25 aniversario de ECO, 25 anos de Galicia
Unha edición especial de ECO, nova web e redes sociais para conmemorar o 25 aniversario
"Neste mesmo mes de abril, pero do ano 1991, saía á rúa o primeiro número de ECO, a Revista do Eixo Atlántico. Andaba por aquel entón moi revolta a vida política e os poderes económicos advertían da necesidade de competir no mercado mundial, algo que os galegos viamos con esperanza pero tamén con moito receo. Cambiaron moito as cousas neste cuarto de século? Podería parecer que non pero…"
Así empeza o especial 25 aniversario de ECO. 25 anos de Galicia que ocupa 54 páxinas do número deste mes da revista impresa. Un número moi especial porque cumprir 25 anos "non é un éxito menor" –como di o presidente da Xunta na súa felicitación–, e porque supón "a constatación do traballo ben feito", asegura o noso fundador e presidente, Gonzalo Vázquez Pozo.
Por iso quixemos neste momento da nosa historia particular e colectiva botar a vista atrás e ver como eramos naquel lonxano 1991 e como somos agora tanto no aspecto político e económico como no empresarial, no cultural e en todos os ámbitos da sociedade.
E un dos cambios máis importantes –probablemente o que máis– é o desenvolvemento tecnolóxico e a irrupción de Internet nas nosas vidas. Dificilmente se lle pasaba pola cabeza aos fundadores de ECO en 1991 que en poucos anos a revista podería lerse desde calquera recuncho do mundo. Que as súas noticias poderían compartirse en comunidades dixitais e ser lidas en pequenos teléfonos sen os que ninguén se atrevería case a saír da casa.
Nova web
Pero así é. Aquí estamos en abril de 2016 nun mundo interconectado no que a información é máis importante que nunca e onde resulta esencial estar permanentemente actualizado. Por iso en 2011 ECO creou a edición dixital da revista na que se ofrece información actualizada, ao momento, do acontecer político-económico e empresarial de Galicia.
Agora, coincidindo co 25 aniversario de ECO, esta edición dixital muda totalmente o seu aspecto para adaptarse ás novas esixencias do xornalismo dixital e abrir unha ventá ás redes sociais que nos permita un contacto permanente e directo cos protagonistas da actualidade galega.
Deste xeito os receptores da noticia –e mesmo os protagonistas da mesma– poden aportar os seus puntos de vista no espazo reservado aos comentarios da web ou nas redes sociais, onde poden compartir calquera dos contidos publicados na propia web de ECO, facendo moito máis áxil a comunicación e permitindo que esta chegue aos auténticos interesados na mesma.
A revista dixital conta cun deseño limpo e un formato moi intuitivo, inclúe, ademais da Actualidade diaria, unha sección de Firmas, con nomes relevantes da nosa comunidade, e novas seccións, como Fai anos que permite botar unha ollada ás portadas históricas de ECO.
ECO nas redes
Ademais da nova web, o equipo de ECO apostou por abrir as máximas canles posibles para facilitar o seguimento dos nosos contidos a todos os interesados. Así, creáronse perfís e páxinas propias nas principais redes sociais, como son Facebook, Twitter, Google+ ou Linkedin Seguindo calquera delas, o usuario recibirá no seu perfil as publicacións da web e poderá acceder a esta directamente cun simple click para afondar no seu contido ou comentar calquera aspecto da mesma.
Comentarios (0)