Baixo terra
Existen a maiores unha serie de axudas -este ano foron de 50.000 euros-, para minguar os gastos de prospeccións arqueolóxicas aos que están obrigados os promotores de calquera tipo de obra afectados por un monumento, un conxunto histórico, unha zona arqueolóxica ou xacementos catalogados que os obrigue a parar.
Pero aquí falamos das prospeccións en espazos fóra do eido urbano, 32 xacementos abertos nos que se vai traballando por tempadas e quendas. Uns máis coñecidos que outros, hainos que xa teñen espazos de interpretación e proxectos de musealización, mellorados e ampliados; e outros apenas en fase de prospección inicial. Todos ao fin, pegadas construtivas das xentes que aquí viviron en diferentes momentos dunha Historia na que non hai fendas senón mesturas e transicións.

Xacemento romano de Proendos, Sober (Lugo). Xa se levan investidos preto de 130.000€ dende o ano 2020 a través de seis campañas arqueolóxicas adxudicadas á empresa de Comspotela Tempos Arqueólogos. Os últimos foron dez días na escavación dunha área duns 50-60 m2 preto do horreum. Tratouse de exhumar os restos da vila romana detectada na prospección xeofísica que tivo resultados moi positivos, ao localizarse restos como unha gran estrutura rectangular con estancias asociadas a un patio. Podería tratarse dun espazo residencial dunha vila romana, un complexo agrario desde onde se administrarían as terras da contorna e almacenaríase a produción do campo.
Penas do Castelo, Pobra do Brollón (Lugo). Lévanse investidos preto de 70.000 euros en catro campañas arqueolóxicas entre 2021 e 2024. Con intervencións en marcha, o pasado 6 de setembro chegaron novos achados na cuarta, cando os arqueólogos consolidaron as partes máis expostas da muralla que defendía o lugar e sondaron o interior do xacemento, o que lles levou á alegría de atopar dous recipientes cerámicos practicamente completos. Nun apareceron grans de cereal.
Os fragmentos cerámicos son tratados pola restauradora Alba Losada para coñecer tipoloxía e cronoloxía, e os restos de semente analizaranse en laboratorio.
Corro dos Mouros, Santa María Magdalena de Adai (Lugo). Os resultados de dúas mostras analizadas por Carbono 1 sitúan a fase de construción no século XIII antes de Cristo, continuando a ocupación no séculos X e IX. As prospeccións nestes protocastros fanse por Xunta e USC, un traballo conxunto de baixo a dirección da profesora María Pilar Prieto Martínez que permitiron exhumar parte do foso e do parapeto, ademais de atopar fragmentos de cerámica de recipientes ben conservados. En setembro traballouse para mellorar a delimitación. A campaña deu continuidade aos traballos realizados pola Universidade o pasado ano, ademais de constatar a boa conservación do muro interno permitiu descubrir outro exterior.
Preguntoiro, Pantón (Lugo). Desenterráronse por completo os restos dunha capela medieval descuberta no 2021, despois traballouse noutra construción xunto a ela que pode estar relacionada cun dos eremitorios máis antigos da Ribeira Sacra. O terreo onde se fan as escavacións foi aproveitado para cultivar viñas moito tempo despois e xa estaba en ruínas no XVII. Viviu recentes traballos para dar continuidade ás campañas feitas entre 2021 e 2023 nun sitio histórico de riquísima paisaxe cultural. Xa se levan investidos preto de 80.000 €. Os labores máis recentes foron 15 días de limpezas e roza e consolidación dos restos. Ademais de nivelacións, recheo e escavacións puntuais, recollida de mostras e documentación gráfica.
Castro de Sarridal, Cedeira (A Coruña). Desde 2017, está a ser escavado con campañas financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o Concello de Cedeira. A localización dunha estrutura tipo sauna foi unha gran nova, hai moi poucas conservadas no noroeste peninsular. É un xacemento fortificado da Idade do Ferro, costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas de fosos, estanse a recoñecer novas estruturas e a consolidar os restos recuperados. Segundo o director da campaña, Emilio Ramil, os traballos deste verán serviron para recoñecer estruturas da zona de alimentación do forno e da canle de desaugadoiro da piscina.
Castro de Doade, Lalín (Pontevedra). Unha nova campaña de escavacións deu continuidade ás iniciadas no 2015 polo Museo Etnográfico Casa do Patrón que xestiona o concello de Lalín, xa que o xacemento pertence na maioría a este museo. Este ano a Consellería de Cultura achegou 18.000 €. Os traballos incluíron rozas e limpeza manual, escavación no sector sueste completando o rexistro na área das construcións, unha superficie aproximada de 40 metros cadrados. Tamén houbo traballos de restauración da zona habitacional e, en xeral, accións pensando na súa difusión e futura musealización, ademais de estudar os materiais arqueolóxicos recuperados.
Castro da Cividá, Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). O Castro da Cividá, tamén coñecido como Castro de Sacos, é un poboado fortificado da Idade do Ferro na parroquia de San Xurxo de Sacos. Neste espazo, que é a imaxe de apertura, lévanse investidos 60.000 euros. No caso de Cultura achegou a metade para traballos de limpeza, documentación, e sinalización dos restos, tamén do petróglifo de arte rupestre Pedra dos Moros, localizada no asentamento e Ben de Interese Cultural.O xacemento ten un recinto oval, ampla terraza, foxos e muralla, está nunha fermosa paraxe e, por riba, nas proximidades hai outro castro denominado Croa de Castor nun bo estado de conservación.
Maus de Salas, Muíños (Ourense). As antas desta necrópole atópanse nas ribeiras do encoro de Salas, é un completo exemplar con cámara poligonal que soporta unha pedra cobertora monolítica de gran tamaño, a cámara chega aos 2,60 metros. Esta anta foi desprazada posición orixinal cando se construíu o encoro, polo que as pedras de entrada quedan no interior, sendo imposible reconstrución. A cámara megalítica e o túmulo na mámoa acaban de vivir un traballo de consolidación tras investirse 35.000 € para tentar protexer este enclave ao pé da Serra do Xurés, onde tamén restaurouse o Foxo do Lobo, unha trampa de orixe medieval.
(Extracto da reportaxe publicada no número 401 - outubro 2024)
Comentarios (0)