Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Doce no camiño



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 15 DE XANEIRO DE 2025 · (0)




Non hai intención de facer un apostolado arredor da figura case mesiánica de Castelao (que será homenaxeado institucionalmente este 2025) senón de recuperar doce intelectuais e creadores coetáneos que compartiron franxa vital, ambiente cultural e período histórico. Nomes populares case todos marcados pola Guerra Civil e o franquismo, etapas que navegaron exiliándose, como o de Rianxo, atopando acomodo no propio país ou cunha combinación das dúas cousas, como tanta xente fixo.

ANTÓN VILLAR PONTE (Viveiro, Lugo 1881 - A Coruña 1936)

Foi a súa relación con Manuel Lugrís Freire, o pai de Urbano Lugrís, a que máis pesou na conversión ao galeguismo polo que, en 1916, será un dos promotores na Coruña das Irmandades da Fala.

SANTIAGO CASARES QUIROGA (A Coruña 1884 – París 1950)

Non soubo ou non quixo ver o que se cocía, mesmo sendo informado, por un grupo marroquí, da implicación de oficiais do exército de África nun posible alzamento; atribúeselle a frase “se os militares se queren levantar, eu voume deitar”.​

ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ (Boborás 1884 - Pontevedra, 1929)

A súa actividade política entronca co rexionalismo, agrarismo, galeguismo e catolicismo, nunha liña tradicional coma a de Vicente Risco.

VICENTE RISCO (Ourense, 1884 - Ourense 1963)

Despois da alianza do Partido Galeguista coa Fronte Popular en 1936, tenta organizar unha alternativa galeguista de dereitas, afín ao réxime xurdido tras da Guerra. Chega a ser finalista do Premio Nadal en 1952, catedrático e publica obras como Historia de Galicia.

OTERO PEDRAYO (Ourense, 1888 - 1976)

Tras morrer Castelao, Otero Pedrayo convértese no referente do galeguismo; en 1950 gaña a primeira Cátedra de Xeografía da USC e en 1958 recibe o título de Patriarca das Letras Galegas.

CAMILO DÍAZ BALIÑO (Ferrol, 1889 - Palas de Rei, 1936)

Foi membro da masonería e perseguido polo seu propio irmán e, tras do estalido da Guerra Civil, fusilado na parroquia de Meixide, en Palas de Rei, o 14 de agosto de 1936; o seu legado pode verse na biblioteca virtual Galiciana.

CARLOS MASIDE (Pontecesures, 1897 - Santiago, 1958)

Tras da Guerra Civil fica en España pero é destituído do seu posto de profesor, polo que se illa da contorna ata que, en 1950, é nomeado director artístico da editorial Galaxia.

MARUJA MALLO (Viveiro, 1902 - Madrid, 1995)

Malia que o seu vínculo con Galicia é escaso, os investigadores Carlos Novo e Emilio Insua afirman que foi "moi galega”: a súa nai era de Vigo, viviu en Viveiro ata os once anos e volveu despois varias veces a visitar a familia.

ARTURO SOUTO (Pontevedra, 1902 - Cidade de México, 1964)

Un dos pintores mellor formados da xeración “Os Novos” na Academia de Belas Artes de San Fernando entrou en contacto co grupo de Hidalgo de Caviedes, Salvador Dalí e Sáenz de Tejada.

URBANO LUGRÍS (A Coruña 1908 ​- Vigo 1973)​

Cóntase que tras pintar o Retablo do Descubrimento no Instituto de Cultura Hispánica de Madrid, Franco preguntoulle: “De onde es?”, ao que Lugrís contestou: “Paisano seu”. Anos despois encargoulle a decoración dos camarotes do iate Azor.

LUIS SEOANE (Buenos Aires, 1910- A Coruña, 1979)

Tan galego coma arxentino, país ao que volve tras da Guerra Civil e onde moitos empresarios de orixe xudía promoven o seu traballo. Na década dos 60 xesta en Galicia o Laboratorio de Formas con Díaz Pardo, o gran centro das ideas estéticas  galegas.

ÁLVARO CUNQUEIRO  (Mondoñedo, 1911 - Vigo,1981)

Premio Nacional da Crítica en 1959 polas Crónicas do sochantre, en 1961 ingresa na Real Academia Galega e sete anos despois será premio Nadal e, como xornalista, premio Godó.

(Extracto da reportaxe publicada no número 404 – xaneiro 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)