Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Somos un aliado estratéxico para o crecemento e futuro do medio rural galego”



MANUEL VARELA, PRESIDENTE DE CAIXA RURAL GALEGA · PUBLICADO O 08 DE XANEIRO DE 2025 · (0)




Fundada en 1966 en Lugo, Caixa Rural Galega consolidouse como a única caixa de aforros con sede en Galicia, mantendo unha estrutura de cooperativa de crédito que busca a sostibilidade económica e social do medio rural. O seu presidente, Manuel Varela (Santiso, 1957), aborda nesta entrevista o problema do relevo xeracional e a aposta polas oportunidades formativas entre a mocidade galega.

É a única Caixa Rural que queda en Galicia, que balance económico fai dos últimos anos?

Nos últimos anos, a entidade amosou unha tendencia moi positiva nos seus resultados financeiros, con incrementos importantes en todos os indicadores, balance, depósitos, inversión crediticia… Tamén son significativos os resultados, pasando nos últimos anos de pouco más de 5 millóns de euros a máis de 30 millóns, cos que remataremos posiblemente este ano.

Defínense como unha entidade enraizada coas súas orixes e co desenvolvemento dos negocios locais. Cal é o vínculo co eido rural?

Aínda que hoxe en día ofrecemos os mesmos servizos que calquera entidade financeira, temos un vínculo histórico e fundamental co medio rural galego. Nacemos co propósito de ofrecer apoio financeiro a agricultores, gandeiros e cooperativas do entorno rural. Actualmente mantemos unha rede de oficinas en áreas rurais de Galicia, facilitando o acceso a servizos financeiros en localidades onde outras entidades reduciron a súa presenza. Esta proximidade aos nosos clientes permítenos entender mellor as súas necesidades específicas e adaptarnos a eles.

Que servizos ou facilidades financeiras aporta CRG ao sector gandeiro e agricultor?

Moitos servizos deseñados especificamente para satisfacer as necesidades do medio rural galego, promovendo o desenvolvemento destas áreas. Por exemplo, liñas de crédito para a adquisición de maquinaria agrícola, anticipos de axudas, e xestión e adianto de subvencións relacionadas coa PAC e outros programas rurais. Tamén ofrecemos microcréditos, fomentamos o cooperativismo e as inversións en proxectos locais de turismo rural, artesanía e outros negocios que impulsan o emprendemento rural.  

Caixa Rural Galega tamén participa en iniciativas de obra social, como o apoio a través de becas para estudos de posgrao. Por que é importante para a entidade esta aposta pola formación na xuventude?

Porque non só beneficia aos propios individuos, senón que tamén ten un impacto positivo na revitalización do medio rural galego, asegurando a súa sostibilidade e desenvolvemento a longo prazo. Tamén buscamos afrontar os desafíos específicos do ámbito rural, como o envellecemento da poboación, o despoboamento, e a falta de relevo xeracional. Ademais, os mozos con formación teñen máis ferramentas para identificar oportunidades de negocio e convertelas en realidades sostibles. Este enfoque posiciónanos como un aliado estratéxico para o crecemento e futuro do medio rural galego.

Seguirán apostando por proxectos sociais nos vindeiros anos?

O compromiso con proxectos sociais é parte intrínseca do noso modelo e todo indica que continuaremos priorizándoos no futuro, adaptándonos ás novas necesidades e retos do medio rural. A comunidade rural demanda activamente este tipo de iniciativas, o que xera unha relación simbiótica.

Cales son as principais liñas negocios en CRG?

O apoio a PEMEs e Autónomos mediante financiamento, como préstamos e leasing para inversión en equipamento e tecnoloxía ou expansión dos seus negocios, liñas de crédito, xestións de pagos, seguros… e mesmo plans de aforro como, por exemplo, os Plans de Pensións. Queremos consolidarnos como unha entidade financeira versátil, próxima e orientada ao cliente, que apoia á xente da comunidade.

Haberá aperturas de oficinas nos vindeiros anos?

Mantivemos sempre unha política de prudencia na xestión e reinversión dos beneficios, o que nos permitiu medrar de maneira sostible. A nosa proximidade ao territorio galego foi un factor clave na estabilidade e crecemento. No próximo ano haberá novas no que respecta á apertura de oficinas. Continuamos coa idea de abrir oficinas para acercar a Caixa á poboación galega, pero coa prudencia de sempre o que nos permitiu de momento non pechar nunca ningunha oficina.

Como enfocan o compromiso cos pequenos empresarios e cos negocios de proximidade?

Son un eixo estratéxico para fortalecer a economía local e rural de Galicia. Melloramos a súa competitividade mediante liñas de crédito personalizadas, préstamos flexibles, microcréditos... Sempre dende unha óptica de atención personalizada para atender necesidades concretas.

Cales son os obxectivos nos próximos anos?

Nos próximos anos queremos consolidarnos como un referente no apoio aos galegos, avanzaremos na dixitalización e sostibilidade para diversificar a nosa oferta de servizos. Intentaremos achegar a Caixa a aquelas zonas onde aínda non temos presenza para convertela nun referente claro de todos os galegos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)