Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O meu campus é o mellor


Cada vez máis docentes e menos alumnado: a universidade pública é, máis ca nunca, un luxo subvencionado a aproveitar.


ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 29 DE XULLO DE 2024 · (0)






O 86,7 % dos mozos que fan aquí ABAU aquí quedan, apenas un 6 % vai a Madrid, un 3 % a Castela e León e un 1,2 % a Cataluña segundo datos 2020-2021 do Ministerio de Universidades (hoxe Cultura). E quen vén a Galicia? Sobre todo asturianos, un 3 % dos que fan a selectividade na comunidade veciña.

O mapa de titulacións deseñouse até 2026 coa intención que os alumnos que aquí vivan non teñan que marchar. Polo menos poder garantir isto, atar en curto. Porque o goberno galego augura que a baixada de estudantes de grao tenderá a ir a máis en próximos exercicios coa evolución demográfica e a competencia da FP Superior presionando. Por agora, e si só consideramos a última década, o número de inscritos nos campus galegos descendeu un 19 %, somos a terceira autonomía que máis acusa o retroceso de mans sobre todo da curva demográfica, pouca sorpresa. Por exemplo: hai 15 anos 18.500 alumnos estudaban na UDC e o último setembro contábanse 13.700. Temos a taxa de natalidade máis baixa de España e, a diferenza doutras autonomías onde a poboación inmigrante é maior -aínda que aquí vai en aumento- non recibe recambio xeracional.

O actual reitor da UDC, Ricardo Cao -Premio Nacional de Estatística (2023) e no posto dende xaneiro deste ano- quere promocionar a UDC en América Latina e en países lusófonos mentres reforza a docencia en inglés e traballa en garantir que esta sexa de calidade. As microcredenciais -unha das grandes novidades da LOSU (Lei Orgánica de Universidades)-, cursos de curta duración moi especializados e con certificación vencellados á demanda de novas competencias das empresas, tamén poderían achegar ás universidades un estudantado máis diverso en idade.

Con todo, os problemas do mundo universitario non só se subscriben a conseguir alumnos e a que se manteñan os graos atractivos. En Santiago, por exemplo, a falta de pisos e os prezos dos que hai dispara a demanda nas residencias: houbo 3.000 peticións para optar a unha das 910 prazas que oferta a USC na súa rede, os colexios maiores Fonseca, Rodríguez Cadarso e San Clemente, e as residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións en Santiago e Jesús Bal y Gay en Lugo.

Axustándose á contorna

Ademais do diñeiro da Xunta e Madrid outras institucións achegan e varren para casa segundo o caso. Do mesmo modo que vemos como en Coruña o mundo do TIC xera un caldo de cultivo educativo, en Ourense a Deputación asina convenios anuais, o último de 300.000, co campus da súa cidade porque desa cantidade 80.000 son para actuacións relativas aos estudos de turismo asociado ao termalismo e campañas para atraer alumnado. A maiores, Xunta e UVigo ultiman o impulso do Campus Auga de Ourense como especializado, o que supón unha nova inxección de máis de 3 M€.

En Vigo o seu aceno identitario é o Campus Tecnolóxico,  alianza entre as tres escolas de enxeñaría e os centros de investigación atlanTTic (Teleco) e Cintecx (Minas e Industriais) que naceu en 2014 agrupando liñas de investigación e sinerxías a aproveitar. O actual director, Daniel Villanueva, di que estes estudos están no seu mellor momento tanto a nivel de captación de alumnado como de fondos de investigación. En canto ao campus de Pontevedra, tamén parte de UVigo, incorpora este curso o grao en Deseño que, tras atrasos na implantación, tivo que ampliar prazas mentres espera facultade e deixar de ocupar as instalacións provisionais do edificio da Xunta en Benito Corbal. Tamén se aprobou a verificación do dobre grao de Comunicación Audiovisual e Publicidade e o outro para o campus de Ourense: dobre grao en Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial.

As carreira, en xeral tentan adecuarse á realidade laboral, nos últimos anos hai un esforzo por crear grados e másteres duais combinando formación nas aulas, cun vínculo regrado e remunerado nunha empresa como funciona con éxito na FP Dual.

Rankings

É un tema delicado, o dos rankings, listaxes e puntuacións, hai varios que bareman distintas cousas e o debate sempre está aberto: compensa o que se inviste? Hai graos que deberían pechar polas escasas saídas? Temos a xente “demasiado formada” para realizar segundo que traballos? Acaba colocándose en condicións despois do investido en formalos? Aínda que ás veces se esquece que neste país as oposicións, ou sexa o emprego público, copa unha boa cota do mercado laboral.

Volvendo ás listaxes, a consultora británica Quacquarelli Symonds (QS) publicaba en xuño do ano pasado o ranking de universidades tras analiza a 6.000 de todo o mundo. Non ten a repercusión do máis famoso, ARWU (feito pola universidade Jao Tong, chamado ranking de Xangai) pero valora a reputación coa opinión de 76.000 académicos e 44.000 empregadores sobre as universidades cos mellores graduados. Para atopar a oferta española e galega hai que ir aos subrankings: Galicia coa USC no arco de 700 a 710, a Universidade de Vigo entre o 901 e 950, e a da Coruña entre o 1.001 e 1.200.

A USC, nos seus campus, adoita saír ben parada pero de novo no último ranking de Xangai -ten moito peso a investigación- sufriu en 2023 un golpe ao caer dos 500 primeiros postos. A saída foi explicada por unha redución no número de publicacións científicas, “perfectamente recuperable nun ano” e a xubilación de moitos investigadores de gran impacto. Pero aínda así as críticas ás nosas universidades pola endogamia ou escasa implicación dalgúns docentes con pouca investigación detrás, ademais das baixas porcentaxes de profesores e estudantes internacionais, son habituais.

A implantación da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que regula a figura do profesor asociado e a de axudantes-doutor, suporá que haberá este curso até 150 profesores a maiores repartidos polas facultades galegas, o que supón un aumento engadido de orzamentos de 6,6 millóns de euros. Aumentan os profesores -medida de maquillaxe?- pero baixan os alumnos. A xestión dos recursos públicos segue fórmulas que nada teñen que ver co que a RAE entende por economía o que non quere dicir que non poida haber, polo menos no caso que nos ocupa, un retorno.

(Extracto da reportaxe publicada no número 398 - xullo 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)