Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia, epicentro do sector funerario internacional



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 19 DE XUñO DE 2024 · (0)




A cidade de Ourense acolleu a XII Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios (Funergal) 2024, a única feira destas características celebrada na Península, concretamente en Expourense. As dúas xornadas e media de evento incluíron unha intensa actividade comercial e formativa durante as que reuniron a profesionais do sector, fundamentalmente procedentes da Península Ibérica, aínda que se recibiron visitantes de 21 países de máis de catro continentes. En total, esta cita recibiu máis de 4.500 visitas e contou coa participación de 55 expositores de 8 países, algúns tan importantes como o Grupo Mémora.

A tecnoloxía e a sostibilidade foron os fíos condutores deste evento no que se atoparon velorios virtuais, coches fúnebres 100 % eléctricos, cadaleitos de fibra de celulosa ou furnas de musgo, entre outros, presentando o último en produtos e servizos por países como China, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Polonia e Portugal. Mostra da interese que suscitou Funergal é a participación de dúas delegacións funerarias máis importantes de Ecuador e de El Salvador, ademais de outros empresarios de México.

Como todos os sectores e o resto da sociedade, en Funergal amosaron os avances e o novo camiño cara o denominado como “ecofuneral”, ou cara as cremacións ecolóxicas. “Apostamos por féretros, furnas e todo o material que se poida adquirir que sexa biodegradable e que non contamine demasiado, ademais de realizar unha transformación empresarial ecolóxica mediante instalacións de paneis solares”, explica unha das expositoras da feira celebrada.

No referente á tecnoloxía, os expositores ofreceron apps dirixidas ao empresario funerario para controlar a presentación de servizos desde o seu móbil ou velorios virtuais que inclúen grandes pantallas nas que os seres queridos do falecido poden compartir sentimentos e fotografías. En canto á formación, esta edición de Funergal incluíu o 3º Congreso Internacional de Directivos Funerarios que reuniu a 14 expertos e que contou cunha boa asistencia estando ao completo en boa parte dos relatorios. Calcúlase que arredor de 400 profesionais seguiron os relatorios do congreso e o programa formativo.

Con todo, o evento abordou as preocupacións actuais do sector como a innovación tecnolóxica a sostibilidade, ou a defensa da ética do profesional funerario. Tamén se falou sobre o decreto de sanidade mortuoria de Galicia, da nova lei de formación profesional ou do poder dos cemiterios no seu compromiso medioambiental fronte o cambio climático.

Segundo un informe de Asociación Nacional de Servizos Funerarios (APANASEF), actualmente existen un total de 171 empresas censadas en Galicia que prestan servizos funerarios, sendo a segunda comunidade con maior número de funerarias só despois de Andalucía, que ten 181; salientando a provincia de Ourense con 71 funerarias. O sector na nosa comunidade caracterízase por empresas pequenas que compatibilizan as súas tarefas funerarias con outra actividade, nos pobos aínda é moi común que exista unha funeraria con tarefas de taxi e bar, por exemplo.” Canto máis sexamos, menos monopolio e maior oferta”, sinala un dos expositores.

Doutra banda, o Consello da Cultura Galega aproveitou a feira para manter unha reunión con directivos funerarios e analizar o uso do galego nos rituais funerarios e os dereitos lingüísticos das familias galegofalantes tanto nas cerimonias civís como relixiosas. No acto inaugural participaron o presidente Deputación de Ourense, Luis Menor; o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo; o presente dos empresarios funerarios de Ourense, Rubén Campo e o secretario xeral da Asociación Nacional de Servizos Funerarios – APANASEF, Alejandro Quinzán.

Profesionalización do sector

Dende 1978, a Funeraria Apóstol Santiago leva ofertando os seus servizos para asesorar e acompañar ás familias en cada momento. O responsable da empresa, José Manuel Rodríguez Castelao que estivo presente en Funergal, explica que Galicia afronta a adaptación ás novas demandas do sector. O incremento das incineracións, o 45 % en España fronte aos 55 % que aínda prefire a inhumación, ábrense paso entre as cerimonias tradicionais cristiáns que continúan a ser as máis comúns respecto aos velorios laicos. “As empresas instalan crematorios porque é unha demanda máis da sociedade”. Entre as xestións máis solicitadas, sinalan os servizos post mortem de asesoría, testamentaría, axudas coas pensións e xestións co estranxeiro.

Co obxectivo de mellorar o servizo das familias, en 2018 nace a rede Gallaecia-Servizos Funerarios na que se integra a Funeraria Apóstol Santiago que tamén participou en Funergal. A rede pretende cubrir as necesidades dos afectados independentemente da localidade, é dicir, a familia non terá que esperar a que cheguen. “Dende o primeiro momento hai unha persoa desta rede colaboradora que representa á funeraria para tranquilizar ás familias e realizar as xestións ata que o corpo chega ao tanatorio”, explica José Manuel Rodríguez. O obxectivo principal, é ofrecer un servizo eficiente e rápido entre as doce empresas que agora conforman a rede.

As funerarias ven na nova lei de formación profesional unha oportunidade positiva, pois o sector funerario galego mudou ao longo dos anos con empresas que optaron pola profesionalización e oferta de novos servizos. “Hoxe en día todo o mundo trata de ser máis profesional e competitivo, e iso sempre é positivo porque vai levar a que existan máis profesionais recoñecidos”, sinala José Manuel Rodríguez. En canto ao relevo xeracional, a Funeraria Apóstol Santiago sinala que existen segundas xeracións apostando forte polo sector e formándose para ser máis competitivos. Dende a empresa comentan que “o esencial no noso sector é irse adaptando ás demandas do sector e servir o mellor posible ás familias que confían en nós”.

(Extracto da reportaxe publicada no número 397 - xuño 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)