Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“En 2015 acadamos máximos históricos de eficiencia industrial”


Entrevista a Javier Domínguez, presidente de Sogama


TERESA ROCAMONDE - FOTOS: MIGUEL MUÑIZ · PUBLICADO O 05 DE ABRIL DE 2016 · (0)






Fai uns días presentaron os “mellores resultados” da historia. Que implica isto? Está Sogama ao límite da súa capacidade?

En 2015 acadamos máximos históricos de eficiencia industrial, ao conseguir incrementar de forma notable as cantidades de residuos tratados no complexo medioambiental de Cerceda, así como a enerxía producida a partir da fracción non reciclable, reducindo o lixo depositado no vertedoiro de Areosa. En cifras, o ano pasado procesáronse 583 763 toneladas de refugallo –superando incluso a capacidade nominal desta infraestrutura, situada en 550 000 toneladas–, o que supuxo unha suba do 27,7 % respecto ao ano 2008. Pola súa banda, reduciuse o vertido nun 55 %, ao baixar das 413.379 toneladas ata as 185.041.

Nestes momentos, Sogama non ten capacidade para tratar todo o refugallo que recibe, polo que aínda desviamos unha pequena parte a vertedoiro. Por iso abordamos a ampliación das instalacións cunha planta na que recuperaremos os envases contidos no lixo en masa –plástico e papel, ademais do aceiro, aluminio e vidro, que xa se está a facer desde hai uns anos–, e incrementaremos a capacidade do complexo nun mínimo do 36 %, pasando das 550 000 toneladas/ano actuais ás 750 000.

Segundo estes datos, Sogama produce o 11 % da enerxía consumida polos fogares galegos. Que lle supón isto á compañía e a Galicia?

O que supón, fundamentalmente, é que estamos poñendo en valor unha parte do lixo que, doutro xeito, acabaría en vertedoiro, a última opción na xestión xerarquizada que propugna a lexislación vixente na materia. O ano pasado tamén batemos récords de produción de enerxía, chegando aos 516 819 MWh, un 29,12 % máis que en 2008. Neste contexto, producimos o equivalente ao 11 % da enerxía consumida polos fogares galegos ou, o que é o mesmo, abasteceríamos unha cidade como Vigo. E xerar enerxía co lixo non reciclable significa, entre outras cosas, reducir a dependencia enerxética.

Decidiron manter o canon que se cobra aos concellos este ano, despois de moitos problemas para cobrar a algúns municipios. Cantos concellos están adscritos a Sogama actualmente e como quedou o tema do “tasazo” e dos impagos?

A día de hoxe, 295 concellos están adscritos voluntariamente a Sogama. E subliño o de “voluntariamente” porque así o decidiron no seu momento ao considerar que era a mellor opción. Por unha serie de modificacións no mercado enerxético, que derivou na supresión das primas correspondentes ás fontes de enerxía renovable, Sogama, logo de elaborar un plan de viabilidade ao ver reducidos os ingresos procedentes da venda de electricidade, viuse na obriga de subir o canon en marzo de 2014. Finalmente, grazas ás xestións realizadas pola Xunta de Galicia, o impacto nas contas foi menor do previsto polo que, en xaneiro de 2015, puidemos rebaixar o canon nun 10 %. Este ano, grazas á maior produción enerxética e á boa xestión, manteremos o canon do 2015 (67,18 euros + IVE), a pesar da inversión de 35 millóns de euros que realizaremos na infraestrutura industrial.

Hai que subliñar que o 96 % dos concellos adscritos son cumpridores e só 13 seguen negándose a pagar, aínda que lles demos todas as facilidades para que puideran cumprir: fraccionamento de pagos, convenios de redución de débeda etc. Eu mesmo reuninme cos alcaldes para intentar solventar as diferenzas e logramos que, dos 17 concellos “díscolos”, se acadaran acordos con catro. O que non pode ser é que haxa 13 que non paguen e sigan a utilizar o servizo nas mesmas condicións que os que si o fan […]

(Extracto da entrevista completa que se pode ler no número de abril de eco)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)