Unha xanela ao Universo
Era o ano 2006 cando un grupo de astrónomos vocacionais deciden levar a cabo a posta en marcha dun observatorio astronómico en Galicia. Entre todos, elaboraron un minucioso informe de proxecto que conseguiu a puntuación máis alta e co que puideron facelo realidade, xunto co apoio económico do Concello de Forcarei, a Deputación de Pontevedra e a extinta Caixanova, así como os fondos Leader-Montes. Aquela idea comezou a madurar ata converterse no que hoxe coñecemos como o Observatorio Astronómico de Forcarei (O.A.F).

Enrique Alonso, presidente da Fundación Ceo, Cultura e Ciencia que xestiona o O.A.F, lembra o difícil camiño para construír un observatorio que actualmente recibe máis de 5.000 visitantes anuais. “A nosa idea de proxecto sempre tivo dous piares fundamentais: a investigación astronómica e científica, xunto coa divulgación e as visitas entre a comunidade académica e afeccionados á astronomía en xeral”, explica.
A súa situación privilexiada no centro de Galicia a unha altitude de 670 metros e nun zona de baixa contaminación luminosa convérteno nunha xoia da astronomía que concentra a afluencia de visitantes nos meses de verán, aínda que está aberto todo o ano. Escolas, campamentos, particulares e incluso estranxeiros programan as súas vacacións para poder visitar o telescopio e pasar unha noite de astroturismo. “É un plan atractivo e diferente, calquera que o desexe pode visitar o Observatorio previa reserva de praza na nosa web”, indica o presidente da fundación.
Durante as visitas grupais, os investigadores do Observatorio explican o funcionamento do telescopio máis grande de Galicia percorrendo as instalacións e a súa xigantesca cúpula. “Hai que ter en conta que é unha máquina que a maioría non veu na súa vida, e impresiona”. Ao longo de dúas horas, levan a cabo actividades de divulgación enfocadas a todos os públicos para rematar observando a través do telescopio os planetas, galaxias e nebulosas que debuxan o ceo nocturno de Forcarei.
“Cun punteiro láser explicamos como se poden orientar na noite, pintamos un ceo coas constelacións visibles en cada época e contamos as principais historias mitolóxicas, ademais poderán observar algún planeta, galaxia ou nebulosa observable esa noite”, sinalan.
O telescopio
Se a magnitude do ceo estrelado nos achica ata facernos sentir seres diminutos, aínda máis se nos situamos a carón da cúpula de 5 metros de diámetro que conforma o Observatorio de Forcarei. O edificio componse dunha planta circular de 8 metros de diámetro, sobre o cal destaca a cúpula que alberga o telescopio principal; unha instalación de alta calidade óptica de tipo Ritchey Chrétien. Foi fabricado pola prestixiosa empresa americana RCOS, de Arizona, e posúe 51 centímetros de diámetro e unha distancia focal de 411 cm.
O telescopio está dotado con alta tecnoloxía de manobra e captación de imaxes, cunha montura de gran calidade que é capaz de contrarrestar o movemento da Terra e de arrastrar con soltura os case 70 quilos de peso cunha precisión de apuntado menor ao minuto de arco.
O autoguiado permite exposicións largas tanto para tomas científicas como estéticas, a monitorización dixital de temperaturas e focos, a conexión de banda larga que permite integrar o observatorio a rede de seguimiento e procura de obxectos próximos á Terra e, en definitiva, de todos aqueles eventos astronómicos que requiran unha rápida resposta.
Dende Forcarei obtivéronse as primeiras imaxes desde España do cometa Hartley 2 en outubro de 2010, e os primeiros seguimentos de varias supernovas. O autoguiado, permite exposicións largas tanto para tomas científicas como estéticas, a monitorización dixital de temperaturas e focos, a conexión de banda larga que permite integrar o observatorio a rede de seguimento de eventos astronómicos.
Redes de investigación
Ademais das labores de divulgación científica, desenvolven tarefas de investigación, especialmente no estudo de estrelas variables e fotometría. Ademais, o Observatorio Astronómico de Forcarei forma parte do Minor Planet Center (MPC) da Unión Astronómica Internacional (IAU-UAI) colaborando con estudos internacionais de obxectos próximos á Terra, coñecidos como NEO’s.
Actualmente levan a cabo a procura e seguimento de asteroides a través destas redes de observatorios. Dende Forcarei, recollen información de obxectos ou eventos astronómicos a través de fotografías para controlar unha rexión do ceo determinada, e contrastar a información. Entre todos intentan vixiar fenómenos astronómicos que poidan colisionar coa Terra. “Ás veces enviamos datos para intentar corrixir as súas órbitas, de momento, non estamos en traxectoria de colisión con ningún, pero si debemos depurar o ceo e ir vixiando” explica o presidente da Fundación, Enrique Alonso.
(Extracto da reportaxe publicada no número 398 - xullo 2024)
Comentarios (0)