Turismo galego que depende de Presidencia: reforzar a identidade local “traballando para manter a boa convivencia” e que se manteñan os datos da última Enquisa de Residentes que revelan que entre o 85 % e 90 % dos galegos valora positivamente o turismo no seu concello. Nos últimos anos esa cifra non se moveu se ben a puntuación, por razóns obvias, é máis alta, dun 8,2; entre persoas con relación directa ou indirecta co turismo e algo máis baixa, dun 7,6; entre o resto. “Son datos que animan a seguir planificando da man da nova Estratexia que estamos a elaborar para ter un modelo turístico que reparta territorialmente os beneficios” explicaba hai unhas semanas na presentación o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Moitos xeitos de ser sostible. Turismo sostible socialmente, economicamente e medioambientalmente. O caso é sosterse. A recente licitación do Observatorio de Sustentabilidade de Galicia quere dar continuidade ao traballo feito nestes anos para monitorizar a evolución dos destinos galegos “e atallar posibles situacións neste contexto de evolución extraordinaria do turismo".

 Outra das teimas é que as empresas se certifiquen cun dos dous selos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), o máis coñecido é o Q de Calidade pero dende hai dous anos existe o S de Sustentabilidade. Somos a segunda comunidade con máis distintivos Q e a cuarta con S só por detrás de Andalucía, pechamos 2023 con 315 entidades adheridas, 255 privadas e 58 públicas. O obxectivo sería conseguir ao peche de 2024 un total de 140 novas marcas tanto en empresas como servizos públicos. E para botar unha man, porque certificar costa cartos, haberá axudas para que estean en condicións de superar as auditorías. Este ano soben un 23 %, todo o plan conta cun investimento de 570.600. A maioría son para o sector privado pero un bo belisco, 160.700 euros, para o público.

Os cartos os reparte o Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística 2024 e de xeito especial para as contornas do Camiño de Santiago. O pasado abril representantes de varios concellos lucenses foron informados deste proxecto que quere conseguir que 20 novas marcas Q e 80 novas S luzan nas marxes xacobeas: oficinas de información, museos, instalacións náutico-deportivas, praias, transporte, espazos naturais protexidos e albergues, incluídos os da Rede Pública do Camiño. Como acto de recoñecemento, este 31 de maio no Parador de Muxía Alfonso Rueda facía a entrega dos novos distintivos que en Galicia entrega a Axencia de Turismo de Galicia como o Concello de Sanxenxo, que recollía a súa primeira S xunto ao Cámping Paisaxe II do Grove.

A pelexa polos cartos Next. Sustentabilidade, poderiamos tatuármonos un termo repetido ata a saciedade xunto con sostibilidade e resiliencia, conceptos que poden ser inxeridos en calquera política sectorial europea, e o turismo non ía ser menos.  Entre os moitos proxectos financiados pola chuvia de cartos Next Generation inclúense os chamados Plans de Sustentabilidade Turística. As institucións, organismos e entidades presentan propostas baixo este paraugas e esperan ser ou non aprobadas. Dende o si ata que se concretan poden pasar moitos meses.

En Galicia temos varios que contan con luz verde e destaca pola cantidade de cartos o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Vilas Termais e Centros históricos, que recibe 23 millóns de euros. Xunta e Deputación de Ourense iniciaron a execución da primeira das oito medidas que inclúen a 17 concellos, Arnoia, Boborás, Cenlle, Castrelo de Miño, Cortegada, Leiro, O Carballiño, Ribadavia, Bande, Punxín, Lobios, Muíños, Baños de Molgas, Monterrei e Verín. E tamén os conxuntos histórico-artísticos de Castro Caldelas, Ribadavia, Allariz e Pazos de Arenteiro, en Boborás.

Un total de 8 millóns reparte a área de Ferrolterra en proxectos como o novo  Xeoparque do Ortegal polo que tanto se loitou, a recuperación das antigas baterías militares da costa e as Fragas do Eume. En total hai 25 concellos que participan dun xeito ou doutro segundo a Deputación da Coruña que desenvolven cinco plans de PSTD. Tamén o Concello de Vigo porá en marcha o seu plan por valor de 2 millóns de euros ata 2025, con dixitalización de establecementos gastronómicos, melloras da separación de residuos e reforzos na accesibilidade e a mobilidade.

A asociación GDR Valdeorras implica no seu Plan Sustentabilidade Turística en Destino aos 9 concellos da comarca con 1,5 millóns de euros confirmados. O Barco de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras centran esforzos marcados por unha folla de ruta que chega ata 2025 á inserido no l Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia dotado con 34,5 M que presentaba Nava Castro a finais de 2022. A coruñesa e outrora importante vila histórica de Betanzos que tanto ten que mellorar veu o seu proxecto autorizado o 6 de maio polo Consello da Xunta: un millón de euros para uns traballos que van ata 2026.

Comprométense a crear un centro de interpretación ao aire libre no núcleo histórico, rutas temáticas e a rehabilitación do edificio anexo ao mercado, ademais de iluminación eficiente, nova sinalización, un plan de seguridade e o uso público da torre municipal do reloxo. Finalmente Pontevedra vai con atraso e chega polos pelos pero hai unhas semanas arrincaba cos contratos dos proxectos financiados pola UE concedido en 2021 e cuxa execución ten que estar rematada a finais de ano. Un contrato menor para unha asistencia técnica no proxecto para conectar a vía verde do Salnés co concello.

(Extracto da reportaxe publicada no número 397 - xuño 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)