Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Temos unha taxa de fidelidade extraordinaria dos nosos clientes”



TERESA ROCAMONDE CON FOTOS DE JOSE CARLOS SANTOS · PUBLICADO O 19 DE MARZO DE 2025 · (0)




Manuel Fraga Carou é compostelán de nacemento e de corazón. Na cidade na que naceu abriu, hai xa máis de 25 anos, a axencia Vía Láctea Comunicación, “con sede en Conxo”, remarca. Fíxoo con coñecemento de causa, tras unha ampla traxectoria no xornalismo. E quizais esa é unha das razóns do éxito. Pero hai moitas máis: ilusión, formación constante, adaptación a un sector tremendamente cambiante e dedicación absoluta ao seu negocio e aos seus clientes impídenlle pensar na xubilación a curto prazo. De todo isto, profesión, cidade e vida, falamos con el en ECO.

Vía Láctea cumpre 25 anos traballando no sector da comunicación. Como naceu a axencia? Que te levou a creala naquel momento?

Traballei case vinte anos na radio –Radio Galicia-SER, Ondas Galicia, Antena 3 Radio, Radio Voz e Radio Galega–, pero curiosamente non cheguei a lograr a estabilidade laboral; así que, animado e aconsellado por un excelente amigo, decidín iniciar unha aventura profesional propia.

Neste tempo o sector cambiou moitísimo, pasamos da prensa, radio e televisión ás redes sociais, periodismo e marketing dixital… Como se asume, desde unha axencia, esta nova realidade?

Con reticencias e dificultades iniciais, porque implicou máis carga de traballo polos mesmos cartos e un maior esforzo formativo. O modelo dixital é hoxe inabarcable, polo que cómpre a especialización dos profesionais. Procurar a colaboración ou complementariedade entre axencias pequenas é outra vía acaída.

Cres que este ámbito da comunicación forma parte do xornalismo ou debería xestionarse aparte?

Media vida nos medios e a outra media na comunicación corporativa e institucional lévanme a pensar que somos oficios parcialmente diferentes, pero con moitas ferramentas en común. E diría que compartimos a mesma ética profesional.

Agora estamos metidos de cheo no debate da IA, que tamén terá (ou ten xa) unha gran repercusión neste sector. Como cres que vai influír?

Son neófito na materia, pero temo que influirá de cheo. Cando lle pido un texto para un discurso ou unha nota de prensa, o ChatGPT dáme un xenérico adaptado, ben escrito e en poucos segundos. Isto xa me parece terrible. Menos mal que o documento non me serve, pero é unha axuda máis, sobre todo inmediata. Non queda outra que reinventarse e, ao mesmo tempo, recuperar os principios básicos da profesión, tanto se es asesor de medios como se es xornalista nun medio.

Que desafíos afronta agora mesmo o sector da comunicación?

A formación en intelixencia artificial e as novas ferramentas dixitais en constante evolución son imprescindibles para todo tipo de profesionais do noso ámbito. O seguimento e a avaliación das audiencias, os impactos mediáticos e o monitoreo das redes sociais e dos medios dixitais son, historicamente, un reto na comunicación corporativa para ter un control esixente da marca ou entidade. Coa chegada do mundo dixital deuse un paso de xigante, grazas ao universo conectado; pero obter un díxito a modo de nota final segue sendo un desafío.

Que tipo de servizos presta Vía Láctea?

Somos basicamente un gabinete de prensa –moi influínte, se se me permite–, grazas a un traballo rigoroso, dilixente e continuado; e grazas tamén aos nosos clientes, cuxa natureza e actividade nos permiten identificar e seleccionar noticias de actualidade e divulgativas de notable interese. Tamén é determinante que case o cen por cen dos clientes levan con nós desde sempre; e o que entrou máis tarde, non marcha. Temos unha taxa de fidelidade extraordinaria. Isto converteunos nunha fonte estable e fiable das organizacións ás que representamos ante os medios de comunicación. Por outra parte, esta fidelidade é a base da nosa fortaleza empresarial. Outro servizo que prestamos é o deseño gráfico, complemento esencial como gabinete de comunicación que somos.

Igualmente, temos unha liña comercial de seguimento informativo de prensa, radio e TV, así como de toda clase de medios dixitais e das redes sociais.

Cal foi o proxecto ou o momento máis memorable desta andaina ou que recordas con especial cariño?

Hai varios fitos, en realidade. O Colexio de Arquitectos de Galicia e as investigacións e emprendemento da USC foron os primeiros clientes, os que nos permitiron arrancar. Entrar na Cámara de Comercio de Santiago presidida por Jesús Asorey, e gañar os concursos do Consorcio de Santiago e o do Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas-Ourense) acreditaron a nosa maioría de idade. Pero o mellor de todo é contar ao meu lado con tres magníficas profesionais: Azucena Muíño, Montse Calvo e Eva Fernández. Somos unha empresa de persoas!

Non sei se nos dirías algún traballo que prefires non recordar… porque tamén haberá algún!

Nun traballo de relacións públicas e moita coordinación con terceiros, sempre atopas algunha persoa que non sabe estar; pero, por fortuna, apenas lembro un par delas.

Como xornalista compostelán, viches cambiar non só o xornalismo, tamén a cidade. Como ves Santiago política, económica e socialmente?

O tempo muda todo, e unha urbe tan dinámica, máis aínda. Foi a máis en turismo e peregrinos, así como en investigación universitaria e revitalización da sociedade civil e da cultura popular. Pero a reindustrialización de Santiago está estancada, malia o esforzo que fixo a directiva do Tambre coa posta en marcha do Biopolo A Sionlla. Foi a menos en proxecto de cidade e como urbe líder. A zona vella esmorece sen remedio. Deixaron estourar a cuestión da vivenda e do aloxamento estudantil. Aumentou a inseguridade cidadá. As obras tardan unha eternidade. E boto en falta menos corrección política e maior valentía de todos, empezando por min, para intervir no debate público.

Cales dirías que son as claves do éxito para chegar a cumprir 25 anos?

Asumir o risco inicial con cabeza e prudencia; facer un traballo profesional, rigoroso e comprometido; e, finalmente, actuar de boa fe e con honradez con clientes, provedores e os profesionais que traballan contigo.

Que consello lle darías a quen empeza nisto? 

Non teño consellos, pero si o meu testemuño. De quedar na radio, ou nos medios, non tería aprendido tanto como sendo empresario, un microbio, pero empresario. A empresa abriume os ollos a outros ámbitos e realidades, persoas e relacións humanas, e a ver a profesión periodística desde a outra marxe do río. Non cambio por nada esta riqueza.

(Entrevista publicada no número 406 – marzo 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)