Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Non estaría nun programa no que non me permitiran expresarme ideoloxicamente ou no que se promovera unha ideoloxía contraria á que eu teño”



NURIA CALAMBUR · PUBLICADO O 08 DE OUTUBRO DE 2025 · (0)




Do humor ás conversas de madrugada, da irreverencia televisiva ao acompañamento radiofónico máis humano. Dende os seus comezos en Bamboleo, ata a súa actual etapa á fronte de Pensando en Ti, Pepe Capelán segue a conquistar corazóns co seu enxeño, autenticidade e simpatía. Nesta entrevista percorremos con el un camiño cheo de aprendizaxes e recordos, unha bagaxe a través do tempo que o trouxo, por fin, onde sente que debe estar.

Ao longo dos anos vímoste en moitas facetas, considéraste un comunicador, un artista ou un cómico?

Iso foi cambiando cos anos. Entrei na televisión hai 15 anos e o meu perfil era máis humorístico, viña do teatro, dos monólogos... estaba como moi orientado a humorista. Aparte, a miña función no primeiro programa no que traballei, que foi Bamboleo, era nesa liña. Pero co paso dos anos fun cambiando cara un perfil de comunicador, non me atrevería a dicir showman, porque creo que é un concepto, en parte, desfasado, e porque tampouco creo que eu encaixe nese sentido, pois trátase dun tipo de persoa que ten un magnetismo, un poder de atracción, que eu non sinto que teña... pero si, agora creo que son máis comunicador.

No Bamboleo comezaches a túa andaina profesional da man de Xosé Manuel Piñeiro. Como foi traballar con el?

Por unha parte, foi un soño. Era unha persoa que desde o ano 92 entraba nas casas de toda Galicia cada martes, era alguén que coñecías á forza de velo. Fixo 700 e pico Supermartes; e Acompáñenos, Tequelexou... unha persoa que xunto con Gayoso forma parte xa do imaxinario colectivo dos galegos, alguén que todos percibiamos como da familia, pero ao mesmo tempo moi lonxe, que tiña esa maxia de estrela televisiva. Algo que xa se vai diluíndo hoxe en día... queda Gayoso e, como moito, Roberto Vilar. Pero foi un choque, porque era unha persoa moi próxima, moi cotiá, moi normal no trato diario, pero logo, cando pisaba o escenario convertíase en Súper Piñeiro. Era unha pasada velo traballar, dominaba completamente o plató, as cámaras, o ritmo do programa... sabía ler perfectamente cando tiña que meter un pouquiño máis de humor, cando tiña que baixar o ton ou ser máis cariñoso coa xente... aprendín un montón del. 

No Bamboleo adoitabas disfrazarte. Considéraste un experto en levar tacóns?Disfrazarme era o meu sinal de identidade. Dos 300 programas que fixen, utilicei tacóns un 50% das veces, seguro. Lembro unha que vez que o pasei moi ben, que nos disfrazamos Claudio Pan e mais eu das Azúcar Moreno, porque viñan ao programa... Non teño problema ningún en poñer tacóns. Eu calculo que os empreguei unhas 150 veces, tranquilamente. Os que somos así, trangalleiros... O entroido encántame, teño que recoñecer que é das miñas épocas favoritas do ano.

E que opinaron as Azúcar Moreno da actuación?

 Con moitísima educación reserváronse o seu dereito a opinar. Pero din que a cara é o espello da alma. Eu creo que os vídeos están aí para que nos queira ver... Bastante boa educación tiveron para non rirse de nós. O espectáculo era bastante lamentable, si.

O teu salto ao estrelato chegou despois, co Malicia Noticias...

Si, tras pasar unha etapa de transición, facendo programas máis de verán, de reporteiro, directos, unha temporada tamén de subdirector de Vín Polo Vento...  E a finais do verán do 2019, ofrecéronme a posibilidade de participar nun formato semellante a El Informal ou a Caiga Quien Caiga... Un informativo gamberro. Foi un proxecto no que estiven dende o principio porque co creador do formato, Paco Lodeiro, estiven compartindo opinións... ao mellor mesmo influín un pouco en que aparecesen certas caras dentro do programa. Foi unha aposta bastante arriscada por parte da cadea, pero si, foi o formato que me deu a coñecer a outro público que normalmente non vía a Televisión de Galicia, un público máis mozo, público de mediana idade... 

O formato tivo moi boa aceptación...

A franxa na que emitíamos era xusto despois do telexornal da noite, un horario moi apetecible, porque despois dos informativos a xente xa enganchaba. Ademais, cando chegou a pandemia nós seguimos traballando, e eramos o único espazo de humor dentro de toda unha programación onde só se vían cifras de mortos, cifras de contaxios, etc. Creo que iso foi o que axudou a que o programa se fixese máis popular, máis coñecido. A través das redes tamén tivemos varios momentos moi virais... Aí si que notei realmente o poder da tele e como chegábamos a xente.

Neste tipo de programas, indo de reporteiro, acababas en situacións do máis insospeitadas. Levábalo ben?

Na miña vida normal son unha persoa tímida e reservada, pero a min gústame a jarana. Gústame meterme coa xente, falar con eles, vacilar... Lembro unha parella de Vigo que querían casar vestidos de piratas e negarállelo a xuíza... Logo fixeron un segundo intento, e alí fomos nós vestidos de piratas. Recuperando ese espírito do Caiga Quien Caiga, de ser un pouquiño irreverente, que era o que eu pretendín sempre co meu personaxe dentro do programa. A verdade é que o desfrutaba moito, tiña moi clara a liña entre ser irreverente e ser mal educado... A irreverencia permítese e perdoase, pero a mala educación, non. Ninguén se me enfadou nunca, ao contrario, todo mundo me entraba moito ao trapo... Vivín momentos moi divertidos. 

E falando de momentos graciosos, como faciades para non morrer coa risa no Malicia Noticias?

O programa era en directo. Entón chegaba un momento no que xa disociábamos. Tiñamos xa tan adquirida a mecánica do programa, que cando viña xente convidada, alucinaban... Entrabamos pola mañá, facíamos unha selección das noticias que queríamos tratar, saíamos a gravar reportaxes, escribíamos todo o guión, facíamos unha primeira versión, unha revisión, unha lectura, un ensaio con cámaras, e xa logo a emisión en directo. Tiñamos tan interiorizado todo o guión que era moi raro que che viñera ese momento de desconexión. As risas eran ao mellor despois, ou nos momentos que proxectábamos algún vídeo, ou unha publicidade... A veces permitiámonos improvisar e nos vacilabamos entre nós a ver quen facía rir a quen. E eses eran os momentos bonitos que eu creo que máis agradecía a audiencia, esas risas espontáneas. Pero en xeral durante o programa funcionabamos como unha maquinaria suíza.


Chegaches ao Pensando en ti como humorista, para darlle un toque de alegría. 
Si, esa era a proposta que facían dende a radio, que a persoa que conduce o programa tivese ese momento de relax, de poder descansar en alguén, algo que é moi necesario. Cheguei para aportar unha visión diferente, porque a audiencia xa me coñecía da tele, o meu perfil cómico... Para min foi moi fácil. Tamén teño que dicir que Ricardo Saavedra púxomo moi doado. Dende o primeiro día facilitoume as cousas e mesmo me propuxo ideas para facer dentro do programa. Cando chegas a un formato que para ti é novo completamente, chegas un pouco perdido, non sabes o que vai a funcionar ou o que non. Eu sempre aproveitei moito o tema visual para o humor, os disfraces, as caras, os xestos... e na radio tes que traballar doutra forma. Pero Ricardo foi moi xeneroso, deume carta branca e grazas a el conectei moi ben con esa audiencia.

Que destacarías da túa época con el no programa?

Os momentos nos que eu o facía rir, cando ría sinceramente, a gargallada limpa, porque ríamos os dous, con calquera cousa. Como cando chamou unha señora que nos enviara unha caixa de comida e improvisamos unha reportaxe de estilo equipo de investigación... Fomos buscala, eu chamando por telefono en directo mentres percorría os corredores da radio... Temos feito cousas moi divertidas, tomar as uvas ás tantas da madrugada, ir disfrazados... Ricardo era quizais unha persoa máis seria, e creo que para min é dobre mérito conseguir facelo rir e soltarse. Conectei moi ben con el porque sentía realmente o seu respecto pola miña aportación ao programa, o seu cariño, e creo que tamén llo devolvín. Para min foi unha experiencia nova da que aprendín moitísimo. Despois toda esa aprendizaxe púxena en práctica na seguinte temporada con Raquel Rosa.

No programa tiñas unha sección que se chamaba Contos dun rapaz da aldea, considéraste un rapaz de aldea?

Si, claro, de feito, era o nome do meu monólogo. Eu tiña un espectáculo de dúas horas que era autobiográfico, que creo que é o que funciona á hora de contar historias. Eu contaba a miña historia da rapaz da aldea, que vai ao instituto a unha gran cidade como é Coruña, o cambio, a adolescencia, a post-adolescencia, a universidade... E todas esas aprendizaxes que adquires na aldea e que ao final acabas aplicando á túa vida diaria. Creei a sección porque desfruto contando historias e coa literatura, son un gran fan de Castelao. Pensei que quizais podería encaixar falar un pouquiño diso, de contos galegos, de lendas... 

Agora conduces o programa, como senta e se sente un na cadeira de Marcial Mouzo? 

Sento moi alto, porque me gusta estar arriba, que se sento moi baixo empezo a escorrerme e son cinco horas de directo e ao final acabo collendo unha escolioses de carallo, ha, ha... Pero síntome... agora ben, moi cómodo... Non vou pecar de falsa modestia. Creo que é un programa que me encaixa, por ese cambio meu a un perfil máis de comunicador, de escoitador, de conversador... Lembro o primeiro día, porque pretendo facer o programa máis aberto, xogarmo a un salto mortal sin rede, non propoñer ningún tema e que sexa a audiencia a que propón. Cando expliquei cal ía ser a filosofía do programa, recordo unha sensación de baleiro, de preguntarme: e se non chama ninguén?

Pero moita xente no programa xa chamaba para contar o que lle apetecía...

Exacto, como eu iso xa o vivín nestes anos anteriores, pensei que realmente sería como darlles xa liberdade total. Pero si que lembro eses nervios, e inda por riba, a primeira chamada foi unha señora que non escoitaba ben, que só quería falar con Isi, que tamén é colaborador do programa, e só chamaba por el, un desastre. Ti imaxinas un comezo espectacular e ao final non se acaba cumprindo, porque o programa está vivo... Agora o que fago ao principio da noite é unha cousa que adquirín de ser ouvinte doutro formato similar, que tamén me marcou moito, que era o  Hablar por hablar, da cadea SER, no que Gemma Nierga, comezaba cunha recapitulación de momentos clave do programa anterior. Sérveme como carta de presentación e para que a xente vexa que se fala de temas moi diversos. É un pouquiño máis traballosa pero creo que funciona. 

Parece que estás cómodo nesa cadeira, pero parece que os teus antecesores non terminaron de acougar nela. Son duras as noites? 

Son duras, non o nego. A nivel persoal, de saúde, estame pasando factura o non ser capaz de adaptarme a esta quenda. Agardo ilo conseguindo, pouco a pouco. Ao final vives ao revés da xente, tes que cambiar o ciclo de sono completamente. Eu, por sorte ou por desgraza, non teño familia, estou só, nese sentido non dependo de ninguén e ninguén depende de min. Podo ter certa liberdade de durmir ata á hora que me pareza. Non teño esas responsabilidades que poden implicar, pois ter que cumprir cunha muller ou cos fillos... Pero si que son duras. Tampouco creo que sexa algo como para que te bote para atrás. Pero entendo que sexa un formato que queima moito.

Non só é o horario... 

Son moitas circunstancias. A audiencia é moi cariñosa, pero tamén hai parte dela que é moi cruel. Eles non se dan conta... Ou si, pero dálles igual. Hai xente que se permite o luxo de criticar como fas o programa. Eu creo que a ninguén se lle ocorrería chamar a Iñaki Gabilondo ou a Júlia Otero para dicirlle que non lle gusta como o fai. Aquí hai esa familiaridade, esa liberdade e confianza que eu agradezo. Admito todas as opinións, sempre que sexan con educación e con respecto. Pero a xente confunde moitas veces a liberdade que lle dá Internet coa falta de educación. 

 

Que é o que máis valoras de estar aí?

O servizo público que facemos. Porque, o primeiro, informamos, grazas aos compañeiros dos servizos informativos. Vivino de primeirísima man coa vaga de incendios, porque estábamos só Isa Vázquez e eu cubrindo toda a actualidade da evolución dos incendios durante as noites. E fixemos, para min, un exercicio xornalístico que xa lle gustaría a outras radios e a outras teles. Porque estábamos en directo, con chamadas con alcaldes, con veciños afectados, con brigadistas... Mérito dos servizos informativos, eu estaba alí para escoitar, falar coa xente... Tivemos testemuñas valiosísimas, un rapaz contounos que estaban nunha casa durmindo doce, en quendas para vixiar porque o lume estaba a piques de chegar onde eles, ou xente que perdeu a súa casa, brigadistas que viñan coas motobombas dende Verín... Ao final, o que eu pensaba que ía a ser un verán falando de verbenas, de orquestras e romarías... Converteuse para nun exercicio de servicio público máis que nunca.

E o segundo?

O labor de acompañamento, que eu creo que é do que vai este programa. Moita xente nolo di, a frase é: Non sabedes a compañía que me facedes! Ante iso, que podes facer? Acollelo e potencialo. Grazas a este programa e outros semellantes, detectamos a gran pandemia silenciosa que é a soidade non desexada. É evidente que este programa failles moita compaña, porque escoitan, porque a veces conversan... hai ouvintes que só chaman para saudar, pero queren chamar tódolos días. Creo que merecen ese espazo, debemos ter empatía. Hai unha persoa que chama só para preguntarnos como estamos. É unha persoa na que se intúe unha soidade, intúese un abandono por parte da familia, porque está nunha residencia... Para esa persoa esa chamada é o momento feliz do día.

Nótase que te involucras no que fas.

Non o podo evitar. Unha cousa moi importante que aprendín de Xosé Manuel Piñeiro, entre moitas outras, é que el sempre tratou á xente maior con moito cariño, con moito respecto, pero sen condescendencia, que é algo que por desgracia observo neste noso audiovisual, que mesmo ás veces se lles infantiliza o ridiculiza e a mi non me educaron así. Chamoume a atención sempre que Piñeiro fose unha persoa moi próxima pero que trataba a xente maior de “tú a tú”, que os vacilaba, que se ría con eles, que se deixaba tomar o pelo... cando os tratas de igual a igual, pero con ese respecto e con ese cariño, ao final eles tamén che dan moito. Esa foi unha das aprendizaxes.

Hai algo ao que non farías a nivel profesional?

Hai algo que... para empezar sería incapaz de facer unha escena de sexo nunha película. Pero, por sorte, a vida non me levou polo camiño de interpretación. Logo, nunca faría un programa no que se vulneraran os dereitos fundamentais do ser humano. É dicir, onde se promoveran valores como o racismo, homofobia, xenofobia, machismo e demais. Tampouco estaría nun programa no que non me permitiran expresarme ideoloxicamente ou no que se promovera unha ideoloxía contraria á que eu teño.

E algo que che apeteza moito?

Cando empezaba nisto, creo que todos os que somos humoristas, soñamos con ter o noso propio programa, un late night, inspirándonos en xente como Buenafuente, Jay Leno, Jimmy Fallon, etc. Pero co paso dos anos creo que fun abandonado ese ego.  Agora  agradezo máis o que teño, agradezo o que me vén, cólloo con ganas, intento ser profesional, intento aprender de cada oportunidade... e realmente considero que agora estou onde teño que estar. E se a providencia, a dirección ou a audiencia deciden que non teño que seguir aí, buscarei outra cousa. O Pensando en Ti é un “caramelito” profesionalmente. 

Entón temos Pepe Capelán para para un anaco.

Estou onde quero estar, nun formato que penso que se me dá ben e onde parece que encaixo. Creo que a audiencia me recibiu ben, porque é un formato moi particular, no sentido de que non adoitan admitir moi ben os cambios, pero tiven a sorte de que xa me coñecían de ter colaborado, pois tanto con Ricardo, como con Raquel, entón quizais iso tamén abriu esa pequena xanela a que non fosen tan críticos. Pola miña parte gustaríame seguir, ogallá dure moitos anos.

(Entrevista publicada no número 412 – setembro 2025)



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)