Beatriz Novoa, directora do IIM-CSIC: “É importante a monitorización dos patóxenos mariños”
Acaba de ser nomeada nova directora do Instituto de Investigacións Mariñas. Cales son os seus obxectivos?
Un aspecto moi importante é solucionar os problemas de espazo que temos no IIM. Está previsto o traslado do IIM ás novas instalacións da ETEA, un proxecto clave para garantir espazos máis modernos e adaptados ás necesidades tecnolóxicas e de investigación. Tamén nos gustaría impulsar o desenvolvemento científico da institución, mellorar a xestión interna e fomentar a súa proxección a nivel nacional e internacional.

A que retos están dirixidos estes obxectivos?
Pois a consolidar o IIM como un referente de excelencia científica e compromiso social, co apoio dun equipo humano altamente cualificado e motivado. É importante a transferencia de coñecemento á sociedade. A investigación mariña que realizamos aquí debe ter unha aplicación directa nos retos actuais, na sustentabilidade pesqueira e na conservación do medio mariño, de maneira que os nosos descubrimentos beneficien tanto á comunidade e á poboación.
Recentemente saíron á luz denuncias de acoso a mulleres na entidade e a desaparición dunha investigadora. Cal é a súa postura?
A miña postura é a mesma que expresou a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, a de tolerancia cero ante o acoso sexual. Seguimos traballando co obxectivo de erradicar estas condutas na nosa contorna laboral cun firme compromiso fronte o acoso sexual. Somos a maior institución pública de investigación española e queremos facer do CSIC un lugar seguro e activo en previr, detectar de forma inmediata e resolver as posibles situacións de acoso sexual ou por razón de sexo, en calquera das súas formas e modalidades e afrontalas de maneira efectiva.
Iniciou a súa andaina no CSIC en 1990, dende entón mudou moito a forma de investigar?
A investigación de enfermidades animais na que traballo avanzou moito desde 1990, sobre todo grazas ás novas tecnoloxías e enfoques e uso de métodos de secuenciación masiva e ferramentas de bioloxía molecular. No meu campo é moi importante o uso de modelos animais, que axudan a comprender mellor as enfermidades. Actualmente tamén se ten moito en conta o medio ambiente e constatamos que a saúde humana e animal está perfectamente relacionadas coa saúde dos ecosistemas.
Empregan o peixe cebra (Danio rerio) como modelo para investigar enfermidades humanas. Por que se escolleu este animal?
Porque esta especie pódese modificar xeneticamente con facilidade. Comparte aproximadamente o 70 % dos seus xenes co ser humano, polo que é un excelente modelo para estudar funcións xénicas e procesos biolóxicos. Os seus embrións son transparentes e podemos observar o desenvolvemento de órganos e tecidos en tempo real. Isto facilita a investigación de enfermidades a nivel celular e molecular. O peixe cebra pode reproducirse rapidamente e produce grandes cantidades de embrións, o que nos permite realizar estudos experimentais con resultados moi robustos e crear modelos de enfermidades humanas como o cancro, enfermidades cardíacas ou neurodexenerativas.
Co quentamento global pode que aparezan novos virus tamén no ecosistema mariño. Investigades estas posibilidades?
Si, o quentamento global está a provocar cambios importantes nos ecosistemas mariños, e unha das súas consecuencias é a aparición de novos virus ou a propagación de virus xa existentes a novas áreas. Este fenómeno está a ser obxecto de crecente investigación. As temperaturas máis elevadas poden afectar ao sistema inmunitario de organismos mariños e alterar a distribución xeográfica de patóxenos, permitindo que os virus prosperen en áreas onde antes non podían.
E como o controlades?
É importante a monitorización de patóxenos mariños e investigar as súas posibles ameazas tanto para a vida mariña como para os seres humanos. Moitas especies mariñas desprázanse a zonas novas e transportan con elas virus aos que outras especies non están adaptadas, o que pode provocar novos brotes de enfermidades. Os patóxenos teñen tamén un importante impacto na acuicultura, onde son especialmente críticas as enfermidades.
Tamén lanzastes un proxecto para monitorizar o estado dos mexillóns das bateas. Cales foron os resultados?
No meu grupo lévanse a cabo distintos estudos relacionados co mexillón. Estamos estudando como os mexillóns activan a súa resposta inmune fronte a patóxenos mariños, como bacterias, virus ou parasitos. Queremos comprender mellor os mecanismos de defensa que utilizan os mexillóns, xa que o cambio climático e os contaminantes poden afectar á súa capacidade de loita contra estas ameazas. Tamén analizamos o seu xenoma e trancriptoma para identificar xenes clave que regulan a súa inmunidade en condicións ambientais ou baixo situacións de estrés, como temperatura, acidez ou exposición a toxinas.
Que papel xogan os microbios?
Os microbios poden ter un papel fundamental na saúde xeral dos mexillóns, xa que algúns poderían protexelos de patóxenos, mentres que outros poderían ser prexudiciais. O estudo do microbioma permítenos comprender mellor como os cambios nas condicións ambientais alteran este equilibrio microbiano.
A situación destes bivalvos é crítica?
Eu non diría crítica. No IIM hai investigadores que traballan no cambio climático. O aumento das temperaturas e a acidificación dos océanos está a exercer presión sobre estes animais. Ademais, a floración de algas nocivas e contaminación mariña están a aumentar a presenza de toxinas e patóxenos no seu entorno. O estudo profundo da súa resposta xenética e microbiana é clave para predicir como os mexillóns afrontarán estas condicións cambiantes e para desenvolver estratexias que melloren a súa resistencia.
Cales son as especies mariñas máis afectadas por enfermidades en Galicia?
O rodaballo, a troita, o mexillón, a ameixa e o berberecho.
Tamén investigades a microbiana da ría de Vigo. Atopáronse altos niveis de microplásticos?
Eu traballei cos plásticos. Os microplásticos e nanoplásticos están a ser cada vez máis comúns nas rías galegas. Estes pequenos fragmentos de plástico son inxeridos por moitos organismos mariños, incluíndo peixes e mariscos como os mexillóns. A acumulación de microplásticos nos tecidos destes animais pode afectar á súa saúde, á súa capacidade de filtración e incluso a súa seguridade para o consumo humano.
(Extracto da entrevista publicada no número 401 - outubro 2024)
Comentarios (0)