María Quiroga: "Como persoa emigrada, ter este lazo con Galicia e a matria a través da lingua é moi importante a nivel identidade"
Primeiro, noraboa polo Premio Illa Nova. Como recibiches esta noticia?
Levo asimilándoo todo o verán. Eu vivo en Suíza dende fai case catro anos e este verán retornaba á terra, como boa emigrada. Xusto estaba conducindo de volta a Galicia cando me chamaron para darme a noticia. Comecei a chorar. A verdade que foi toda unha emoción.
Como foi o proceso creativo desta novela? Levabas tempo traballando na idea?
Foi unha obra que empecei a escribir no 2021, ano no que fixen o primeiro borrador. Despois quedou en repouso. Na vida é difícil atopar momentos de creatividade se non se traballa soamente diso. Eu tiven a sorte de formar parte de diferentes residencias artísticas, unha foi a da Fundación Antonio Gala, en Córdoba; e logo a Residencia Literaria da Cidade da Cultura. Logo comecei a traballar e, a verdade, que non tiña moito tempo. O ano pasado botei en falta a miña vertente artística e decidín retomar a novela.
Polo que contas, foi un proceso que tomou tempo.
Si, dende o verán pasado ata esta primavera. Foi un proceso longo, feito pouco a pouco, con moitas revisións, pero a verdade é que agora que xa está listo sei que ten sentido e iso faime estar moi contenta. Ás veces as cousas toman o seu tempo e necesitan estar a remollo. Hai que respectar os tempos creativos.
Es graduada en Neurociencias pola Universidade de Edimburgo, unha área aparentemente afastada das letras. Inflúe dalgún xeito esta outra vertente profesional da túa vida nas obras que escribes?
De maneira oficial, eu son máis científica que artista porque salvo polas residencias artísticas nas que participei, non teño estudos en letras. Pero levo escribindo dende que era nena. Recordo escribir moitos relatos curtos, gañar premios nas bibliotecas de Lugo, mais nunca me dera o espazo para escribir unha novela. En si, son unha quimera. Fascíname o pensamento científico, cartesiano e racional, pero levo dentro miña unha parte moi artística. Sempre vivo nun xogo, nun tira e afrouxa entre estas dúas vertentes da miña vida.
Tamén é interesante para escribir.
Exacto. Xusto en ambas partes atopo esta creatividade. Tanto para a ciencia como para a literatura necesitas ser creativo. A metodoloxía da ciencia axudoume moito, sobre todo para escribir sobre determinados temas que abordei nesta novela e na anterior, como a memoria ou a saúde mental. Ao final, conto con experiencia profesional como científica e doutora. Tamén me gusta moito a linguaxe hiperespecífica que uso na novela e que ten a súa parte case poética.
Referenciando o título gañador, algunha vez sentiches que perderas o norte?
Por suposto (risas). Hai moitos momentos da vida nos que empezamos a dar voltas e a intentar atopar o noso camiño. Mais non creo que sexa algo negativo. Hai que aceptar que, ás veces, é normal estar un pouco perdido. Todo o mundo nalgún momento da súa vida se sente desconectado. A min pasoume en varias ocasións, penso que porque non se me dá ben escoller un único camiño e son polifacética. Por iso, para min, estar en movemento e habitar nas diferentes "Marías" é importante. Mais ten un risco, que é o risco de perderse un pouco.
A novela aínda está en proceso de edición. Pódenos adiantar algo?
É unha novela peculiar que está dividida en dous tempos. As protagonistas inician unha viaxe en bicicleta a través do norte de España, pola na cornixa cantábrica, durante a cal intentan procesar a perda dunha parella e o suicidio dunha amiga. Quixen retratar esta idea da viaxe física e non só a emocional ou intelectual. Estar presente no corpo e utilizar o movemento no espazo, que tamén axuda a avanzar no interior. Este movemento fai de fío condutor na novela.
Precisamente, o xurado do premio destacou o tratamento de temas como a saúde mental e a dor, sentimentos que retratan a unha mocidade cada vez afogada por diversos asuntos. Nútreste deste clima xeracional?
Si, exactamente. Sen querer que fose algo específico, si que abordo o loito e a perda que están moi presentes na novela. Existen diferentes perdas: unha amizade, unha parella, e a perda dunha personaxe fundamental que sofre problemas de saúde mental e que se suicida. Penso que é moi importante falar destes temas de forma directa para evitar que se estigmaticen. A saúde mental, o suicidio... tristemente todos coñecemos algún caso. É importante tratalos abertamente, non só entre as nosas xeracións, senón tamén na idade adulta. Todos deberiamos falar do suicidio dunha forma máis aberta. As cousas é mellor falalas. Non existen os temas tabús.
Na obra destacan as referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias e musicais. Vivir significa referenciar?
Boa pregunta. Creo que todo é unha mestura das nosas experiencias e das maneiras que somos e vivimos ao estar presentes no mundo. Como autora, bebo moitísimo de fontes científicas, musicais e literarias. Estou de acordo con esta frase de que vivir é referenciar. Ás veces as referencias son inspiracións.
Este ano Miriam Reyes foi a galardoada co Premio Nacional de Poesía, converténdose xa na quinta poeta galega en facelo. Cres que estamos a vivir un momento de pulo na escrita en galego?
A pesar de ser emigrada e traballar fóra da casa, teño a sorte de estar en contacto cunha rede de escritoras incribles en Galicia que están publicando na actualidade. Sigo a contemporáneas como Estela Gómez, Cyntia Menéndez, Brais Lamela, Nerea Pallares, que son autoras que están publicando en galego. É incrible a riqueza que temos e a cantidade de voces diversas e pertinentes. Eu son unha escritora nova, ou seminova, en lingua galega, e ver que se está publicando toda esta literatura é moi estimulante, sobre todo para seguir escribindo eu tamén en galego.
Como é escribir dende a emigración? É unha forma de manter vivo ese vínculo coa terra?
Eu marchei de Galicia con 17 anos. O ano que vén fago 34. Levo case a metade da miña vida fóra de Galicia. De momento está ben, pero sinto esa necesidade de estar conectada coa miña terra, e a literatura e a lingua son un nexo moi importante. Para min, a nivel persoal, como persoa emigrada que vive no estranxeiro, ter este lazo con Galicia e a matria a través da lingua e a escritura é importantísimo a nivel identidade.
(Entrevista publicada no número 413 – outubro 2025)
Comentarios (0)