Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Jorge Mazaira: "O godello foi o acerto de Valdeorras"



REBECA SANTOME · PUBLICADO O 11 DE SETEMBRO DE 2024 · (0)




Fostes os primeiros en comezar a vendima. A calidade da uva promete?

Estamos moi contentos pola calidade das uvas, apenas tiveron enfermidades fúnxicas, polo que está entrando nun estado sanitario moi bo. A climatoloxía deste ano foi boa, choveu cando tiña que chover. Os tratamentos antifúnxicos déronse no momento axeitado, polo que este ano a planta está perfecta e cun sabor impresionante.

O mildio e o oídio deron problemas nos viñedos?

De mildio e oídio non houbo ataques practicamente de nada porque se acertou cos tratamentos. Nas viñas vellas que non se trataron e que empregamos como pilotos para ver se se desenvolve unha enfermidade si que se daban. Así que acertouse co tratamento. Aínda que houbo bastante auga, este ano o clima deu tregua con semanas secas que permitiron aplicar os tratamentos que outros ano non foron posibles. Se nos ataca o mildio e o oídio a colleita non serve para nada.

E houbo estrés hídrico nas plantas?

A choiva deste ano permitiu manter suficientes reservas de auga para soportar a calor que fixo nos últimos meses. Noutros anos si se viu estrés hídrico, a rama cae, pero este ano están verdes a pesar da calor porque había reservas de auga.

Con que variedade comezastes a colleita?

Con godello. É a variedade máis rendible. Cando termine a vendima teremos os datos finais, pero temos case o 80 % ou 85 % ou incluso máis. A uva godello demostrou ter unhas calidades propias que se manifestan aquí de forma espectacular para dar algo distinto ao mercado, nós buscamos a diferenciación e a marca territorial, que teña algo que dicir e que teña elementos de competencia respecto aos demais.

Cantas adegas se sumaron á vendima?

En total, sumáronse 41 bodegas.

Este ano celebrades o 50º aniversario do plan Revival (Reestruturación de Viñedos de Valdeorras). Os seus efectos son visibles a día de hoxe?

O Plan Revival marcou un antes e despois no xeito de elaborar viño na comarca e conseguimos rescatar as variedades extintas autóctonas, como o godello. Os que recuperamos a variedade para o mundo foi a D.O Valdeorras. Podía haber algunha planta noutro lugar de España, pero o traballo e o esforzo na súa recuperación é de Valdeorras. Ademais nesa recuperación tamén se traballaron outras variedades, como por exemplo a mencía, e campos experimentais con outras variedades minoritarias. A partir de aí, o godello xorde en Valdeorras e comeza a producirse e a elaborarse en Valdeorras. Foi a nosa aposta real pola comarca. Nas outras D.O non se lle prestaba atención e ía mesturado con outras variedades. O godello é o noso.

O ano pasado a D.O Valdeorras bateu récord superando por primeira vez os 5 millóns de botellas. Aventúraste a facer unha predición da colleita e das vendas para este ano?

Segundo os datos que nos reportaron os produtores, e sen estar pechada a vendima, estaremos en torno aos 7 ou 8 millóns de quilos. Probablemente se supere a cifra do ano pasado. Nalgunhas zonas hai menos cantidade porque é certo que a do ano anterior foi unha colleita abundante e, cando isto sucede, a planta adoita dar menos no ano seguinte. Ao final, calibramos a pesada do acio, pero ata que o pesas non sabes realmente como están. Pero estamos moi contentos.

Nalgunhas D.O teñen excedencias de uva, é o voso caso?

No noso caso non sucede. Si que na D.O Ribeira Sacra teñen este problema. Esta é unha coincidencia de múltiples factores, como que exista maior atención por parte do mercado aos viños brancos. Nós como xa tiñamos antes o 50 % de godello, vistas as demandas que tiñamos fomos ampliando. Sempre foi o noso acerto, sen perder de vista os tintos, evidentemente.

O relevo xeracional é un problema para o sector?

Por suposto, é un grave problema que temos no agro galego. Pasa o mesmo que na horticultura e nos sectores nos que é difícil atraer xente. De feito para facer a vendima, unha tarefa que é tan importante, temos que traer brigadas de xente de fóra de Galicia porque non atopamos xente nas comarcas por distintos motivos. É un dos retos máis importantes que se escapan ao consello regulador, pero si o sector está moi concienciado de todos estes problemas.

E o cambio climático?

Como en todos os sectores. Levamos seis ou sete anos empezando a vendima a partir do 20 de agosto, antes facíase en setembro. Aínda que sexan cambios mínimos, estanse notando. Estamos reestruturando a plantación nas zonas de viñedo antigo, onde estaban antes, e subindo as altitudes na zona de plantación. Estamos indo a 400 e 500 metros sen problema ningún. Parece que non nos asusta que suba un grao cada 25 anos, pero é evidente que nos afecta. Este ano comezamos o 21 de agosto, o pasado foi o 27 e levabamos un 1 millóns e pico de quilos. Este ano levamos sobre 140.000 quilos. Depende do ano da colleita, pero é incrible estando en agosto.

Que estratexias estades levando a cabo para paliar estes problemas?

O planeta está nunha incerteza total que afecta a todo. O principal é manter as nosas producións e a calidade do viño, e despois estar presentes nos retos que poidamos apoiar como institución. Para a man de obra débense buscar alternativas a toda esta situación. Temos unha ou dúas empresas, pero fai falta que haxa máis. Hai xente moza que se está a incorporar, existen explotacións grandes e xente que colle viñedos e crea empresas de traballos agroforestais e agrícolas.

Como se reparte a colleita no mercado español?

Agora mesmo estaremos no 12 % ou 15 % de exportacións aproximadamente. Non existe suficiente produción para abrirnos alegremente á exportación porque despois non poderiamos abastecer mercados. Estamos ben, pero con números acotados. O noso crecemento é exponencial, imos medrando pouco a pouco. A medida que medremos, poderemos ir entrando neses mercados, aínda que teremos máis competidores.

(Extracto da entrevista publicada no número 400 - setembro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)