Arantxa Prado: “A mina de coltán da Penouta é un xacemento estratéxico para a UE”
A mina de coltán da Penouta atópase nun limbo logo da suspensión temporal das actividades. Cal é a súa postura?
É un proxecto paradigmático; expropiada e abandonada nos anos 80 tras a debacle de Rumasa, Penouta é hoxe en día unha importante mina de estaño e a única mina de coltán en activo en Europa. É un xacemento estratéxico para a Unión Europea e, por suposto, para Galicia. Todos os minerais que se aproveitan da súa actividade teñen aplicacións fundamentais na transición cara economías verdes: o tantalio no sector tecnolóxico, o niobio na industria do aceiro estrutural, o estaño na electrificación, alimentación ou automoción. Incluso os minerais industriais, que estaban comezando a comercializarse, teñen saída, dado que España e Portugal son altamente deficitarias en feldespatos.

Ese déficit beneficia á comarca?
Este proxecto exerce unha labor dinamizadora na comarca de Viana do Bolo, emprega a máis dun cento de traballadores e decenas de provedores locais. Todos eles están afectados a día de hoxe pola paralización da actividade. Por iso, a Cámara avoga por un desenlace rápido, xusto e adecuado, que poña fin á situación actual de indefinición de traballadores, titulares e concellos afectados.
É a primeira vez que a Xunta declara estratéxico un proxecto mineiro, como o da mina de cobre de San Rafael. Estamos nun punto de inflexión para o sector?
Valoramos positivamente a declaración de PIE en Galicia, especialmente se proceden da industria mineira e teñen como obxectivo o aproveitamento de recursos naturais autóctonos de forma segura e sostible. Para que unha iniciativa poida declararse como proxecto industrial estratéxico debe cumprir polo menos dous dos seguintes tres requisitos: volume de investimento mínimo de 20 millóns de euros, creación de emprego mínimo de 100 postos de traballo directos, ou que complementen cadeas de valor ou pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da UE. Polo que se calquera proxecto cumpre dous destes requisitos, debe obter a declaración.
A Lei de Recursos Naturais estase a tramitar no Parlamento. Terá un impacto positivo?
A súa tramitación é relevante para o sector. Máis aló de apoiar aos proxectos nos seus obxectivos, fomenta que se desenvolvan en Galicia máis cadeas de valor. Isto vainos permitir abastecer con recursos autóctonos todos os sectores, en maior ou menor medida.
O sector recuperouse da crise pospandemia?
Pese a paralización da actividade, fixéronse grandes esforzos por recuperar o volume de produción e exportación previo. Todas as empresas da industria están realizando esforzos de mellora nos procesos de extracción, na maquinaria empregada e nos sistemas de seguridade. Penso que a minaría moderna persegue o cumprimento dos requisitos legais, a aplicación das mellores técnicas dispoñibles, a integración territorial do proxecto e a procura do maior beneficio social para a comunidade na que se implante.
Estanse a recuperar as minarías metálicas, como o wolframio ou o estaño. Cal é o subsector máis rentable?
En Galicia somos líderes na produción de cuarzo, co 73,9 % da produción nacional; e de granito ornamental, xerando o 53,1 % das toneladas totais extraídas. Tamén nos atopamos á cabeza na produción de lousa con uso ornamental, co 47,7 % da produción total; e de rochas ornamentais, co 39,4 % da produción nacional. A minaría é un sector xerador de oportunidades e ten un efecto multiplicador, coma o resto de actividades do sector primario.
A que mercados exportan máis produción?
O granito e a lousa lideran as vendas ao exterior do sector mineiro en Galicia. Francia e Reino Unido son os países que máis lousa importan, son os considerados polo sector como mercados tradicionais. Os principais destinos do granito das canteiras galegas son Marrocos e Portugal. Se nos fixamos na produción de minerais industriais ou cerámicas, algúns grandes mercados para os produtos galegos son Estados Unidos, LATAM, e mesmo o Norte de Europa.
E en España?
No Noroeste Ibérico hai indicios da presenza de moitos dos minerais fundamentais para a UE. Mais non hai autorizacións en vigor para explorar e investigar a súa presenza, o que reduce as posibilidades de idear proxectos que axudarían a reducir a dependencia exterior da UE e suporía o desenvolvemento dunha industria galega máis tecnolóxica e reforzada.
Son optimistas en canto a cifras de emprego?
Actualmente esta industria emprega a máis de 4.000 persoas de forma directa, das que 800 son mulleres, o que supón o 19,5 % do emprego total. Ademais, a minaría supón máis do 1,2 % do PIB galego. É un sector que xera riqueza e emprego, principalmente no medio rural, facilita o seu desenvolvemento social e demográfico.
A minaría ten un impacto no medio natural. Como asegurarán a sostibilidade do mesmo?
A minaría ten un impacto na natureza igual que o resto de actividades humanas, pero tamén é un dos sectores máis regulados. Aféctanlle unha gran densidade de normas. De feito, España é o país da UE no que maior presión legal existe sobre a industria mineira. As empresas actúan con responsabilidade e cumprindo a lexislación. Todos os proxectos están obrigados por lei a ter un plan integral de restauración ambiental antes de iniciar a súa actividade. En Galicia temos algúns dos exemplos máis importantes de Europa na mellora de hábitats humanos a partir da rehabilitación de minas e canteiras: Meirama e As Pontes. Tamén a Lagoa de Begonte, a Mina Sonia, a Mina Mercedes, ou o Palacio da Ópera da Coruña.
Cal é o perfil de empresa mineira en Galicia?
Maiormente son empresas familiares. É unha industria que conta con largos historiais de xeracións. A maioría de titulares de dereitos mineiros na nosa comunidade son pequenas e medianas empresas, o 95 % delas teñen a súa sede en Galicia. É extremadamente difícil obter unha concesión mineira, leva moito tempo; tamén son proxectos de moi longo percorrido se o espírito do titular é a minería sostible e a innovación na optimización da explotación, que defendemos dende a Cámara.
Cantas minas hai actualmente?
Na actualidade, existen 213 explotacións activas na nosa comunidade. Isto sitúa a Galicia como unha das principais potencias mineiras do país. É a cuarta comunidade autónoma en valor de produción, só por detrás de Andalucía, Cataluña e Castela e León. No mercado da pedra natural ou dos minerais industriais, Galicia é líder en produción a nivel europeo. Non obstante, temos unha porcentaxe elevada de explotacións inactivas por diversos motivos, fóra das anteriormente mencionadas, que sería necesario pasar á actividade: tramitacións, paralizacións, situación do mercado...
E cales son os desafíos da Cámara?
Queremos conseguir o mellor aproveitamento dos recursos xeolóxicos e maximizar o seu beneficio para a sociedade. A formación e difusión da minaría sostible é un pilar fundamental da nosa actividade. Apostamos por un maior apoio institucional e social para o sector, así como a súa defensa fronte a ataques externos que desacrediten a súa actividade e aos seus profesionais. Tamén debemos pór en valor o patrimonio mineiro galego, acercando a minaría á sociedade e destacando a importancia histórica dunha industria clave para a transición enerxética.
Comentarios (0)