A toda costa
Tras meses de espera a lexislación costeira galega pasou o filtro da constitucionalidade, agora toca poñela a funcionar.
O lexislador quixo conseguir, de entrada, un marco de seguridade xurídica que ademais de coidar do aspecto medioambiental consolide a protección patrimonial, e resgarde a viabilidade económica. Os elos dunha cadea que debe estar engraxada. Porque a Lei 4/2023 de 6 de xullo, de Ordenación e Xestión integrada do Litoral de Galicia define como imprescindible para o “mantemento das poboacións litorais que viven do mar” unha explotación “equilibrada e responsable” dos recursos acompañado dun asesoramento científico sólido.
De feito, ademais da cuestión competencial a outra gran corrente de fondo que subxace era esa, fiar flexibilidade cos aproveitamentos e explotacións dunha costa que, para o Goberno galego, sería inviable de seguirse os preceptos ambientalistas do central. De aí que deixe constancia de que os usos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas son prioritarios garantindo o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa de competencia autonómica.

Tirando dos correspondentes informes de impacto económico e social- unha das principais ferramentas desta lei- a flexibilidade será norma. Pero obriga a calquera suxeito público ou privado que interfira nas competencias galegas a contar cun informe previo de sustentabilidade e de actuacións e medidas preventivas ou reparadoras se fose o caso.
O 10 de outubro. No outono o Goberno Central anunciara que ía recorrer ante o Tribunal Constitucional 31 dos 73 artigos da Lei do Litoral de Galicia. Como case sempre acontece, a pugna competencial anímase aínda máis se os gobernos de cada Administración son de cores diferentes e este caso non foi a excepción. Consideraba que “alteran o dominio público marítimo terrestre” ao atribuíuse a Xunta competencias que considera “non previstas no seu Estatuto”. Tamén reprochaba que a regulación, tanto dos instrumentos de ordenación do litoral como dos usos que puidesen facerse no mesmo “contraviña a facultade do Estado de preservar o dominio público marítimo-terrestre” o que fica establecido no artigo 132 da Constitución.
Outros motivos alegados polo Goberno Central eran que a Lei “vulnera” o réxime de protección ambiental que establece a lexislación estatal de costas, e que “pode ser aumentado en termos de protección por parte das comunidades autónomas, pero nunca diminuído”. A lei galega, así, non se adecuaría á normativa estatal básica sobre limitacións da propiedade nos terreos contiguos á ribeira do mar, sostiña.
O recurso de inconstitucionalidade foi interposto un día despois do anuncio, o 11 de outubro. O pleno do Tribunal Constitucional que preside o coruñés Cándido Conde- Pumpido admitiuno case un mes máis tarde, o 6 de novembro de 2023.
Cómpas de espera. Mentres non se pronunciaba o alto tribunal o texto aprobado polo Consello da Xunta o 27 de abril de 2023 e durante un meses ficaron paralizadas todo tipo de concesións no litoral e dos sistemas de depuración de augas, o que derivou na imposibilidade, por exemplo de levar adiante o saneamento da parroquia de Queiruga, en Porto do Son. Un parón temporal, as obras xa arrincaron, 1,8 millóns para unha nova EDAR con capacidade para atender unha poboación de máis de 1.500 habitantes. Todo debería estar rematado a finais de ano, incluída a nova rede de colectores de augas residuais de 3.400 metros de tubaxes e a posta en marcha das estacións de bombeo e impulsións.
Estas paralizacións temporais segundo a Xunta, poñían en risco a “viabilidade de preto de 4.000 edificacións e centos de empresas que operan na costa” mentres afirmaba que “nin imos en contra da Constitución, que non a tocamos, nin en contra da Lei de costas, ou único que facemos é dicir que para Galicia é unha prioridade ordenar o que non está ordenado”. O conselleiro do Mar, o veterinario Alfonso Villares, decidiu mover fíos e ir contando co sector tras saber do recurso para tentar ir todos a unha e amosar unidade. Reuniuse primeiro coa Asociación Galega de Empresas Depuradoras de Moluscos (Agade) aos que lles pediu apoio, o que despois fixo extensible a todo o sector, empresas e responsables dos municipios costeiros, tamén apelados pola lei polas súas correspondentes competencias.
Manifesto compartido. O resultado foi un manifesto feito público o 8 de novembro pola Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), asinado por confrarías de pescadores, industrias transformadoras e conserveiras, depuradores de mariscos, bateeiros e armadores. Todos se congregaron en Santiago de Compostela nunha posta en escena coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na Cidade da Cultura. Alí estaban o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, a presidenta da citada e recentemente creada Comisión Mar-Industria da CEG, Isabel Cañas, os responsables da federación galega e das tres federacións provinciais de confrarías de pescadores, ducias de patróns maiores; a cúpula de Anfaco-Cecopesca e da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI); de Pescagalicia-Arpega; Amegrove; da Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade); os palangreiros de Orpagu; a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia (Aroga); a Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca); as redeiras de O Peirao; a Sociedade Cooperativa Santa Uxía de Ribeira; a Federación Galega da Construción (Fegacons) e os responsables da maioría dos grupos de accións locais en pesca (GALP), entre outros colectivos e empresas.
O manifesto recollía: “a LOXILGA se puxo en marcha para poñer fin a situacións incomprensibles que trataban de borrar toda presencia humana do litoral e aprobouse para aportar seguridade xurídica ás empresas (...) Non se trata dunha lei política, senón dunha lei que persegue a xestión sustentable, no ambiental e no socioeconómico da costa de Galicia”, comunidade á cabeza do sector pesqueiro europeo que representa preto do 50 % do emprego no sector a nivel español e xigante na exportación de produtos do mar por diante de países como Xapón ou Islandia.
Esta unión foi nalgúns casos temporal. Hai unhas semanas, e superado o tema lexislativo, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra amosaba a súa negativa a que a Comisión Mar-Industria da Galicia CEG quixese crear mesas técnicas de traballo para a mellora da xestión do marisqueo. Nun comunicado define como “intromisión” á da citada comisión da patronal galega, afeándolle que “pretendan erixirse nos representantes do sector e decidir xunto coa consellería as medidas e actuacións que melloren a xestión e a produción dous bancos marisqueiros”.
O 23 de abril. Sexa como for houbo que esperar uns meses ata que o Constitucional, finalmente, avalou a lei galega de forma practicamente íntegra, malia que non de todo. A sentenza -aprobada por unanimidade- descarta que cómpre modificar o Estatuto de Autonomía para outorgar autorizacións de utilización e ocupación do dominio público, porque entende incluída esta función executiva na competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e do litoral establecida no artigo 27.3 do Estatuto de autonomía galego. O fallo tamén rexeita que a regulación destes instrumentos de ordenación do litoral e dos usos sexan contrarios á facultade do Estado de preservar o dominio público marítimo-terrestre que recolle a Constitución española.
Despois desta luz verde ao goberno galego dixo que arrincaba coas concesións, que regularase un procedemento para facelo, crearase un rexistro de autorizacións e a maiores pedirase ao Estado o traspaso de funcións e medios. O 13 de maio o Consello da Xunta iniciaba os trámites para solicitar estes traspasos de medios materiais e persoais -basicamente unha mudanza no réxime dos funcionarios e canto a dependencia- para poder exercer as competencias. Como se fai este procedemento? A través dunhas das innumerables comisións que temos, neste caso a Comisión Mixta de Transferencias (hai unha por Comunidade) integrada por representantes de ambas as administracións que é a que deberá xestionar as miudezas do acordo.
As normas que rexen estes organismos colexiados, creadas en 1982, falan dos tempos acurtando polo alto: “A Comisión Mixta procederá ás transferencias de competencias (....) coa máxima celeridade posible e sen interrupción, ata deixalos completados no máis breve prazo. Sen prexuízo dos calendarios (...) no prazo de dous anos a contar dende a constitución deberá (...) completar a totalidade dos traspasos”. Despois e a maiores, terán que ser que ser aprobadas mediante Real Decreto. “Esperamos que o traspaso sexa rápido para poder facer efectiva a normativa canto antes”, dixo o presidente Rueda nunha comparecencia antes os medios, “levamos meses parados e agora imos poñer en marcha o necesario”.
Outros toman nota. Con este antecedente fixado máis comunidades españolas, era o previsible, subiranse ao carro. A conselleira Vázquez Mejuto “vendeu o peixe” e nunca mellor dito, ante os homólogos do Mediterráneo no II Foro Costas e Litoral. Reflexións para unha necesaria reforma da actual lexislación de costas celebrado en maio, anotando que o aval do Constitucional abre a porta a que Baleares, Valencia ou Canarias -que xa anunciou que tras da sentenza do caso galego séntese avalada para dotarse da súa norma- lexislen como queren xestionar a súa costa para poñer freo aos “intentos reiterados” por parte do Goberno central de “eliminar calquera actividade humana da paisaxe costeira”.
A comunidade canaria presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional para defender as súas atribucións neste ámbito mentres traballa na elaboración da Lei Canaria de Costas. O presidente das illas, Fernando Clavijo, dixo que a sentenza do TC sobre a Lei galega “habilita” o camiño ao arquipélago. “Recentemente o Constitucional deulle un pau ao Goberno de España coa Lei de Costas que fixo Galicia. Todos os fundamentos da sentenza van no informe que se fixo polos servizos xurídicos nos ditames e no informe do Consello Constitutivo de Canarias. Onde a raíz do estatuto de autonomía transferíronse as competencias e o decreto simplemente é como se transfiren as competencias. Pero as competencias xa están transferidas, é a nosa tese”.
O pasado 7 de xuño a conselleira de Medio Ambiente recibía en San Caetano ao director xeral de Costas do Goberno de Canarias, Antonio Manuel Acosta, ao que lle trasladou a disposición da colaborar.
Que toca agora. De volta a Galicia o goberno autonómico seguirá un calendario que comezaría coa creación dos órganos previstos. Un listado xeralmente pouco atractivo pero que todas as leis recollen coa intención de amosar vontade de coordinación, xeralmente componse de persoal das administracións e representantes sectoriais que se reúnen con certa periodicidade.
Así, está prevista unha Comisión interdepartamental de seguimento -o decreto regulador estase tramitando- para supervisar a posta en marcha e simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos, xeralmente longos. Formarán parte dela polo menos os conselleiros con competencias en ordenación da costa. Tamén haberá un Foro do Litoral onde estarán administracións, universidades, organismos científicos, e organizacións dos sectores produtivos e ambientais e unha Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo para asesoramento e emisión de informes propios cando toque.
Os novos instrumentos. Son un total de oito, polo de agora vai avanzada a tramitación da Estratexia de economía azul, que en todo caso estaba comprometida para lanzala no primeiro semestre de 2024 e non foi, haberá que esperar ao segundo. Tamén fican por saber as Directrices de ordenación do litoral, este será o instrumento marco que marcará as pautas básicas xa que conterá unha visión global que servirá de referencia. Aquí regúlanse dous plans: para os espazos terrestres e marítimo-terrestres o Plan de Ordenación Costeira e a máis longo prazo un Plan de ordenación mariña. Na web https://territorioeurbanismo.xunta.gal están accesibles mapas de consulta e descarga.
Un enorme patrimonio. Outras das acción previstas pasan por unha rede de carreiros costeiros e de establecementos turísticos, e un catálogo de bens de valor cultural vencellado ao Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030, feito tras consultar a persoas e entidades de todo o litoral. As actividades vinculadas co mar definiron un gran número de oficios e unha cultura que un equipo liderado polo profesor e arquitecto Óscar Fuertes -que tamén forma parte do equipo de expertos que traballan na estratexia da Economía Azul- radiografiou comezando cos oficios, tanto do pasado como agora, vinculados co mar: mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores ou bateeiros, operarios de conserva, afumadores, baleeiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros de ribeira, torneiros e redeiras.
Entre os bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial estarían estaleiros e carpintarías de ribeira, fábricas de conserva e salgadura, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, peiraos, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas e santuarios e restos arqueolóxicos. Ademais das artes de pesca, cestaría, vestimenta e calzado, barcos afundidos e embarcacións tradicionais, festas, tradición oral e folclore, cancións, contos, lendas, refráns, léxico marítimo, cociña mariñeira, iconografía e os museos do noso mar. Este Plan da Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 recolle 100 medidas a aplicar recollidas neste traballo feito entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC).
O mellor do informe? Que temos abundante patrimonio mergullado, artes de pesca tradicionais sostibles, moitos museos do mar e oficios tradicionais que aínda persisten e aos que lles sacar proveito.
(Extracto da reportaxe publicada no número 399 - agosto 2024)
Comentarios (0)