Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"Cun proxecto luminoso de menor intensidade e menos contaminante aforraríanse cartos”



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2024 · (0)




O astroturismo é unha alternativa con máis afluencia cada ano. ¿Cando chegará a acreditación como destino Starlight?

Estamos levando a cabo colaboracións co Concello de Forcarei porque existen distintas zonas en Galicia con esta acreditación. Non é lóxico que o único concello que posúe un observatorio astronómico profesional, non teña ese selo. Nós cumprimos os requisitos. Imos ver se se pode levar a cabo e dar de alta esa cualificación que beneficiará, non só ao Observatorio, senón ao concello e a toda Galicia.

Sosteñen que o O.A.F podería dar máis de si, pero para isto necesítase apoio económico...

Antigamente destinábanse máis cartos á actividade social e á inversión en cultura e ciencia. Hoxe en día non é doado. A ciencia e a cultura requiren de apoios económicos,  fondos públicos ou donativos, así estimúlase a actividade. Nos países europeos existe unha cultura de inversión, mentres que aquí a mentalidade é distinta. En España está arraigada a idea de que toda inversión en ciencia é un gasto, sen ter en conta que son inversións que se recuperan a longo prazo. Aquí queremos beneficios inmediatos.

Considera que fan falta máis recursos económicos para promover as vocacións científicas entre a mocidade?

Como os resultados da inversión en ciencia se demostran a longo prazo, a nivel político non interesa demasiado inverter en ciencia. O máis doado é facer inversións, subvencións e actividades que reportan beneficios a curto prazo para poder vendelos de cara á cidadanía. Nas biografías dos famosos que realmente foron pioneiros en todos os ámbitos, non só en ciencia, hai un denominador común, un evento que estimulou esa vocación e que os axudou a continuar, por iso é tan importante esta inversión.

A intrusión da contaminación luminosa no ceo nocturno é unha ameaza para a observación astronómica. Como vos afecta?

 Forcarei conta cunha ubicación de relativa baixa contaminación luminosa. Cando o ceo está despexado é impresionante. Hoxe en día é moi difícil escapar da luz da cidade. Parte do noso traballo pedagóxico, está en explicarlle á xente que a intensidade da luz non debería ser esaxerada. Se a luz é intensa, de tons azuis ou brancos, non solucionamos nada, debe ser de baixa intensidade e cores cálidas, como a luz laranxa. O primeiro que deberían facer as institucións antes de modificar a iluminación pública, é consultalo coas fundacións pertinentes e cos investigadores de astrofísica, as nosas alegacións sempre son construtivas. Cun proxecto luminoso de menor intensidade e menos contaminante aforraríanse cartos.

Aféctavos a proximidade de parques eólicos no Observatorio?

Nós defendemos todo tipo de enerxías renovables, o que non se pode é saturar os montes de eólicos, hai que actuar con cabeza. Cada muíño posúe unhas luces que antigamente eran brancas, agora son vermellas porque son as que menos contaminan. No horizonte vemos unha chea de puntiños vermellos. Unha e dúas non importan, pero cando miras tantas comeza a ser incómodo. Ademais, cada certo número de muíños, hai unha estación eólica que emite moita luz. Por outra banda, o sistema de cables entre cada instalación ten unha intensidade de corrente moi alta que afecta á observación, incluso as vibracións do chan que son imperceptibles para os humanos afectan ao telescopio e á calidade das imaxes.

Recentemente, un bólido procedente dun meteoro atravesou o ceo de Galicia e Portugal. Este verán observaremos máis?

En principio, non o sabemos, pois a entrada dun bólido é imprevisible. Isto sucede porque no sistema solar existe moita rocha, corpos de máis de 14 mil millóns de anos. Ás veces, os asteroides provocan pequenos cambios nas súas órbitas e achéganse ao Sol. Este bólido posiblemente fora un fragmento doutro cometa, o corpo estímase nos 30 centímetros, semellante a unha bóla de baloncesto. Pode entrar a unha velocidade de 54 km por segundo, van tan rápido que a propia atmosfera, por sorte para nós, desintégraos. E o mesmo ocorre coas perseidas.

Algunha recomendación para observalas?

Buscar unha zona o máis escura posible, sen contaminación luminosa. O mellor é observalo cos nosos propios ollos, tombarse no chan e ir ben abrigados para contemplar a marabilla do ceo estrelado.

Tamén foron visibles auroras boreais, algo inusual ata o de agora no noso país.

As auroras boreais son o efecto das tormentas solares que provoca o propio campo magnético da Terra, sempre existiron independentemente do cambio climático. O Sol é unha estrela relativamente tranquila, pero ten períodos de maior e menor actividade que adoitan durar arredor de 11 anos. A chegada masiva de partículas procedentes do Sol é un risco que debemos vixiar, porque se nos colle desprevidos pódenos facer un dano importante en todo o sistema eléctrico do planeta.

Entón, podería darse o caso dun “grande apagón”.

Si, poderiamos chegar a ter un apagón eléctrico no planeta por unha tormenta solar. Os telescopios solares da NASA están controlando continuamente estes niveis, se se detectara un envío masivo de partículas dirixido a nós, habería que apagar os aparellos e situar os satélites “dados a volta” para que nos pille preparados e intentar soportalo da mellor maneira posible. Sábese que isto vai a pasar.

Que proxectos tendes en mente no O.A.F?

Algúns deles son o seguimento de curvas de luz dos asteroides, é dicir, observamos a rotación dos asteroides e estudamos a luz que emiten para intentar coñecer o seu tamaño, rotación e incluso a súa composición. O estudo de estrelas moi afastadas tamén nos aporta moita información. Agora xa sabemos que existen máis de 5.000 exoplanetas que xiran arredor de estrelas que non son o Sol. Queremos intensificar as nosas investigacións porque sabemos que o Observatorio de Forcarei pode dar máis de si. A idea é integrarnos en redes máis amateur onde os profesionais ofrecen datos de gran relevancia, como o Grupo de Observadores de Supernovas, da Sociedade Española de Astronomía, o GOAS, Grupo de observadores de Asteroides, AAVSO, Asociación Americana de Observadores de Estrellas Variables ou o proxecto “Exoclock” de observadores de tránsitos planetarios. Posiblemente empecemos por este último. Aquí en Forcarei temos equipo máis que suficiente para poder facer importantes investigacións.

A observación permitiranos coñecer o enigma do universo?

A observación apórtanos crecemento e inflúe á hora de coñecer a nosa vida, de que estamos feitos e como poderiamos mellorar como sociedade, incluso en ámbitos como a sanidade. É un compendio de eventos que implican un desenvolvemento social. A proba está nos países que inverten en ciencia, son os que máis calidade de vida posúen. Carl Sagan dicía que vivimos nunha sociedade baseada ao 100 % na ciencia. O perigoso e triste é que a xente non sabe como funciona. Temos internet e móbiles, toda unha infraestrutura e un nivel de evolución favorable que se deu como resultado de moitos anos de investigación, inversión e traballo. Se queremos seguir mellorando debemos aprender como funciona a ciencia e facer un bo uso dela.

 

(Extracto da reportaxe publicada no número 398 - xullo 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)