A estampa inconfundible
Aínda que os nosos hórreos e os asturianos levan a fama existían moitos en zonas do norte e noroeste de España, pero como o material predominante co que foron levantados é a madeira esmoreceron ante a falta de coidados e a chegada de novos cultivos e necesidades. Precisamente que boa parte dos galegos sexan de pedra axudou á preservación.
Xa en 1973 aprobouse un Decreto de Protección de todos os hórreos e cabazos antigos de Galicia e Asturias para tentar poñer remedio a unha das moitas consecuencias do progresivo abandono de formas de vida, proceso que seguiu imparable. Nova e especificamente protexidos máis tarde coa Lei galega de Patrimonio Cultural de 2016 e no resto de comunidades por lexislacións semellantes, o pasado 15 de setembro publicábase unha resolución no Boletín Oficial do Estado (BOE) incoando o expediente para declarar todos os hórreos do norte da península como “manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial”.
Pero cantos temos?
Non existe unha catalogación oficial nin actualizada, circula unha cifra do ano 2004 que falaba duns 30.000 por toda Galicia, de lonxe a comunidade con máis deles. Con todo o investigador Carlos Regueira coida que 30.000 xa os hai só na provincia coruñesa, como explica na súa nova versión 2.0 do seu Atlas de Hórreos publicado en 2017 presentado en setembro de 2024 no III Encontro Internacional sobre Celeiros Elevados organizado pola Rede Internacional Horrea. Agora engadiu unha nova proposta de clasificación introducindo os construídos con materiais “modernos” como ladrillo, e dedica un apartado para as hórreas, construcións máis anchas do habitual.
Outra cita recente foi este pasado setembro nas VI Xornadas Internacionais da Cultura de Hórreos, reuníronse en Cantabria de novo membros de Rede Horrea, da Asociación de Amigos do Hórreo Asturiano, AMHOCAN (Asociación de Amigos do Hórreo Cántabro), Apatrigal (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego) e Amigos dos Hórreos Leoneses. Hai interese en estudalos, coidalos e protexelos.
Consenso no disenso
A explicación máis aceptada da orixe do termo hórreo e das súas variantes remite ao latín horreum, edificio no que se gardaba especialmente o gran aínda que co tempo empregouse para case calquera alimento. Con todo aínda non se chegou a un acordo.
Por exemplo, Eugeniusz Frankowski nun traballo publicado xa hai máis de 100 anos “Hórreos e palafitos na Península Ibérica” (Madrid, 1918), coida que derivan das estruturas de varas entrelazadas supervivencia da antiga construción palafítica, o que se ve claramente nos cabazos. Así, mentres o hórreo de cámara cadrada ten parentesco con construcións análogas da Europa central e setentrional -os profesores Dias, Veiga de Oliveira e Galhano propoñen unha orixe sueva do de cámara rectangular, que veu á modificar os varas- o hórreo de varas garda similitudes con outros da rexión mediterránea propios de pobos recolectores. Polo que se atribúe a súa introdución en Galicia a xentes preceltas de orixe e cultura mediterráneas, os oestrimnios. En calquera caso todos os autores coinciden na diversidade de orixes.
A referencia escrita máis antiga
Atopámola no século I a.C., aparecen citados nun dos libros de Marco Terencio Varrón, cabaleiro, militar e considerado grande sabio en Roma. En Rerum rusticarum (Cuestións de Agricultura en tres libros) fala da arte do agricultor, as mandas e a economía rural e alí saen citados. Tamén aparecen descricións noutros autores latinos como Plinio Segundo ou Marco Lucio Vitruvio.
Fontes protomedievais citan a voz orro ou hórreo no ano 831. Os cartularios cántabros do mosteiro de Santo Toribio de Liébana e da abadía de Santillana del Mar acreditaban a existencia. Despois atopamos unha referencia nunha escritura de 1219 pola que o rei Alfonso IX cedíalles o castro de Untia, onde asenta hoxe Betanzos, aos veciños de Tiobre (...e do outro lado polo camiño que vai ao voso hórreo, excepto o mesmo hórreo co seu curral...).
Pouco despois aparece a primeira referencia gráfica nunha das miniaturas que ilustra a Cantiga CLXXXVII de Santa María de Afonso X, no século XIII, onde se ve que teñen un aspecto moi semellante ao da actualidade aínda que con ausencia de ventilación no interior da cámara ao non dedicarse a un millo que nin coñecían. Está confirmada a intrínseca relación entre estas edificacións e os camiños de peregrinación: só na provincia de León, por exemplo, hai uns 17 hórreos no mesmo trazado do Camiño de Santiago e 120 na zona de influencia
Avanzando no tempo na obra do século XVII de Luis Alfonso de Carballo “Antigüidades e Cousas Memorables do Principado de Asturias” achamos descricións do celeiro rural peraltado no noroeste, pero a documentación notarial conservada mostra un cambio entre os séculos XVII e XVIII. Chega a Europa o primeiro millo de América en 1604, traído polo gobernador e capitán xeral da provincia da Florida, o almirante asturiano Gonzalo de Castro. No seu Casariego natal e no Mondoñedo da súa muller, Magdalena de Luaces, tiveron lugar as primeiras plantacións desta revolución alimentaria. O nome orixinal do novo gran, millo, foi substituído polo do cereal ao que viña desprazar, o mijo (millo en galego).
Como son os galegos
Con múltiples variantes poderíamos metelos nun saco común, o grupo galego-portugués, aínda que en zonas de Lugo son moi similares aos asturianos e leoneses ou teñen selo propio. Aínda que tradicionalmente son de planta rectangular existen hórreos cadrados, e ata un octogonal, en Fonsagrada, vinculados con eixo astur-leonés.
As pezas son unha base para afastar a cámara do chan, poñendo ademais en contacto o gran co aire, as paredes permiten a ventilación por todos os costados e a estrutura protéxese cun tellado de tella ou de lousa en zonas de Lugo. O chan/lastra, dúas paredes costais e dúas transversais chamadas cabaceiras ou penais con moitas variantes conforman o resto. En todos os casos sempre se interpoñen entre os soportes e a cámara pezas de lousa ou granito planas chamadas tornarratos das que xa sabemos a función.
A lonxitude da cámara media en Galicia? Entre 1,30 e 1,50 metros. Combina a madeira e a pedra. Os paramentos de pedra podémolos ver de cantería, de cachotería en seco, de postes biselados, de celosía de lousa, de perpiaños alternados e, máis recentemente, de ladrillo cerámico oco ou perforado. Os de madeira poden estar formado por tramas con balaústres verticais ou, máis escasamente, horizontais.
(Extracto da reportaxe en ECO 413 – outubro 2025)
Comentarios (0)