Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

"É marabilloso que as nenas teñan referentes como Bala, Ginebras, Shego ou Leria, aquí mesmo, en Galicia"



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE MARíA POL E AIGIBOGA · PUBLICADO O 27 DE XANEIRO DE 2025 · (0)




A piques de celebrar unha década sobre os escenarios, Señora DJ é xa unha referencia no panorama musical de Galicia, onde ten participado en citas tan relevantes como o Atlantic Fest, Surfing the Lérez, Vive Nigrán ou o Festival da Luz. Pero tamén salas e eventos de todo tipo botan man desta disc-jóckey vilagarciá que, en cada sesión, reivindica quen é e de onde vén.

 

Como chegaches ao mundo da música, porque viñas do sector audiovisual?

Foi algo completamente inesperado. Naquel tempo, o meu mozo (hoxe o meu marido) era quen pinchaba nos eventos. Eu, de cando en vez, collía a controladora para poñer algún tema, pero sen moita experiencia nin técnica. A primeira vez que pinchei para o público foi na desaparecida Zona Super 8, en Vilagarcía, onde fixemos un b2b xuntos.

Pero foi no primeiro Festivala, alá polo 2016, onde realmente se plantou a semente que daría paso a Señora DJ. Amigas que formaban parte da organización animáronme a pinchar entre os concertos dos grupos. De primeiras, dábame moita vergonza e, ademais, estaba embarazada de 5 meses da miña segunda filla. Aquel evento abriu as portas a novas oportunidades. De Vilagarcía a Vigo, de Vigo a outro evento en Tomiño e, pouco a pouco, fun pinchando por toda Galicia.

E como se compaxina iso con dúas nenas pequenas?

Ás primeiras pinchadas teño levado a toda a familia xa que lle daba o peito á miña segunda filla. O resumo era, bebé na teta, saír pinchar e outra vez bebé na teta. Recordo esas primeiras sesións con moito agarimo. Co tempo, comecei a sentir o desexo de afrontar retos máis grandes; o primeiro grande obxectivo foi tocar na Sala Karma, en Pontevedra. Conseguín esa oportunidade despois de moito esforzo, enviando sesións e traballando duro para convencer a Marcos Rivas, dono da sala, de que me dera a oportunidade. Con el xurdiron colaboracións moi especiais, como o festival Surfing the Lérez, e tiven a sorte de coñecer a Patricia Hermida, que tamén me axudou moito con oportunidades importantes en diferentes eventos e festivais.

De onde xorde o nome artístico, porque hai dez anos non eras exactamente o que se entende por unha "señora"?

Son moi fan do grupo Las Bistecs. Teñen un tema que é todo un himno, Señoras Bien. É unha canción divertida e con moita retranca, e inspireime nesa esencia para quedar co de "Señora" no meu nome artístico, como unha pequena homenaxe a elas. Ademais, é un nome que mellora co paso do tempo. Poderei ter 70 anos e seguirei sendo a auténtica Señora DJ. 

Que tipo de música escoitas habitualmente?

Unha mestura moi ampla de estilos. Agora mesmo estou obsesionada con Paco Amoroso e Ca7riel, e tamén con Aurora, dous estilos completamente distintos. Consumo moita diversidade musical: un día podo estar escoitando The Kills en bucle e ao seguinte estar con Nathy Peluso. 

E que tipo de música prefires mesturar?

 Nas miñas sesións sempre hai algo de disco e pop dos 2000, que teñen unhas remesturas espectaculares, para darlle un toque máis techno. É xenial ver como á xuventude lles encantan estes clásicos. Tamén mesturo temas de grandes divas ou “señoras” da música: Britney, Florence, Charli XCX, Azealia Banks... e, por suposto, as nosas divas nacionais como Rosalía, Zahara, Rocío Jurado ou Fillas de Cassandra, que as adoro e son xa un referente noso. Porque aínda que na miña selección hai moitos hits internacionais, nunca faltan temas en galego. Sempre hai espazo para algunha de Mondra, Grande Amore, Boyanka, Rapants, Leria… E tamén para o “petardeo” con Las Bistecs, Ojete Calor, Samantha Hudson…

Sempre está moi presente nas túas sesións a música galega e feminina. Hai unha reivindicación nesa elección?

Por suposto! Señora DJ naceu no Festivala, que xurdiu como unha forma de protesta ante eventos onde a desigualdade no escenario era (e segue sendo!) abafante. As miñas primeiras sesións no Festivala estaban compostas exclusivamente por grupos de mulleres, e moitas veces sigo mantendo esa esencia.

En canto á música galega, nos últimos anos é unha verdadeira gozada ver a enorme cantidade de talento que temos en Galicia. Hai propostas marabillosas en todos os estilos: dende o pop e o hip hop ata o dance ou mesmo o techno. É unha escena chea de diversidade e creatividade.

Hai uns anos era difícil atopar mulleres DJ e mesmo grupos de música femininos. Isto parece estar mudando completamente. Percíbese ese cambio no sector?

Percíbese, pero aínda queda moito por facer. Por exemplo, na miña vila, Vilagarcía, é moi difícil atopar unha muller pinchando as fins de semana. Un caso especialmente rechamante é o da Festa da Auga; é desolador: nun evento no que pode haber uns 40 DJ pinchando, entre o festival e as festas privadas, apenas dúas eran mulleres. Hai que cambiar esta realidade. Estou ensinando xa a un par de mozas e quero apoiar a quen queira abrirse camiño neste sector.

En canto aos grupos de mulleres, a verdade é que cada vez vense máis, e iso é fantástico. É marabilloso que as nenas teñan referentes como Bala, Ginebras, Shego ou Leria, aquí mesmo, en Galicia. Esa visibilidade é clave para seguir avanzando, pero aínda falta.

Que equipo adoitas usar nas túas sesións?

Traballo ca controladora Pioneer XDJ-XZ. Porén, tamén son feliz traballando con dous reprodutores Pioneer CDJ 2000 Nexus 2 ou 3000, acompañados dun mesturador Pioneer DJM Nexus ou similar. Agradezo moito cando a sala ou o evento xa conta co equipo necesario, pero, se non, levo o miña XDJ-XZ. Iso si, transportalo nunha flightcase que pesa como un morto quítalle un pouco de glamour ao de ser Señora DJ, ha, ha, ha! A ver se pronto podemos subir o caché e contar cun road manager para estas ocasións. 

Como preparas cada evento, porque será moi distinto un festival dunha sesión vermú, un acto privado…?

Cada vez fago menos eventos privados; os poucos que acepto son para xente que xa me coñece. En canto a festivais ou novas salas, é algo que me encanta preparar. Gústame seleccionar novidades dos últimos meses e practicar na casa para probar combinacións con temas clásicos que coñezo ben. Por outra banda, en salas onde xa teño confianza, como a Kominsky en Vigo ou a Cofradía en Vilanova, adoito improvisar máis e deixo que o mood do público guíe o meu camiño musical. 

Cando recibes unha proposta, adoitan recomendar ou pedir determinados temas, estilos etc.
Non, xa non, a verdade é que agora xa me coñecen, saben o meu estilo e déixanme facer. E, a verdade, é que é un gustazo.

Cal foi o teu evento máis memorable como DJ?

Este último Surfing the Lérez. Pinchei ás seis da tarde, cunha conexión brutal coa xente: entregada, feliz, bailando sen parar… E decateime de que xa teño “fans”, xente que me segue e me busca. Esa mesma noite fun pinchar á Ruada das Gotas, en Ribadumia, e dous mozos achegáronse para dicirme que me descubriran esa tarde no Surfing e colleran un taxi para ir a Ribadumia. Ese tipo de xestos fan que todo mereza a pena. 

As túas sesións caracterízanse por poñer a todo o mundo en pé. Como se consegue manter enerxía e o ánimo do público?

O segredo está en non quedar nun único estilo. Ultimamente, noto que a xente está moi orientada cara á música electrónica e aos BPM rápidos, e eu tamén conecto con esa tendencia. Pero, máis alá da música, é crucial estar presente de verdade na pista de baile, non só na cabina ou no escenario. Observar o público, as súas reaccións e establecer conexións visuais é fundamental. Cunha mirada podes dicirlles que estás con elas, que formas parte desa experiencia compartida. Esa interacción fai que a enerxía flúa e que a pista de baile non perda forza.

É importante seguir as últimas tendencias e novidades musicais ou a xente prefire temas coñecidos?

É súper importante, pero tamén hai que incorporar temas coñecidos. A xente busca novidades, pero entrégase cos clásicos. Gústanos cantar (ou gritar) ese tema coñecido. O truco está en equilibrar ambos, adaptándose á enerxía do público sempre. 

Con quen che gustaría traballar no futuro?

De momento non teño colaboracións con outros DJ ou artistas, pero estou formándome en produción musical no Longa Music Lab. A idea é que nun futuro próximo saian temas e remixes propios, coa axuda da miña profe e amiga Vicky Longa. Tamén estamos dando os primeiros pasos nun proxecto xunto a outro amigo, Héctor del Oro, no que combinamos son e vídeo. A miña colaboración soñada sería con Zahara, porque adoro o seu traballo, tanto musical como de performance, e tamén como DJ de música electrónica.  E tamén me encantaría colaborar con Boyanka Kostova e Fillas de Cassandra.

Ademais de DJ, traballas no audiovisual, en comunicación e publicidade… Como se compatibiliza?

 Moitas veces quitando horas de sono, facendo equipo co meu marido e contando coa axuda dos avós para organizarnos.

E, enriba, es nai de dúas nenas. Cal é o segredo para conciliar vida laboral e familiar?

A flexibilidade dos horarios e que organizo eu o meu horario. Se hai eventos o sesións de gravación ou fotografía acudo ao plan madruga ou aos avós. Benditos avós! Pero a maioría de pinchadas son tarde, así que teño o día libre para estar coa familia. E a época de máis traballo é o verán, cando o meu marido non traballa, o que fai moito máis fácil compaxinar todo.

Que previsións tes para 2025?

Se fose como 2024, quedaría encantadísima! Xa hai algúns eventos pechados, pero aínda teño moitos no aire. A finais de xaneiro pincho en Madrid, e faime moita ilusión porque é un paso que pode abrir moitos camiños. Para min, o grande agasallo sería pinchar no Son do Camiño. O cartel de 2025 xa está pechado, pero a ver se para 2026 Esmerarte e Bring The Noise se fixan en Señora DJ. Tamén me gustaría viaxar máis fóra de Galicia e, por suposto, sacar temas propios e seguir crecendo a nivel de escenografía. Estou traballando para que todo isto se faga realidade.

Que nos recomendas escoitar para empezar o ano?

Escoitade e vede o tiny desk de Paco Amoros e Ca7triel e buscade a Aurora cantando The Seed no bosque. E daquí da terra o grupo Leria, unha "bandaza". 

Que consello lle darías a alguén que está empezando ou quere dedicarse a isto?

 Que se rodee de xente que se dedique ao mesmo. Buscar mentores é fundamental, e hai moitas plataformas gratuítas en Galicia que axudan a artistas, tanto nos concellos como a nivel Deputación ou Xunta de Galicia. A min, por exemplo, axudoume moito o coworking de emprendemento do IGAPE e da EOI que realicei en Vilanova de Arousa. Un dos meus mentores, Ramón Tubío, ten moita culpa de que sexa autónoma. E, de momento, autónoma feliz. Confiou en min e actualmente colaboro na súa empresa. Tamén, a Fundación Paideia me axudou cun curso de emprendemento musical na aceleradora de Estudios Mans, que me deu a oportunidade de conectar con xente importante da industria cultural galega. En resumo, o máis importante é rodearse de xente que sume e deixar de lado á que non te inspire. Ser persistente e non deixar de petar nas portas que faga falla. E, por suposto, practicar, practicar e practicar.

(Entrevista publicada no número 404 – xaneiro 2025)

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)