Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A parroquia dos mortos



REBECA SANTOME SEIJAS · PUBLICADO O 29 DE OUTUBRO DE 2024 · (0)




Hai máis de 2.500 anos, a cultura celta celebraba o Samhain ou Samaín polo 1 de novembro, o que para algúns especialistas se trata dun termo sen rigor antropolóxico se o aplicamos á celebración actual, a Festa de Defuntos. Esta celebración conta con gran arraigamento na nosa cultura polo vínculo da poboación galega coa morte, especialmente na cultura popular campesiña. Trátase dunha tradición con moitos substratos culturais nos que se conmemora ou lembra aos nosos devanceiros e antepasados mortos.

Nas culturas atlánticas e célticas, como a galega, o Samhain era unha celebración ligada ao contexto socioeconómico das sociedades agrarias que cesaban a súa actividade durante a invernía e o período escuro, que coincidía coa última colleita do ano, as castañas e o viño novo de novembro. Nese período de inactividade agraria, máis frío e con menos luz, no que a natureza está morta, é o momento de lembrar aos defuntos. Igual que noutras celebracións como o San Xoán, o Nadal ou o Entroido, esta noite liminal marca o remate dun ciclo e o comezo doutro, neste caso o fin das colleitas e o inicio da invernía.

Entre a poboación existía a crenza de que durante estas datas os defuntos achegábanse a visitarnos e abrían as portas do máis aló, coa posibilidade de comunicarse coas ánimas dos finados. Trátase pois dunha celebración de encontro e de lembranza aos defuntos e ancestros que nos trouxeron ata aquí.

Ao longo da historia, moitos pobos foron transformados polos romanos e os cristiáns, e neles celebraban festas aos defuntos durante este período escuro. Coa chegada do cristianismo no s. IX, concretamente no ano 840, o Papa Gregorio IV integra a celebración como o “Día de Todos os Santos”, é dicir, os defuntos da Igrexa. “Entón resignifican esta data para lembrar aos mortos, pero aos mortos mártires da Igrexa”, explica o antropólogo e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía. O cristianismo inflúe notablemente no significado das ánimas. “Créase a idea do Purgatorio e axúdase a saír ás animas daquel lugar, por iso se comen castañas e se iluminan as tumbas para que a luz ilumine os camiño ao máis aló”, sinala.

Co paso do tempo e os procesos de transformación social e ideolóxica da sociedade industrial, así como o individualismo propio do capitalismo, esta celebración foi mudando ata ser unha mestura de todas elas. Así, é no século XX, cando os emigrantes europeos e irlandeses levan a nosa tradición ata os Estados Unidos, o que agora se coñece como Halloween, e alí importan os mesmos rituais, como o tallado de cabazas ou ir pedir ás casas.

Segundo o antropólogo, existe constancia escrita do inquisidor e bispo de Mondoñedo, Juan Antonio de Bara, que xa polo século XVI sancionaba aos cativos que fosen pedir polas casas, e cunha multa para os proxenitores que o permitisen con 1.000 maravedíes. E tamén para os curas que permitisen banquetes funerarios nas igrexas, que se levaban a cabo en honra aos mortos.

Ritos

Durante estas datas, sempre se repiten os mesmos ritos: a escenificación do caos, as falcatruadas, os rituais adivinatorios ou incluso a presenza de seres extraordinarios. Tamén o tallado de caveiras nas cabazas ten un sentido de protección do mesmo xeito que as velas, fronte aquelas ánimas malignas que podían entrar naquelas datas. Outro dos ritos son os magostos e a reunión a carón do lume nun espazo liminal onde habitan os defuntos do bosque e os mouros e mouras.

Por outra banda, os cantos e bailes foron sempre unha forma de tecer lazos entre a colectividade e celebrar a visita dos seres queridos.As sociedades necesitan ritos para crear nexos de unión que axuden á identidade colectiva, por iso é importante que exista unha data na que se escenifique esa lembranza”, explica Rafael Quintía.

Unha maneira de representar a presenza deses mortos era enmascararse emborrallándose a cara, facendo balbordo e caos, coa chegada das ánimas indo pedir polas casas. As comidas de defuntos, os doces, as velas para iluminar o camiño ao máis aló.. Todos estes ritos se celebran no Día de Defuntos, que hoxe en día continúa a conmemorarse e a ser un escenario de encontro que debe preservar a nosa cultura e os nosos devanceiros.

(Extracto da reportaxe publicada no número 401 - outubro 2024)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)