Festivais de música, o motor da industria cultural
De todos os tipos, xéneros, estilos e formatos, os festivais ocupan un moi destacado lugar no conxunto da oferta cultural galega, especialmente durante os meses centrais do ano. Pero ademais do seu indiscutible papel como alternativa de ocio vinculada á cultura e como escaparate para a difusión da creación galega, este tipo de eventos téñense confirmado nos últimos anos como estratéxicos para as súas contornas, tamén desde o punto de vista social, económico e turístico. Todo isto sen esquecer a súa contribución ao desenvolvemento das industrias culturais galegas a través dunha xestión cada vez máis profesional. Pero tamén teñen a súa cruz.
Tras un período de recuperación do sector motivado polas restricións que impuxo a pandemia, o ano 2023 logrou non só consolidar a produción de festivais musicais e outros formatos de música en vivo, senón que conseguiu unha edición récord en España, superando as cifras de facturación previas ao comezo da pandemia. Así o recolle un informe de OBS Business School dirixido pola profesora Elena Mir sobre o impacto económico na industria da música en directo, que cifra os ingresos por venda de entradas en 2023 en máis de 578 millóns de euros fronte aos 382,5 millóns de 2019.
A cifra obtida en 2023 representa un 26,07 % máis de ingresos que en 2022, ano que se pechara con algo máis 459 millóns de euros. Malia estes excelentes datos, segundo fontes de APM e SGAE, o número de espectadores creceu fronte a 2022 pero seguía sendo inferior ao de anos anteriores a 2020. Sen dúbida, o incremento en facturación débese ao aumento do 48 % do prezo das entradas, cun gasto medio por entrada de 80 euros, fronte aos 58 de gasto medio en 2022.
O director xeral do Instituto de Turismo de España, Miguel Sanz Castedo, asegura que España se converteu, durante ese ano, no "principal destino mundial de turismo de festivais e da música en directo do mundo". E o último informe de Oh Holy Festivals indica que a música en vivo "converteuse, indiscutiblemente, en protagonista da industria sociocultural ata o punto de que o 75 % dos españois acode, ao menos unha vez ao ano, a gozar dalgún evento musical".
O sector turístico sitúa xa a industria musical como un dos principais mobilizadores de masas. As cifras que manexa OBS indican que un 10 % dos asistentes a eventos musicais en España veñen de fóra, pero hai casos que están moi por riba, como O Son do Camiño onde o 41 % do público procede de fóra de Galicia, con gran presenza de países como Reino Unido, Portugal, Suíza e Italia.
Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, fala dun "fenómeno global ao que Galicia vén de incorporarse e que está a reportar importantes beneficios. As administracións somos conscientes da transcendencia de todas estas citas a nivel económico, comunicativo e social e neste sentido, móvenos o interese xeral para o noso territorio en canto a proxección do destino, atracción de visitantes e impacto económico para os residentes. Hai que ter en conta datos tan reveladores como que a recadación dos concertos se incrementou un 70 % desde a pandemia. Todo isto fai unha combinación moi interesante que nos anima a colaborar e facilitar que Galicia sexa sede de grandes espectáculos e eventos singulares, algo que tamén achega valor ao destino e faino aínda máis auténtico e sostible", asegura o responsable autonómico do sector.
Burbulla ou reconversión
O certo é que a proliferación de festivais leva a pensar nunha "burbulla" similar á que, noutros momentos, viviron outros sectores. É indubidable o aumento significativo no número de festivais e cada vez son máis as voces que alertan dunha "saturación do mercado". Un fenómeno que viña de atrás pero que acelerou especialmente tras a pandemia, cando á recuperación das vellas citas se uniron moitos festivais novos que aproveitaron as ganas de recuperar a normalidade e a vida social, non só da xente máis nova. Porque cada vez son máis as propostas para público de maior idade e poder adquisitivo.
"Hai burbulla, si. Vai estoupar? Non o sei", asegura o xornalista e crítico musical Carlos Crespo a ECO. "O que é evidente é que hai un cambio de status". O responsable dun dos fenómenos musicais dos últimos anos en Galicia, a Duendeneta, cre que a proliferación de festivais responde a un cambio nas tendencias de ocio e de negocio: "Non se venden discos así que hai que facer directos e os festivais son a forma máis cómoda para os grupos, que chegan a mesa posta, pero tamén para o público que, por menos cartos, accede a un amplo cartel e, por suposto, para as promotoras que atoparon unha vía de negocio moi rendible".
Tanto é así que os grandes festivais xa están en mans de fondos de investimento, mesmo os galegos. "O Resu xa é propiedade dun fondo e seu que hai máis ofertas", explica Carlos Crespo. "Iso significa que é un negocio e que é tendencia, pero tamén que cando a tendencia cambie os fondos mudarán de sector sen mirar atrás", advirte.
Non é a única debilidade do modelo. Esta rápida expansión trouxo consigo varios desafíos. Solapamentos no calendario, dificultades para atraer público, escaseza de grupos e cantantes susceptibles de convertérense en cabezas de cartel, co consecuente incremento de cachés etc. Un claro exemplo foi a suspensión do DCode Festival pola caída do seu reclamo, Lewis Capaldi e a imposibilidade de atopar unha alternativa dispoñible ao mesmo nivel e con pouco tempo de reacción. Ou a cancelación en Compostela do WOS Festival o pasado ano, tras sete edicións, explicado pola organización cun contundente "parando hoxe para un mañá mellor". Os promotores denunciaban o "drástico" cambio no contexto no que se desenvolve o festival: "Os custes aumentaron considerablemente e os prazos de planificación reducíronse. Nestas condicións, resúltanos moito máis difícil que o proxecto teña a calidade que desexamos e que o noso público merece".
Esta situación é ben coñecida noutros mercados, caso do Reino Unido ou dos Países Baixos onde xa se cancelaron numerosas citas debido á falta de espectadores ou a problemas de produción. E tamén aquí son moitos os que, aínda logrando manterse, o fan con enormes dificultades, como explica Carlos Crespo. "Cargáronse a clase media. funcionan ben os pequenos (falo de citas por debaixo das Revenidas) e os grandes, pero os festivais medianos, como o Atlantic Fest están a pasalas canutas. E hai quen pagou un altísimo custo por intentar manter os seus festivais, con débedas e hipotecas sobre as súas propias casas… hai unha chea de casos en Galicia".
Espazo para crecer
Non obstante, hai expertos aseguran que aínda hai espazo para todos, especialmente fóra da "tempada alta": os meses de verán. Acontece igual en todo o estado; os meses de xuño e xullo (con 77,1 e 66,7 millóns de euros, respectivamente en 2013) rexistraron as cifras máis altas de actividade, segundo os ingresos obtidos, coincidindo coa concentración da programación dos festivais ou ciclos máis masivos nestas datas estivais.
O certo é que en Galicia o tempo inflúe especialmente na concentración temporal de eventos, e dificulta a programación noutras épocas. Aínda que xa son moitos os que busca esa desestacionalización, como O Gozo Festival, con iniciativas ao longo do ano; o FIV que abre "oficialmente" a tempada de festivais en abril ou o Ourensound Fest que apostou tamén por adiantarse.
Para a administración, programar en Galicia "só ten vantaxes". Merelles destaca "a paisaxe, a cultura, a tradición, o clima, a gastronomía, o patrimonio, as xentes etc. Todo dá lugar a unha combinación que anima a gozar ao aire libre dos espectáculos musicais en verán, pero tamén noutras épocas do ano no interior de instalacións perfectamente preparadas" […]
O cambio no consumo ten que ver tamén coas novas políticas de prezos, que van aumentando a medida que se achega a data, de xeito que os "fieis" non esperan a saber quen actuará e mercan confiando no bo facer dos organizadores. Ocorre no Son do Camiño, onde os primeiros 25.000 abonos postos á venda en novembro esgotáronse en horas, ou co Resurrection Fest, que tiña vendidas o 90 % das entradas para os catro días de festival con medio ano de antelación. O caso do Resu é especialmente significativo. No ano 2023 estaba no Top 10 dos festivais españois por asistencia, con máis de 132.000 entradas vendidas, pouco menos das 134.000 do Son do Camiño e por riba ambos os dous de citas emblemáticas como o Sónar de Barcelona (con 120.000 espectadores). Encabeza este ranking o Arenal Sound en Burriana (Castellón) con 300.00 persoas, que desbancou o Primavera Sound de Barcelona (243.000). Viña Rock con 240.000, Mad Cool con 202.000, o FIB de Benicàssim con 180.000 e o Primavera Sound de Madrid con 150.000 completan a listaxe de festivais que superaron os dous galegos do ranking, situados xa entre os grandes do panorama internacional.
Paralelamente, Son e Resurrection figuran entre os primeiros por impacto económico. Evidentemente, son cifras modestas se miramos os grandes. Os Primavera Sound de Barcelona e de Madrid xeraron máis de 150 millóns cada un e o Mad Cool de Madrid chegou os 80 millóns de euros. Pero nada ten que ver a capital do estado cunha contorna como Viveiro, onde os 17,5 millóns de euros do Resurrection Fest supón un impacto económico realmente significativo.
O mesmo acontece co Son do Camiño que xerou en 2023 case 20 millóns de euros. En 2024 a cifra superou os 23 millóns de euros e o evento situouse de novo entre os 10 festivais de maior afluencia en España e no top 3 de festivais con máis engagement entre o seu público. Se falamos de repercusión mediática, tamén bateu o seu propio récord cunha valoración económica da súa presenza en medios de 30 millóns de euros e unha audiencia de 4.170 millóns de impactos (datos auditados por Kantar Media / Onclusive).
Os novos públicos
A influencia deste tipo de citas non é cuestionable, desde o momento en que teñen chegado aos consellos escolares das vilas nas que se celebran. É o caso do Son do Camiño en Santiago de Compostela. A participación de Aitana en 2023 levou a algunhas familias a pedir comprensión o profesorado pola ausencia de adolescentes –e mesmo alumnado de primaria– ás clases do día seguinte. Moitas directivas amosaron a súa desconformidade coa petición familiar, pero o certo é que, ao ano seguinte, varios centros tiveron en conta a celebración do evento á hora de fixar exames da terceira avaliación, algo impensable apenas uns anos antes e que indica non só a influencia dos festivais senón o cambio de hábitos da sociedade.
O Son do Camiño xunto ao Portamérica son, probablemente, o mellor exemplo de como atraer a todos os públicos cun cartel ecléctico no que se teñen chegado a ver tres xeracións ante un escenario. Pero ocorre, cada vez máis, con outras citas que naceron para a mocidade roqueira, indie… e que, xa como persoas adultas, acoden en familia. É o caso do Atlantic Fest que, tras o seu regreso a Vilagarcía de Arousa, converteuse nun dos festivais máis agradables para vivir coa cativada. Ou do Resurrection, co seu espazo ResuKids, pensado para nenas e nenos de 3 a 12 anos, e de moitos outros. De feito, ante a demanda de público infantil, cada vez son máis os que optan por cobrar entrada "infantil".
Con todo, os datos indican que aínda que os principais compradores de entradas son as persoas de entre 35 e 44 anos, o segmento con maior crecemento en compra de entradas en 2023 con respecto ao ano anterior foi o de idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos, cun incremento en vendas do 44 %. Quizais motivado pola creación do bono cultural para a mocidade.
Unha medida que axudou a compensar a alza nos prezos dos festivais, que non todo o mundo pode pagar, como lembra Carlos Crespo: "Por que a mocidade volveu ás verbenas? Porque son gratis! Aínda que a entrada a un festival sexa barata pensando en todo o que ofrece o cartel, para a mocidade deixar 100 ou 150 euros nunha entrada mais o traslado, o consumo alí… non todo o mundo pode pagar iso e a desaparición dos festivais medianos agrava a situación" […]
(Extracto do A fondo publicado no número 404 – xaneiro 2025)
Comentarios (0)