Chago Martínez: “Para min a Catedral de Santiago foi unha grande universidade”
Sempre quixo dedicarse á forxa?
Cando era pequeno e ía para a escola do Castiñeiriño, en Santiago, pasaba por diante dun taller de torneiro que sempre me chamou a atención. Acabei sendo ferreiro grazas a unhas políticas que fixera Xerardo Estévez, exalcalde da cidade, ao montar a Escola Taller en Santiago, que estaba no Museo do Pobo Galego en Santo Domingo de Bonaval. Ía catro horas pola mañá, e catro pola tarde. A primeira obra que fixemos foi na praza de San Roque, fixemos as varandas e pequenas intervencións alí. Aprendiamos traballando.
Empregas técnicas propias do oficio que hoxe en día están case perdidas. Por que o consideras necesario?
Oficios como o noso son indispensables para prevalecer o patrimonio material e o inmaterial a través da recuperación das técnicas antigas. É inimaxinable pensar que á Catedral de Santiago, á Colexiata de Sar, ou a calquera pazo monumental da zona vella de Santiago, se lle quite o ferro e se lle incorpore aluminio, aceiro inoxidable ou formigón. Coido que é un motivo máis que suficiente para defender un oficio, manter as cousas coa súa historia e bo facer. A madeira, a pedra e máis o ferro é un matrimonio de tres que nunca se divorciou. Defendemos o tradicional e as técnicas de coñecemento.

A arquitectura evoluciona ao longo do tempo. En que mudou?
A arquitectura avanza, a forma de construír e a forma de pensar. E a forma de ser creativos. Algunha xente descoñece e non ten aprecio ningún polo patrimonio. Hai empresas que, pola aposta económica máis que por outro motivo, fan o que fan. Houbo unha época na que o formigón servía para todo, pero o tempo deu constancia de que non é así. O formigón non fixa as pedras, senón que as rebenta. Os edificios antigos están pensados para ser un pouco “flotantes” e con algo de movemento.
Que elementos funcionan mellor?
Dentro das estruturas antigas, os elementos naturais son os que dan mellor conservacións e durabilidade ao patrimonio que temos. A parte diso, é unha forma de ir preservando oficios. Agora estamos na era da informática e podemos facer a peza que se queira. Pero non podemos restaurar un hórreo cunha impresora 3D.
Viaxas para descubrir novas técnicas?
As técnicas tradicionais son practicamente as mesmas aquí, en Bélxica ou en Italia. Varían moi pouco dun lugar a outro. Viaxo no que teño diante e nos monumentos. As pedras falan, o ferro fala, a madeira fala. Eu interpreto o que che están contando.
Que foi o que máis che sorprendeu doutros lugares?
A cantidade de ignorancia que hai, ás veces incluso nos propios oficios, xente que non ten coñecemento do que é a forxa artística. E, por descoñecemento, afectan ao noso patrimonio. A Catedral de Santiago non só conta a súa historia, senón que é un relato dos 800 anos de evolución da civilización e dos distintos tipos de traballos que se realizaron.
Ao longo da túa carreira realizaches moitas intervencións: na Catedral, no Museo das Peregrinacións, no Pazo de Raxoi... Cal é a obra que lembras con máis cariño?
A todas lles gardas cariño. A Catedral ten moita importancia, pero as técnicas aplicadas son as mesmas técnicas que se aplican nun pazo, nun hórreo ou nunha casa tradicional. Unha das obras que me quedou gravada a fogo foi o cambio dunhas bisagras na Colexiata Real de Sar. Foi unha loucura que, finalmente, conseguimos facer. Era a primeira vez que me atopaba con aquel sistema de anclaxe e aprendín moitísimo.
Como foi traballar na Catedral de Santiago?
Para min a Catedral foi un laboratorio e unha grande universidade. Nas reixas do Obradoiro, igual que na reixa do parteluz do Pórtico da Gloria, atopamos os primeiros traballos de carpintaría metálica que eu localicei ata o de agora. Na Catedral, como hai moitas máis cousas, aprendes máis técnicas.
Tivo que ser moi emocionante.
Foi máis que iso, foi un hándicap enorme que me abriu os ollos para cando vexo pezas ás que non teño acceso. Foi algo alucinante que puidemos vivir ferreiros a nivel nacional. Aprendes en todos os lados, todos os traballos che ensinan algo.
O auxe de pezas prefabricadas e a perda de coñecemento dos oficios será un problema para os futuros artesáns?
Agora é todo moi básico. Que vai poder facer un arquitecto no futuro se o único que ten no mercado son pezas prefabricadas porque se perde o coñecemento e os oficios? Que che vai poder ofrecer una arquitecto ou un aparellador? É todo tan sumamente básico que chegaremos a un momento de feísmo, no que nos entrará depresión entrar en calquera cidade, porque nos veremos como un elemento máis dun circuíto pechado. A arquitectura non é iso, a liberdade da persoa non é esa. O cerebro ve cores, sombras, tonalidades.
É o minimalismo.
Agora é todo moi lineal, moi baleiro. Falta forma, xogo, movemento, contraluz e sombras. Traballamos para intentar manter o oficio, se todo o mundo se vai ao minimalismo, paréceme ben. Mais se se abusa do minimalismo, haberá un problema. Cando nos xubilemos e non se formen novas xeracións de artesáns, a onde van ir os oficios? É un peixe que se morde a cola.
Nas conversacións entre profesionais da forxa, cal é a principal preocupación?
Nas novas xeracións, un dos problemas é que os que comezan a aprender, déixano e marchan a unha carpintaría metálica. Isto ocorre porque hai empresas que premian máis a parte económica que a parte técnica. A xente opta por non complicarse estudando as técnicas, porque a carpintería metálica sempre vai ter máis traballo. Cando sae a concurso unha obra, póxase segundo os prezos e non segundo a técnica. Isto é un perigo moi grande para o oficio e desmoraliza aos artesáns.
Outra das vosas demandas está relacionada coa presión fiscal no sector.
Os impostos son tremendos. Consumimos pouco material e moita man de obra, entón interpretan que son todo ganancias, mais non é así. Cando as pequenas e medianas empresas desaparezamos, coa presión fiscal e obrigacións que soportamos, pregúntome se serán os que traballan directamente do estado os que xeren riqueza para pagar os seus propios soldos. Dubídoo moito.
Con todo, animas aos mozos a iniciarse na forxa?
É un sector con moitísimo futuro, no que se necesita moita man de obra. O sector do metal ten unha tirada de demanda que a xente nin o pode imaxinar. Os que temos oficios imos ter moita demanda. As empresas de baixa calidade van ter solucións prácticas, pero non para todo. Os oficios como o noso teñen que prevalecer si ou si.
Que é o que máis valoras do teu traballo?
Ser ferreiro non te vai facer rico, mais é a satisfacción de ver que o que fago, está ben feito. Esa é a maior satisfacción do meu oficio, ver que grazas a el podes preservar o patrimonio que temos. Ao final, é o legado de xeracións e xeracións de coñecemento dos nosos antepasados que, sen a metade dos mecanismos que nós temos agora, levantaron grandes edificios, pontes e muíños para facer fariña e alimentar moitas bocas. Manter este oficio e o noso patrimonio é a riqueza máis grande que podemos ter.
(Extracto da entrevista publicada no número 401 - outubro 2024)
Comentarios (0)