Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Susana Teijeira: "As doazóns de cerebro son fundamentais para a investigación biomédica"



NURIA CALAMBUR · PUBLICADO O 11 DE NOVEMBRO DE 2025 · (0)




Que importancia teñen este tipo de doazóns para a investigación?

As doazóns de cerebro son fundamentais para a investigación biomédica. O estudo do tecido cerebral post mortem permite aos investigadores comprender mellor as alteracións biolóxicas que causan patoloxías como o Alzheimer, o Parkinson ou a ELA. Pero, ademais, a análise destas mostras pode ser clave para desenvolver diagnósticos máis precisos, tratamentos máis eficaces e posibles estratexias de prevención. Sen estas doazóns, os investigadores non dispoñerían de recursos realmente eficaces para avanzar no coñecemento do cerebro e as súas enfermidades.

Contar con material biolóxico humano custodiado en bancos de cerebros (segundo os principios éticos e seguindo a normativa legal vixente), onde foi recolleito, procesado e conservado mediante protocolos estandarizados que aseguran a súa rastrexabilidade e calidade, é esencial para o progreso científico.

En que tipo de investigacións son imprescindibles estas doazóns?

Actualmente, o cerebro e as súas enfermidades estúdanse, ademais de sobre o tecido cerebral humano, sobre modelos animais. Mais existen diferenzas significativas entre estas mostras, que fan moito menos eficientes os estudos realizados sobre material biolóxico non humano. Por exemplo, as lesións que aparecen en humanos no Alzheimer, non son completamente reproducidas en animais, nin na localización nas estruturas do cerebro nin na súa evolución ao longo da enfermidade. Por iso, a doazón de cerebro, tanto de persoas con enfermidades neurolóxicas e neurodexenerativas como de persoas sas, permiten a análise directa de tecido cerebral humano, de aí a súa importancia.

Cantas doazóns precisa o Biobanco ao ano para funcionar con normalidade?

O Banco de Cerebros de Vigo recibe entre 10 e 20 doazóns anuais que proceden de toda Galicia, xa que é o único banco de cerebros da nosa comunidade. As mostras obtéñense fundamentalmente de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, como enfermidade de Alzheimer, enfermidade de Parkinson, esclerose lateral amiotrófica (ELA), enfermidades por priones, como a enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, enfermidade de Huntington e outras. Tamén se reciben algunhas doazóns de persoas sen patoloxía neurolóxica.

E, entendo, estas últimas son relevantes para a comparación de mostras.

Si, estas mostras son fundamentais para utilizar como referencia nos estudos de investigación, ao comparar os resultados obtidos en mostras patolóxicas con mostras normais. Estas doazóns de persoas sen enfermidades neurolóxicas ou neurodexenerativas son moi escasas e moi demandadas polos investigadores, polo que son moi apreciadas en calquera biobanco. A dispoñibilidade dunha cantidade suficiente de mostras de diferentes patoloxías e de controis é crucial para garantir que o biobanco ofreza un soporte eficaz á comunidade científica.

Este tipo de doazóns son compatibles coa doazóns de órganos?

A doazón de órganos e a doazón de cerebros son compatibles. Hai que ter en conta que, ante calquera limitación, sempre se prioriza a doazón de órganos. Se o procedemento de extracción para doazón de órganos se realiza nun centro diferente ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro, no que se atopa o Banco de Cerebros de Vigo, a doazón de órganos é a que se realiza en primeiro lugar.

Cales serían as pautas a seguir?

Ao asinar o consentimento informado, o doante autoriza ao biobanco a extraer o seu cerebro unha vez que se produciu o seu falecemento, para a súa utilización en estudos de investigación biomédica. O doante pode poñer todas as restricións que considere ao consentimento que vai asinar, e poderá revogar este consentimento en calquera momento posterior á firma, sen ter que explicar os motivos. A firma do Consentimento informado, imprescindible para a doazón, pode ser realizada polo propio doante se se acolle ao Programa de doazón do Biobanco IIIS Galicia Sur. Tamén, poderá ser un familiar ou represente legal o que asine o consentimento, unha vez se produza o falecemento e sempre que non haxa constancia expresa de oposición á doazón. Para asegurar que os proxectos de investigación para os que se solicitan as mostras cumpran todos os requisitos éticos e legais esixibles, o banco de cerebros pide aos seus comités asesores que avalíen a solicitude. Só no caso de que o seu informe sexa favorable se ceden as mostras.

Que lle diría a alguén que está a pensar na posibilidade de doar ou seu cerebro á ciencia?

A doazón de cerebro representa un acto extraordinario de xenerosidade e compromiso co avance científico. É importante que a persoa interesada na doazón de cerebro estea ben informada sobre o obxectivo desta doazón. A súa finalidade é a cesión de mostras a investigadores de todo o mundo para a investigación en enfermidades neurolóxicas e neurodexenerativas. Non supón ningunha unha carga económica para a familia, é o biobanco quen procesa e conserva as mostras mediante procedementos controlados.

(Entrevista publicada no número 413 – outubro 2025)

Para dúbidas ou consultas, as persoas interesadas poden contactar co Biobanco IIS Galicia Sur vía telefónica (986 217 456, 986 217 453 e 986 217 475), tamén enviando un email (biobanco.iisgs@sergas.es) ou consultando a súa páxina web (https://www.iisgaliciasur.es/home/biobanco/).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)